O V Encontro Nacional de Delegadas da CIG acorda loitar pola dignificación do traballo de Coidados

O 25-N conmemorarase baixo o lema “A precarización do traballo nos coidados é violencia machista”

Preto de 250 delegadas da CIG déronse cita está mañá no V Encontro Nacional de Mulleres para analizar os cambios lexislativos introducidos co Real Decreto de Medidas Urxentes para garantía de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación; realizar un seguimento da campaña Xa é hora de avanzar nos nosos dereitos, iniciada o pasado ano, aspectos da cal empegaremos para centrar a campaña do 25-N; avaliar a situación político-sindical; fixar as estratexias para avanzar na loita feminista, nacionalista e de clase, máis alá de datas senlleiras como o 25N ou o 8M, e debater arredor das accións a desenvolver de cara ao ano 2020.

Así o explicou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, na rolda de prensa celebrada con motivo do encontro, na que salientou que as mulleres da central sindical concordaron na necesidade de articular, arredor do 25 de Novembro , unha campaña para denunciar, baixo o lema A precarización do traballo noscoidados é violencia machista, “a explotación que está detrás de todas as actividades relacionadas cos coidados, a minusvaloración e a precarización cada vez maior deste tipo de traballos, non só pola falta de corresponsabilidade no fogar e a dobre carga mental ou a dobre xornada que experimentan moitas mulleres, senón tamén pola precariedade laboral destas”.

A este respecto sinalou a temporalidade, eventualidade e salarios míseros, por debaixo de convenio e da contía do SMI, que teñen e que e non poucos casos “se ven obrigadas a realizar tarefas para as cales non están contratadas”, isto xunto á falta de EPI’s, problemas de conciliación, acoso sexual nos domicilios, acoso laboral e por razón de sexo, concrecións horarias da xornada con variacións diarias… “todo isto coa complicidade da Xunta, dos concellos e das propias empresas concesionarias dos servizos”.

Unha campaña da que Corral explicou que non estaría centrada só nos Servizos de Axuda no Fogar, senón tamén nas residencias de terceira idade, centros de día, escolas infantís ou comedores escolares, nos traballos de limpeza e de asistencia no fogar, entre outros e que sería continuidade da que a secretaría da Muller vén desenvolvendo desde antes do verán en demanda da recuperación dos dereitos perdidos polas mulleres.

Entre as asistentes coincidiuse en que é  fundamental que a sociedade asuma que as mulleres facemos un traballo moi importante para a acumulación da riqueza. Que é preciso un cambio de modelo: hoxe moitas de nós traballamos fóra de casa, aínda en condicións precarias, porque asumimos que este tipo de traballos supoñen para nós unha fonte de autonomía. As mulleres non somos só “amas de casa”, pero os valores e as estruturas sociais dos fogares seguen a desenvolverse seguindo roles tradicionais. E os traballos asalariados tampouco cambiaron, e por tanto as mulleres temos que adaptarnos a un modelo pensado no traballo tradicional dos homes, afastados do vínculo co coidado, e por tanto equidistantes coa problemática do seu persoal que quere e precisa conciliar.

Por iso denunciaron as consecuencias que ten para as mulleres que sigan a ser produtoras e reprodutoras ao mesmo tempo, unha espiral que acaba consumindo a vida das mulleres. Sen tempo para o ocio, sen tempo para loitar e participar nos movementos de liberación, o propio capitalismo garante que as mulleres consigamos máis autonomía respecto dos homes, mais non respecto do capital. O traballo dos coidados é un traballo para producir aos traballadores e traballadoras para o capital. De aí que na folga do pasado 8 de marzo puxéramos tanto énfase en denunciar que se non hai reprodución, non hai produción. Que se as mulleres paramos o mundo para, por iso o capitalismo ten que devaluar este traballo constantemente para continuar existindo. Porque como di a filósofa marxista Silvia Federicci, “ se o capitalismo tivera que pagar por este traballo, non podería seguir acumulando bens”.

Nese sentido, no marco do propio Encontro, Carme Antas, secretaria nacional das mulleres da federación de Servizos explicou que se escolleu este sector porque nun 95% son mulleres as que coidan aos nosos maiores, tanto en zonas urbanas como rurais. Mulleres que, nun 99% dos casos traballan a tempo parcial e ás que, ademais “nun mesmo mes modifícaselles a xornada até 6, 7 ou 10 veces e de que non saben, a primeiros de mes, que xornada van ter todo o mes”.

