Resume da entrevista mantida coa Conselleira de Educación

Entrevista

Á entrevista asistiron o Secretario Nacional, Anxo Louzao, e os membros da Executiva, Marta Dacosta e Xosé Luís Rivera, por parte da CIG-Ensino, e a Conselleira de Educación e o Secretario Xeral por parte da Consellaría. A entrevista iniciouse ás 18:30 e rematou ás 20:30 horas.

ENTREVISTA COA CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN

Á entrevista asistiron o Secretario Nacional, Anxo Louzao, e os membros da Executiva, Marta Dacosta e Xosé Luís Rivera, por parte da CIG-Ensino, e a Conselleira de Educación e o Secretario Xeral por parte da Consellaría. A entrevista iniciouse ás 18:30 e rematou ás 20:30 horas.

En primeiro lugar, a CIG-ENSINO trasladoulle á Conselleira o seu malestar pola actitude das forzas da orde durante a mobilización convocada coincidindo co inauguración do curso escolar, no CEIP Agra do Muíño de Ames, pois a Policía impediulle ao Secretario Nacional da CIG-ENSINO acceder á inauguración, cando estaba expresamente convidado. A conselleira manifestou que non tiña coñecemento do feito, que non fora consultada, e de selo, non tería autorizado esa actuación policial.

Así mesmo, ao constatar que non se está a dar resposta a moitos escritos que reciben, reclamamos que se contesten, respostándonos que tentarán facelo. Tamén lles trasladamos a necesidade de que se amplíen os servizos centrais para mellorar o seu funcionamento e que se dea resposta a todas as reclamacións presentadas polos opositores. Hai que dicir, tamén, que constatamos que nalgunhas ocasións fan oídos xordos a demandas que se lle teñen realizado, como é o caso da petición do Claustro do IES de Coroso para que se revogara o nomeamento do director.

A continuación Anxo Louzao presentoulle á Conselleira os distintos temas que deron lugar á petición de entrevista, quedando constancia do seu compromiso de iniciar de inmediato negociacións importantes para o ámbito educativo. Así no relativo aos seguintes temas:

  • Novos criterios que faciliten a implantación da xornada única nos centros de Infantil e Primaria, a proposta da CIG é que a participación teña que ser do 50% do censo co voto favorábel dos 2/3 dos participantes na votación, e que en ningún caso estea condicionada polo transpote escolar. Este tema comprométense a negocialo de inmediato neste trimestre, estano estudando e van consultar ás anpas.
  • Remate inmediato da negociación das condicións de traballo do profesorado itinerante, trasladándolle que as máximas diferencias na negociación están, entre outras, no cómputo de quilometraxe máxima a realizar e no baremo de redución horaria a aplicar en función da distancia percorrida.
  • Incremento das gratificacións por xubilación, negociación do Estatuto galego do profesorado (para o que agardarán a que estea negociado o Estatuto docente a nivel do Estado), Lei de Universidades e a Lei Galega de Educación, temas a negociar antes de rematar a lexislatura.
  • Novos ROCs, queren negocialos de cara á súa implantación no vindeiro curso.

 Desde a CIG-ENSINO reclamámoslle:

