Para a CIG-Ensino ter en conta relixión para conceder matrícula de honra é discriminatorio e ilegal

Anxo Louzao asegura que conculca os principios de igualdade e libre concorrencia

O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, comparecía hoxe en rolda de prensa acompañado dos pais dun alumno do IES Concepción Arenal, de Ferrol, que non obtivo matrícula de honra ao computarse a nota da materia de relixión para calcular a media. Un feito que consideran “discriminatorio” e que ademais ten consecuencias económicas, tanto á hora de formalizar a matrícula, como ao solicitar praza nunha residencia universitaria.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, comparecía hoxe en rolda de prensa acompañado dos pais dun alumno do IES Concepción Arenal, de Ferrol, que non obtivo matrícula de honra ao computarse a nota da materia de relixión para calcular a media. Un feito que consideran “discriminatorio” e que ademais ten consecuencias económicas, tanto á hora de formalizar a matrícula, como ao solicitar praza nunha residencia universitaria.

Só un 5% do alumnado de 2º de bacharelato que acadara unha media superior a 9, pode obter matrícula de honra. Para os alumnos que optaron por non cursar a materia de relixión, a media calcúlase en función da nota obtida en 9 materias e non computa, e polo tanto non se ten en conta para a cualificación final, a materia alternativa.

Polo que puido comprobar a CIG-Ensino, na inmensa maioría dos centros, e atendendo á normativa vixente, o cálculo faise tamén atendendo as cualificacións obtidas nesas 9 materias para os alumnos que cursaran a materia de relixión.

Porén, nalgún Instituto, como ocorreu no IES Concepción Arenal de Ferrol, si se tivo en conta a materia de relixión para calcular esa media, co agravante de que nun caso concreto, o departamento de relixión deste centro subiu a nota da materia de 9 a 10 facendo que a cualificación media final fose máis alta.

Isto provocou que un alumno de 2º de bacharelato deste centro, cunha nota media de 9,33, quedara excluído da proposta de matrícula de honra.

Diante desta decisión, seus pais, Enma Taboada e Anxo Ansede, e a CIG-Ensino denunciaron este feito ante a Dirección do centro, ante a Inspección Educativa de Ferrol, na Mesa Sectorial e ante a Xefa Territorial, alén de facer xestións na propia consellaría e remitir un escrito dirixido ao conselleiro de Educación. Denuncias que só foron contestadas desde a dirección do centro, cuxo director asegura que se tivo en conta Relixión católica, porque é unha materia de 2º curso de bacharelato, atendendo ao que se recolle no “apartado a do Artigo único da Orde do 30 de abril de 2010, pola que se modifica a Orde do 24 de xuño de 2008”. Resposta que coincide coa que deu a Inspección de Ferrol.

Fronte a isto, o secretario nacional de CIG-Ensino lembra que no BOE de 6 de novembro de 2007, onde se fixo público o RD 1467/2007, recóllese explicitamente que “coa fin de garantir o principio de igualdade e libre concorrencia, as cualificacións que se obtiveran na avaliación das ensinanzas de relixión non se computarán na obtención da nota media a efectos de acceso á Universidade, nin nas convocatorias para a obtención de bolsas e axudas ao estudio en que deban entrar en concorrencia os expedientes académicos”.

Esta norma básica estatal foi desenvolvida en sucesivos decretos ou ordes, de rango inferior, da Xunta de Galiza. O primeiro, 126/2008, transcribía literalmente o contido do RD de 2007. Porén, tal e como explica Louzao, coa chegada do PP ao goberno da Xunta, fóronse introducindo pequenas modificacións, a través da orde de abril de 2010 e de 5 de maio de 2011 que permiten facer unha interpretación diferente e ter en conta todas as materias para calcular a media final. 

Para a CIG-Ensino, estas modificacións e a inclusión de relixión no cálculo da media final, terían como obxectivo facer un “efecto chamada”, dada a grande diminución de alumnos que cursan relixión neste ciclo. “Estaríase así conculcando o dereito do alumnado que non cursa relixión a concorrer en igualdade de condicións”, afirma Louzao, para quen ademais “teriamos que concluír que estamos nun estado confesional, cando non é así”.

Pasos legais

Diante desta situación, Anxo Ansede, pai do alumno afectado, informou de que seguirán todos os pasos legais, mesmo presentar un recurso contencioso-administrativo. “Imos facer todo o posíbel para que a disciplina de relixión non se teña en conta a efecto de calcular a media final”, afirmaba.

Do mesmo xeito, a CIG-Ensino agarda que impere “a cordura e a sensatez”, que interveña a consellaría e que se resolva satisfactoriamente o asunto. “Sempre demandamos que a materia de relixión non formara parte do currículo, que de impartirse debería ser fóra do horario lectivo e en ningún caso computar”, afirmaba Louzao, para que é “inadmisíbel” que se dea unha situación como esta. O asunto será mesmo debatido, a proposta do BNG, no Parlamento de Galiza

Volver