Orzamentos: 2019 seguirá marcado pola perda de poder adquisitivo e o mantemento dos recortes de persoal

A CIG responsabiliza aos sindicatos estatais de asinar uns acordos que impiden recuperar o nivel emprego público que había en 2009

Función Pública presentou esta mañá os orzamentos galegos para 2019 no referido ao persoal público e presentou unha serie de cambios na lei 2/2015 de emprego público de Galiza que inclúen o cobro do 100% durante as baixas médicas e a ampliación do permiso de maternidade. 

 

Na xuntanza da Mesa Xeral a Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Administración e CIG-Saúde) denunciou que os orzamentos “son máis do mesmo, porque coa escusa de que non están aprobados aínda os orzamentos xerais do estado, o que se presentou foi unha copia do ano anterior”. Criticou ademais que se lle chame a isto ‘negociación’, “porque xa van ser aprobados mañá no Consello da Xunta para entrar de inmediato no Parlamento” e defendeu que “todo o que atinxe ao persoal do sector público ten que ser negociado primeiro nas mesas sectoriais”.

O cobro do 100% en situacións de IT terá que agardar a xaneiro e limitarase ás retribucións do primeiro mes de baixa.

Estes orzamentos contemplan por fin a recuperación do dereito a cobrar o 100% do salario en caso de baixa por Incapacidade temporal (IT). Dereito que foi suprimido en 2012 e que a Área Pública da CIG entende que agora se repón “grazas ás mobilizacións” que foron as que “obrigaron á administración a retirar unha medida que nunca debeu ser imposta”. 

Malia isto a CIG criticou a redacción proposta pola Xunta, ao limitar o pagamento dese complemento até o 100% ás retribucións fixas do primeiro mes de baixa, o que impediría o cobro de incrementos retributivos que se poidan producir ao longo dunha baixa. 

A este respecto a Área Pública denuncia o papel do goberno Feixóo que se negou a recuperar este dereito, so pretexto dunha lexislación estatal que, porén, non condicionou a outros territorios que si o repuxeron. Mais tamén denuncia a “vergoñenta complicidade das organizacións sindicais estatais que daban por feita esta recuperación que non por moi anunciada se chegaba a  efectivizar e pola que haberá que agardar aínda á entrada en vigor dos orzamentos da Xunta, en xaneiro de 2019.

Limitados polo acordo asinado polos sindicatos estatais.

Para a Área Pública da CIG esta “pseudonegociación” vese limitada polos acordos asinados polos sindicatos estatais tanto en Madrid como en Galiza, aos que a central sindical xa manifestou a súa oposición no seu momento. “As subas salariais están ligadas ao PIB e non aos incrementos do IPC” que en 2018 está xa no 2,2%, mentres que o incremento acordado para o segundo trimestre deste ano é do 1,75%, co cal xa se perdeu poder adquisitivo tendo en conta só a diferenza que hai neste ano. A suba media do ano 2018 sitúase no 1,62%, fixando unha perda de poder adquisitivo do 0,6%. Unha perda da que é responsábel o goberno Rajoy e cómplices necesarios os sindicatos que negociaron á baixa a suposta “recuperación” salarial.

Non se creará novo emprego no sector público.

Ademais do aspecto retributivo, a crítica da CIG tamén se estende ao mantemento dunhas taxas de reposición que van impedir que se recupere sequera o nivel emprego público que había no ano 2009. A CIG lembrou que a imposibilidade de aumentar a cifra total de persoal na Xunta está fixada no acordo asinado en Madrid e referendado en Galiza pola Xunta e os mesmos sindicatos.

A CIG céntrase na recuperación real de dereitos. 

Xunto a estas cuestións a CIG demandou a derrogación da Lei de Medidas 1/2012; a recuperación das 35 horas semanais, do fondo de acción social, do cobro de verán polo persoal docente substituto da consellaría de Educación que traballa máis de cinco meses e medio e de todos os demais dereitos suprimidos so pretexto da crise.

Na Mesa Xeral, a central sindical demandou tamén a creación dun fondo de compensación co que se garanta a recuperación do complemento específico das pagas extras recortadas en Galiza desde o ano 2013 ao 2016. “Ao facerse a recuperación das extras a partir de 2017 perderíase todo o referido aos anos anteriores”.

Conciliación e permisos: 22 semanas no permiso de parto e propostas da CIG.

O director xeral de Función Pública anunciou na Mesa que a Xunta vai introducir unha modificación no permiso de parto, ampliando a 22 semanas o que agora mesmo está en 20. Ao tempo anunciou a dispoñibilidade a aumentar o permiso para a outra persoa proxenitora mais non deu máis datos, escusándose no posíbel incremento que se produza a nivel do Estado. 

A CIG, sen deixar de amosar o apoio a calquera avance que se poida producir nesta materia, lembrou a posición sindical xa expresada hai un ano: que os permisos de maternidade e da outra persoa proxenitora teñen que chegar a 12 meses, con idéntica duración e con carácter intransferíbel. Tendo en conta isto, a CIG advertiulle á Xunta que nada impide para que se dean xa os pasos necesarios nese camiño e se produza un incremento importante en ambos permisos. 

En materia de conciliación a Área Pública da CIG demandou, como xa fixera no mes de maio na dirección xeral de Función Pública, a adaptación da sentenza do Tribunal Supremo no que fai referencia a non computar como día de permiso o primeiro día se este cae nun día feriado. A proposta da CIG afecta a permisos como o de lactación, por matrimonio, unión de feito, por parto ou acollemento ou o doutra persoa proxenitora. A CIG foi máis alá e propuxo que todos os permisos se computen en días hábiles como acontece na actualidade co permiso por falecemento ou enfermidade grave. Xunto a isto solicitou a modificación para flexibilizar o goce do permiso de paternidade dentro do primeiro ano de vida da crianza.

Tamén incorporou outras propostas que serán todas elas debatidas nunha nova reunión que terá lugar a semana próxima.

A Área Pública da CIG demandou ademais fixar como deber inescusábel a atención ou coidado de crianzas, maiores ao cargo ou persoas con discapacidade cando teñan recomendado un repouso domiciliario e ampliación do dereito de conciliación do persoal público até os 14 anos de idade das crianzas, incluíndo o curso escolar no que cumpren os 14 (agora está nos 12 anos de idade).

CIG Informa sobre os Orzamentos da Xunta para 2019

Documento


Volver