Antas denunciou que o convenio deste sector está sen negociar desde 2012, aínda que segue vixente porque mantivo a ultraactividade, pero no que mesmo a asociación de empresas de Axuda no Fogar “decidiu disolverse para evitar aplicar o convenio galego na Galiza e poder aplicar o convenio estatal porque é peor”.

Xunto a isto sinalou que a secretaría das mulleres acordou facer coincidir esta campaña “cunha de acción sindical forte desde a federación de Servizos” que contará co apoio e colaboración de toda a CIG co obxectivo de acadar melloras nas condicións dos sectores de coidados e, no caso dos SAF, presionará patronal para que sente a negociar un novo convenio.

Concentracións en todas as comarcas

Xunto a isto e para o propio 25 de Novembro, as asistentes acordaron convocar concentracións en todas as comarcas e unións locais que así o decidan, ás 12:00 horas, diante dos concellos, “para denunciar a hipocrisía dos gobernos que ese día amosarán o seu compromiso contra a violencia machista, cando están escravizando ás mulleres que dedican a súa vida ao traballo mal pagado e precario dos coidados”, explicou Corral, quen subliñou que “queremos quitarlle a careta a eses concellos que o 25-N van facer plenos extraordinarios e pendurar lazos e crespóns negros nas fachadas deses espazos teoricamente libres de violencias machistas e son quen precarizan a estas traballadoras”.

Ademais acordouse tamén participar nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas do país con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista.

Cambios lexislativos

No encontro informouse e debatéronse os cambios introducidos a través do RD 6/2019, que introduciu modificacións na Lei de Igualdade e no Estatuto das traballadoras e Traballadores. Un Real Decreto que obrigará a partires do 8 de marzo de 2022 a todas as empresas de máis de 50 persoas traballadoras a contar con plans de igualdade, creando o Rexistro de Planes de igualdade das empresas como parte dos Rexistros dos Convenios, obrigando ás empresas a levar un rexistro cos valores medios dos salarios, e que mesmo muda as prestacións por nacemento de crianzasde xeito que nun período de tres anos a duración da suspensión do contrato de traballo por nacemento, acollemento, garda ou adopción de crianzas serán de igual duración para todas as persoas proxenitoras, cambios no desfrute da lactación, etc. dirixidos a lograr unha maior corresponsabilidade dos homes no coidado.

A este respecto, no decurso do debate as propias delegadas salientaron que xa se están a sentir os efectos da ampliación das baixas paternais, xa que agora tamén os homes sofren as consecuencias de pretender compatibilizar as labores de coidado co traballo asalariado, mesmo sendo obxecto de despedimentos, situacións de desigualdade e discriminación que até o de agora só padecían as mulleres, polo feito de seren nais.

Estratexia 2020

De cara ao ano 2020, no Encontro avaliouse a estratexia a seguir, nos vindeiros meses, tendo en conta que tras dúas folgas de mulleres, unha delas xeral na Galiza, “non houbo resposta dos gobernos ás nosas demandas e que a data da conmemoración do vindeiro 8 de marzo coincide en xornada de domingo”.

As asistentes concluíron que é necesario reunir periodicamente ás mulleres da CIG de xeito estábel en todas as comarcas do país, a través da convocatoria das comisións comarcais de mulleres, ou de asembleas de afiliadas, garantindo a creación de ideas, o debate e a discusión, garantindo a consolidación da Secretaría das Mulleres como organismo do que emanen as propostas en materia feminista da organización sindical, e ao tempo, crear grupos estábeis de mulleres da CIG que participen activamente nos movementos sociais, trasladando alí onde sexa preciso o posicionamento de clase, feminista e nacionalista.

Paralelamente, entendeuse necesario continuar coas campañas desestacionalizadas, sostidas no tempo, cunha dinámica mobilizadora. Así, acordouse convocar unha Xornada Nacional de Loita a desenvolver durante a semana do 2 ao 8 de marzo, no marco dunha sexta edición do Encontro Nacional de Mulleres da CIG, onde alén de facer un seguimento da aplicación das nosas propostas en materia de negociación colectiva, da formación con perpectiva de xénero e en materia de acción feminista que estamos a desenvolver en todas as federacións, ou avaliar o desenvolvemento da campaña destes últimos meses, marcharemos en mobilización esixindo un cambio de sistema que pase necesariamente por un cambio nas relacións da reprodución para poder cambiar as relacións de poder.

Volver