Presentación dunha unidade didáctica sobre os Dereitos Humanos da CIG-Ensino e o MpDC

10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos

O día 10 de decembro, a CIG-Ensino e o Movemento polos Dereitos Civís quixeron conmemorar o día dos Dereitos Humanos presentando unha Unidade Didáctica sobre os dereitos das persoas. Este material educativo será enviado a todos os centros de ensino secundario de Galiza. Neste acto estiveron presentes o secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, o voceiro do MpDC, Renato Núñez, e o autor da Unidade Didáctica, Xoán Carlos Garrido.

A CIG-Ensino e o MpDC presentan unha Unidade Didáctica sobre os Dereitos Humanos
 
 
Hoxe, luns, día 10 de decembro, a CIG-Ensino e o Movemento polos Dereitos Civís quixeron conmemorar o día dos Dereitos Humanos presentando unha Unidade Didáctica sobre os dereitos das persoas. Este material educativo será enviado a todos os centros de ensino secundario de Galiza. Neste acto estiveron presentes o secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, o voceiro do MpDC, Renato Núñez, e o autor da Unidade Didáctica, Xoán Carlos Garrido.
 
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, sinalou que a escola “ten unha función primordial no que se refire á educación en valores”, en definitiva, en “formar cidadáns/cidadás libres, activos/as e comprometidos/as que velen por unha sociedade máis igual e máis xusta”. Ademais, destacou que no día dedicado aos Dereitos Humanos “é preciso ter en conta os dereitos e liberdades das persoas nos centros escolares”.
 
Para Louzao, os dereitos humanos deben ser un elemento transversal todos os días e en todas as materias impartidas no ensino, como unha materia interdisciplinar. Ademais, destacou, dende o ámbito do ensino, a importancia de dotar de recursos aos centros para por en valor estes dereitos humanos que reforcen a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa tradición.
 
Por último, o representante da CIG-Ensino quixo facer un chamamento a todo o profesorado para que teña en conta esta data e se implique na defensa destes dereitos tan primordiais na actualidade.
 
Pola súa banda, o voceiro do Movemento polos Dereitos Civís, Renato Núñez, destacou o labor desta asociación dende o seu nacemento no que se refire á súa actividade de monotorización do comportamento das institución na defensa dos dereitos e liberdades dos cidadáns e cidadás. A este respecto, subliñou que en Galiza existen un gran número de dereitos recoñecidos pero que é moi difícil de poñer en práctica.
 
Segundo sinalou Núñez, existen catro dereitos recollidos na Constitución que ao longo dos últimos anos foron os máis vulnerados como é o que se refire ao Dereito das Persoas, sobre todo nas actuacións policiais desproporcionadas; o dereito á intimidade e á propia imaxe, coa proliferación de cámaras de videovixilancia; o dereito á liberdade de expresión, con expulsións de plenos municipais ou xuízos e, por último, ás garantías xudiciais, como se puido observar na recente condena aos veciños do Eixo.
 
Por último, o autor desta Unidade Didáctica, Xoan Carlos Garrido, indicou que este material vai ser enviado a todos os centros de secundaria do país “coa idea de que se traballe con materiais que respecten os propios dereitos que teoricamente sostén”. A este respecto, Garrido fixo referencia a outros materiais enviados polo Ministerio de Educación onde se recolle a defensa da identidade cultural propia,  pero redactados en español, unha contradición en si mesma.
 
Na súa opinión, este material fai un tratamento dos Dereitos Humanos como algo alleo a Galiza, desprestixiando a súa lingua propia e a súa identidade, en definitiva, a súa historia pero tamén o seu presente.
 
Garrido quixo destacar tamén os dereitos de terceira xeración referidos á igualdade na diversidade, como poden ser os dereitos da muller, o medio ambiente, a paz e a autodeterminación dos pobos ou dereitos de colectivos. Este tipo de dereitos “trata de rachar coa visión etnocentrista e androcéntrica existente para incorporar outras concrecións históricas e naturais nas que se determina o ser humano”.
 

Volver