O MECD pecha unhas negociacións do acceso aos corpos docentes atadas desde o principio por un mal acordo de redución de temporalidade

A CIG-Ensino demanda ao MECD e ao resto de sindicatos da Mesa de Madrid a anulación do Acordo de marzo de 2017 que deu lugar á situación actual e a eliminación permanente e definitiva da taxa de reposición no ensino público

Finalmente confirmouse o que desde a CIG-Ensino viñemos denunciando desde a primeira reunión da actual fase de negociación do acceso á función pública docente para os próximos anos. O MECD deu por definitiva a redacción do texto de modificación do RD 276/2007 entregada na anterior reunión, logo da reunión mantida coas CC.AA. na Comisión Sectorial de Educación

A Mesa non deu para máis. De feito só serviu para que o Ministerio comunicase o xa previsto logo da marcha das negociacións e do remate da última reunión: manterase o carácter eliminatorio dos exames da fase de oposición e os temarios non entrarían en vigor antes do 2020.

Manterase o carácter eliminatorio dos exames da fase de oposición e os temarios non entrarían vigor antes do 2020

O MECD, escondéndose tras un informe da avogacía do Estado do cal non se fixo entrega na Mesa, confirmou que aplicará a posición política, que non xurídica, que defendeu desde o inicio, ao manter o carácter eliminatorio das partes da fase de oposición. Desde a CIG-Ensino restamos todo tipo de relevancia a ese documento xa que segundo afirma Suso Bermello, Secretario Nacional da CIG Ensino: “é imposíbel, atendendo á lexislación actual, que ningún gabinete xurídico de ningún Ministerio nin ningunha organización sindical poida poñer en tea de xuízo a legalidade do carácter non eliminatorio dos diferentes exames da fase da oposición, mantendo a obriga de aprobar no seu conxunto esta fase".

Eliminación permanente da taxa de reposición.

a CIG Ensino pediu a eliminación da taxa de reposición e a anulación do acordo do 29 de marzo no ensino público 

A CIG-Ensino puxo de manifesto na Mesa a súa crítica a todo o proceso que nos trouxo a este peche en falso da negociación e pediu expresamente aos membros da Mesa, tanto en representación do MECD como das demais OO.SS. que se anulase o acordo do 29 de marzo de 2017 no ámbito educativo, procedendo a eliminar dunha maneira permanente e definitiva a taxa de reposición no ensino público. Unha demanda da CIG-Ensino que coincide coa posición que expresaron os máximos representantes das CC.AA. na Comisión Xeral de Educación. É dicir, as administracións que teñen as competencias de xestión do persoal docente están de acordo en que non debería existir taxa de reposición.

Na Mesa, a CIG-Ensino incidiu no que todas e todos sabemos: a xurisprudencia emanada do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) nestes últimos anos, na que os xuízos gañados polos servizos xurídicos da CIG tiveron un papel fundamental (trienios, sexenios, cobro das vacacións non gozadas), implica un igual trato nas condicións de traballo e nas retribucións do persoal interino ao respecto do fixo. Por outro lado, levamos máis dun ano coa incerteza sobre o dereito a indemnización por cese do profesorado interino, con sentenzas en todos os sentidos, mais coa incerteza de como acabarán os recursos pendentes do Tribunal Supremo e novamente do TXUE. "Isto explica que non lle saia a conta ao Estado manter as altas porcentaxes de interinidade que agora ten no conxunto do Estado" segundo o representante da CIG Ensino na Mesa Sectorial do MECD.

