Publicada a nova orde de comisións de concilia

Nova orde coas novidades aprobadas na Mesa Sectorial

A Consellaría de Educación vén de publicar no DOG unha nova orde de comisións de conciliación que substitúe á anterior, recollendo as propostas que se lle fixeron chegar por parte da CIG-Ensino e outras organizacións na Mesa Sectorial

Para facilitar a claridade e información sobre esta modalidade de comisións de servizo, a Consellaría optou por redactar un novo texto, no que se recollen as últimas novidades, logo do debate na Mesa Sectorial. 

Xa non será obrigatorio pedir os centros con xornada partida.

Na presente orde recóllense as melloras que a CIG-Ensino propuxo en reiteradas ocasións nas reunións das comisións para a concesión destas comisións de servizo e na propia Mesa Sectorial. Así, conseguimos que a Consellaría aceptara que as persoas solicitantes non teñan que escoller centros con xornada partida, de adultos ou centros penitenciarios, aínda que estean dentro do radio de 20 Km da localidade de residencia. Esa obriga causou moitos problemas en anteriores concursos xa que o horario destes centros non facilitaba a conciliación da vida persoal coa laboral, que supostamente era o obxectivo da orde.

Amplíase a idade das fillas ou fillos en casos dun único proxenitor ou proxenitora.

No caso de núcleos familiares compostos por un único proxenitor ou proxenitora amplíanse as idades a 8, 10 e 16 anos en casos de 1, 2 ou 3 fillos ou fillas respectivamente. No resto dos casos mantéñense as idades de 4, 6 e 12 anos.

Quen aprobe a oposición tamén poderá pedir concilia.

Tamén se recolle nesta modificación a posibilidade de participar para as persoas que superen os procedementos selectivos e que nunca antes traballaran, algo que até agora non era posíbel. Estas persoas terán o mesmo prazo para solicitar a comisión que para pedir destino ordinario, tan só 2 días hábiles, o que para a CIG-Ensino é un prazo demasiado curto, especialmente se non hai unha fin de semana no medio. 

Quen non teña destino definitivo terá que facer dúas solicitudes.

As concilia iguálanse coas comisións de saúde: en ambos casos haberá que facer unha solicitude específica para pedir a comisión e outra para os destinos ordinarios. Desta dupla petición están exento o persoal con destino definitivo xa que non participa no CADP.

O sentido deste cambio estriba no problema que se daba cando nunha mesma instancia se cubrían os destinos que a persoa entendía que supoñían unha mellora para conciliar cos ordinarios. Así, un docente en expectativa cumprimentaba todos os destinos posíbeis e dábase o caso de que podía obter un destino pola modalidade de concilia que en realidade non formaba parte das súas necesidades de se achegar á súa residencia, senón da propia obriga de poñer todos os centros ou localidades do país, xa que podía ser adxudicado de oficio. Unha vez obtido ese destino non podía permutalo, xa que constaba nunha comisión de servizos. Agora, cadaquén será responsábel de incluír nas peticións da instancia de concilia o que realmente lle sirva para conciliar.

A vía electrónica, a única permitida.

Tal e como está facendo en todos os procesos, a Consellaría opta pola presentación vía electrónica, algo que non foi debatido na Mesa Sectorial e é colleita propia da administración galega. 

Os prazos de presentación cambian a 10 días hábiles.

Os prazos serán con carácter xeral nos 10 días hábiles (non contan sábados nin domingos) a partir do día seguinte da publicación no DOG da resolución definitiva do concurso xeral de traslados. Nos anos de concurso estatal, se as adxudicacións dos diferente corpos se fai en datas distintas, o prazo contará desde a publicación da última. Só no caso de que nun ano non se convoque o CXT se habilitaría o prazo extraordinario da segunda quincena do mes de abril.

Toda a información sobre as concilias na nosa páxina.

Podes ler a orde, así como toda a información sobre as concilias na seguinte ligazón da nosa páxina.

Nova orde comisións de concilia

A Consellaría de Educación vén de publicar no DOG unha nova orde de comisións de conciliación que substitúe á anterior, recollendo as propostas que se lle fixeron chegar por parte da CIG-Ensino e outras organizacións na Mesa Sectorial

Documento


Volver

Novas relacionadas