  • Redución das rateos máximas en todos os niveis educativos, nomeadamente en Infantil, tal e como está recollido no acordo de goberno, que estabelece que sexa de quince alumnos/as como máximo. A Conselleira aceptou revisar o tema, especialmente no relativo ao cómputo de repetidores e alumnado con necesidades educativas especiais para configurar os grupos en todos os niveis educativos.
  • Adaptación ao ensino das modificacións da nova Lei da Función Pública galega, para facer factíbeis os novos dereitos recollidos nesta. Adquiriron o compromiso de facer esta adaptación e levarán o tema á Mesa. Neste caso insistimos novamente na demanda de que se amplíe a acumulación do permiso de lactación a cinco semanas, de acordo coa ampliación do dereito até os doce meses. Confirmaron que o profesorado non terá impedimento para gozar o permiso nas datas que estabeleza.
  • Dotación dos centros con persoal administrativo, coidador e de linguaxe de signos. Foron receptivos á dotación de persoal administrativo e de linguaxe de signos, mais non para o ano que vén tal e como lle demandamos.
  • Elaboración dun novo mapa de Formación Profesional e de Orientación Escolar, e mellora da Escola rural.
  • Regulación da redución horaria para maiores de 55 anos.
  • Creación dunha Subdirección Xeral de Normalización que coordine todo o relativo coa normalización lingüística, así como o incremento e a mellora da formación do profesorado en materia lingüística.
  • No relativo ás retribucións, lembrámoslle a necesidade de revisalas, unha vez que remate a aplicación do actual acordo, en xaneiro de 2009, e tamén lles trasladamos que se retribúa cunha cantidade equiparábel ao complemento de penosidade nos laborais, ao profesorado dos centros de Educación Especial, e que se lle retribúa o complemento por impartir en adultos ao profesorado que imparte nesta etapa en centros non específicos.
  • Convocatorias de emprego público suficientemente amplas, compaxinándoas coa estabilidade do profesorado interino. Comparten a nosa proposta. Tamén lles trasladamos a necesidade de retomar a negociación da estabilidade e as condicións retributivas e de traballo do profesorado interino.
  • Mellora de todo o relativo a saúde laboral, pois é un capítulo que está indo especialmente lento. Recoñecen que é un servizo que está infradotado.

Á petición da CIG-ENSINO, comprometéronse a fixar un calendario de negociación, con temas e datas, para a Mesa Sectorial durante o presente curso e aceptaron realizar todos os anos en setembro unha Mesa en que se avalíe o inicio de curso (adxudicacións, oposicións...). Tamén lle lembramos que presentáramos un escrito para que se reunise a Mesa de universidades para tratar sobre a nova estrutura das titulacións, comprometéndose a trasladalo da nosa petición ao presidente desa Mesa. En relación co funcionamento das Mesas consideraron razoábel a petición de que as negociacións rematen o mes de xuño, non só para que coincidan coa presenza do profesorado nos centros, senón tamén para que os acordos acadados sexan debidamente coñecidos por quen terá que executalos posteriormente. Entenden que a nosa proposta pode pórse en práctica.

Por outro lado, a CIG-Ensino trasladoulle o seu rexeitamento ás dificultades que algúns centros tiveron e teñen, aínda hoxe, para facer efectiva a xornada de vinte e cinco horas de permanencia, tal e como se recolle no acordo de 8 de xuño, por mor de non contar con profesorado suficiente apesar de o ter demandado en tempo e forma. Comprometéronse a estudar cada un dos casos que se dan en cada Delegación. Tamén insistimos na crítica xa realizada á modificación que se introduciu en varios Departamentos de Orientación a través da corrección de erros ao catálogo, aceptaron a nosa proposta e quedaron de revisar o tema.

Porén a Consellaría non se mostrou partidaria de negociar temas como o restabelecemento da xornada reducida en xuño e setembro, un tema amplamente demandado polo profesorado, mesmo a través dunha folga maioritaria, cunha actitude preocupante pola súa parte, pois o primeiro xesto foi reunirse coa comisión de seguimento do acordo asinado con outras organizacións sindicais en abril para provocar a desconvocatoria da folga, que só mantivo a CIG. Tampouco se mostraron partidarios de iniciar a negociación sobre un acordo de estabilidade para o profesorado interino, aínda que manifestan que procurarán que o profesorado con menor oferta de prazas non quede sen posto de traballo. Esta actitude respecto de temas de tanta trascendencia é preocupante para a CIG-ENSINO, pois con ela a Consellaría de Educación desoe algunha das demandas máis sentidas do profesorado o que conlevará a que sexan conflitos permanentes até a súa resolución.

Finalmente indicar que nos trasladou que a vindeira semana vai haber unha reunión a nivel de Estado onde se vai falar dos temarios das oposicións (a nivel de Estado están constituídas cinco comisións para revisar temarios de cinco materias). A posición de Galicia vai ser que se se realizan modificacións se fagan inmediatamente, neste ano 2007, e que se fagan en todas as materias.

Volver