Por tanto, ese mal acordo tiña tres trampas que estaban totalmente ao descuberto: 

  • O acordo consiste en recoñecer que se mantén unha taxa de reposición do 100%, só se poderían ofertar as prazas produto de xubilacións.
  • O acordo asume que non se poden incrementar os cadros de persoal coas ofertas de prazas nas oposicións e que estas se deben limitar aos actuais postos, asumindo os recortes destes últimos anos.
  • O acordo é de carácter global para toda a función pública. Non partiu en ningún momento da realidade do ensino público e da xestión descentralizada do persoal nas diferentes CC.AA. (O MECD só ten competencias en Ceuta e Melilla) polo que o que pretenden os sindicatos asinantes e o Goberno é condicionar as negociacións que se poidan levar adiante en países como Galiza, que ten plenas competencias para decidir cantas prazas oferta. 
  • O acordo non fixou ningún compromiso sobre como debería ser o sistema de acceso á docencia, polo que deixou as mans libres ao PP para impoñer o seu criterio na Mesa Sectorial, malia que agora se queixen as organizacións sindicais que lle deron carta branca.

Este é o marco no que se moveu esta falsa negociación: cartas marcadas desde o principio con pequenas concesións (aumento de temas a elixir, maior ponderación da fase de concurso e, dentro desta, da experiencia docente) que, como xa dixemos, non serve para nada se non existen garantías de que realmente se aplique un concurso oposición e non unha oposición, como vén acontecendo nestes últimos anos con carácter absolutamente maioritario.

Que implicaría a eliminación da taxa de reposición?

Nin máis nin menos que volver á situación que até o ano 2010 vivimos no ensino público: que as administracións educativas non tivesen límite á hora de decidir cantas prazas ofertan nas oposicións e que estas non garden relación coas xubilacións. Así, a Xunta podería sacar todos os anos aquelas prazas que, previa negociación na Mesa Sectorial galega, queira; sempre co tope que a propia Xunta fixe nos seus orzamentos. 

Os temarios, unha nova tomadura de pelo.

O día 17 de xaneiro está prevista unha primeira Mesa para debater os temarios propostos polo MECD e que, segundo confirmaron, non entrarían en vigor antes de 2.020. O Director Xeral chegou a recoñecer que nin sequera existe ningunha garantía de que, finalmente, os temarios cheguen a aprobarse, xa que non se pode descartar que o tan cacarexado Pacto pola Educación implique unha modificación en profundidade do sistema de ingreso na docencia.  

a CIG-Ensino insistiu na súa demanda de que os temarios non poden entrar en vigor nestes próximos anos

Por iso, a CIG-Ensino insistiu na súa demanda de que os temarios non poden entrar en vigor nestes próximos anos e que resulta totalmente improcedente abrir un debate en falso, trasladando ás persoas que vaian opositar nos próximos anos unha maior incerteza. Calquera posíbel cambio debe vir precedido da determinación do que se chegue a pactar, se é que algo se chega, aos efectos do cambio da LOMCE, sobre o que a CIG-Ensino non alberga ningunha esperanza.

O centralismo que non cesa.

A CIG-Ensino mostrou, por último, o seu malestar porque tanto o MECD como os sindicatos asinantes do acordo sigan a negociar, de costas á Mesa Sectorial, os criterios que pretenden que as CC.AA. asuman en canto ao número de prazas. É o paradigma do centralismo. Pretenden restrinxir aínda máis a escasa marxe competencial que administracións como a Xunta teñen. O Director Xeral asumiu novamente que só poden dar indicacións e criterios mais que non poden obrigar ás CC.AA.; indicou que a Mesa Sectorial, porque así llo piden os sindicatos estatais, revisará en setembro de 2018 o cumprimento deses criterios por parte das CC.AA. 

A CIG-Ensino interpelou directamente ao máximo responsábel do MECD para saber que faría o Goberno se algunhas CC.AA. deciden respectar e exercer as súas funcións en materia de persoal, sen coincidir con eses criterios que desde os sindicatos do acordo e o Goberno lle envíen de Madrid. A resposta deulla tamén a propia CIG. Nada. Nada farían porque nin o MECD nin a Mesa Sectorial de Madrid teñen esas competencias das que pretenden apropiarse, polo que sería bo deixar de lado os debates dunha Mesa que perde unha boa parte do tempo en discutir sobre o que non lle compete legalmente.

O MECD pecha unhas negociacións de acceso aos corpos docentes atadas desde o principio por un mal acordo de redución da temporalidade

Documento


Volver