Se as mulleres paramos, o ensino para

CIG-Ensino anima ás mulleres a sumarse aos paros laborais convocados para o 8 de marzo

Este ano recupérase o espírito revolucionario dunha data que conmemora as sanguentas orixes da loita obreira feminista en 1857, ano no que tamén se produciu a primeira folga de mulleres na fábrica de tabacos da Coruña. Ademais engádense as reivindicacións do movemento feminista no mundo que esixe a fin da discriminación e da violencia contra as mulleres e reivindica a igualdade real de dereitos e de oportunidades.

Xunto cos paros laborais, as mulleres estamos chamadas tamén a realizar folga de coidados e de consumo para demostrar que o mundo non funciona se nós paramos. 

O vindeiro 8 de marzo está convocado un Paro Internacional de Mulleres que será secundado en 57 países de todo o mundo. O obxectivo é recuperar o carácter reivindicativo desta data que tivo as súas orixes nas loitas da muller traballadora por acadar unhas condicións laborais dignas durante a incipiente revolución industrial. 

Así pois, este ano recupérase ese espírito revolucionario e engádense as reivindicacións do movemento feminista no mundo que esixe a fin da violencia contra as mulleres, a fin da discriminación e a igualdade real de dereitos e de oportunidades entre ambos sexos. 

Con este fin, a CIG-Ensino súmase a esta folga xeral de mulleres convocando paros laborais no ensino, no que somos maioría as traballadoras, nos seguintes horarios:

  • Pola mañá: de 12 a 14 horas.
  • Pola tarde: de 19:30 a 21:30 horas. 

Animámoste a participar nestes paros abandonando o teu posto de traballo nas horas indicadas, como o fixeron hai arredor de 160 anos as pioneiras da loita obreira feminista, e facendo visíbel a túa implicación nesta loita. Para iso podes concentrarte diante do teu centro ou adherirte ás concentracións que están previstas na túa cidade, e que podes consultar no cartaz superior.

Desde a CIG-Ensino convócanse ás mulleres a estes paros para que se tome conciencia xeral da importancia da achega feminina ao mundo e chámase a que ese día as mulleres tamén fagan folga de coidados, de consumo e un boicot activo ás empresas que discriminan ou empregan a imaxe da muller como reclamo sexista. Os homes están chamados a ir a traballar pero poden colaborar activamente coas súas compañeiras participando nas manifestacións unitarias que hai convocadas pola tarde polo movemento feminista pola tarde nas cidades galegas. Tamén se pode facer visíbel este apoio levando os colantes que editou a CIG-Ensino: “eu apoio a folga de mulleres” e facilitando que ese día tomen o protagonismo as mulleres. 

Esperamos que esta xornada de paros sexa un éxito e que vaia máis aló do simbolismo que ten esta data. Animamos a homes e a mulleres a loitar por unha verdadeira igualdade durante todo o ano, a rexeitar e a denunciar a violencia machista en todas as súas formas, rompendo cos roles patriarcais que se reproducen diariamente nos centros de traballo e entre o alumnado, na nosa vida diaria e na das nosas fillas e alumnas. 

O vindeiro 8 de marzo debemos e queremos berrar colectivamente para poñerlle fin á discriminación, ás agresións físicas e sexuais, ao acoso e á cousificación que sofren diariamente as mulleres. Por iso animámoste a facer visíbel esta loita empregando cartaces con lemas como SE AS MESTRAS PARAMOS, O ENSINO PARA; SE AS PROFESORAS PARAMOS, O ENSINO PARA ou SE AS MULLERES PARAMOS, O MUNDO PARA, tirando fotos e espallándoas nas redes sociais. Podedes usar os cancelos: #8mEuParo #8deMarzo #FolgaDeMulleres

Pregámosvos ademais que nos enviedes todos estes testemuños gráficos á conta folgamulleres8m@cig-ensino.gal para poder darlle a máxima publicidade posíbel e amosar o amplo seguimento que de seguro terá esta convocatoria. 

Nota: no caso de que non haxa colantes de “eu apoio a folga das mulleres” no teu centro podes recollelos no local da CIG máis próximo ao teu lugar de traballo ou ao teu domicilio.

Volver