O III convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores non foi asinado pola CIG-Ensino

Non foi asinado por quedar moi alonxado das nosas reivindicacións

O pasado día 17 de xullo de 2018 asinouse oIII Convenio polas principais patronais do sector e as organizacións sindicais CCOO e UGT, sen acadar melloras laborais significativas e sen garantir nin o IPC real nin a recuperación da perda de poder adquisitivo acumulada estes últimos anos

A CIG-Ensino non subscribe este III convenio por quedar moi alonxado das nosas reivindicacións iniciais e das pactadas, a posteriori, na plataforma social conxunta con CCOO e UGT, pois as melloras que se producen son de pouca relevancia e peso para os intereses dos traballadores/as (consistentes, a maioría, en adaptacións legais a normativas superiores, xa de obrigado cumprimento) aínda máis no contexto de plena recuperación económica, no que se vai asinar o convenio. O II convenio supuxo melloras moito máis significativas, asinándose noutro contexto radicalmente oposto, de plena crise económica.

Astáboas salariais confirman  a continua perda de poder adquisitivo dos traballadores/as do sector, ao non recoller unha cláusula de revisión salarial que garanta, neste período do novo convenio (2017 a 2021), o IPC real que se produza ademais de non verse recuperado o IPC perdido nas táboas salariais do anterior convenio e que a CIG-Ensino xa non asinou en 2016. Tamén cabe a posibilidade de que moitos traballadores/as non cobren os incrementos do Complemento Específico debido á continuidade dos contratos/convenios actuais ou das posibles prórrogas dos mesmos, en cuxos casos quedarían prácticamente conxelados/as até que a administración e as patronais non os renoven. Por último, a diferenza salarial deste Complemento Específico entre traballadores/as de reforma e de protección, debería desaparecer, homologándoos a todos/as ao Complemento de reforma.

Sobre a xornada laboralhai unha mínima mellora, pasando de1771h. anuais a 1750 e de 39h. semanais a 38.5h.,moi alonxada das xustas e acordadas reivindicacións da parte social (recollíamos 37,5h. semanais como máximo e 1680 anuais)

A modo de resumo, resaltamos as principais modificacións de cara a este novo convenio, pouco significativas e a maioría adaptacións legais á normativa en vigor:

1 - Ámbito Temporal: De 2017 a 2021, abusivo, por longo plazo e poucas melloras. 

2 - Salarios :

     O Salario Base terá unha suba RAQUÍTICA do 0,5% para cada un dos anos de 2018 a 2021, ambos inclusive. O 2017 con conxelación salarial.                                                           

     No complemento específicoaplicarase un incremento lineal, de forma que se suben máis os salarios máis baixos, coas seguintes contías:

- Para REFORMA incremento do actual complemento específico, sobre o de 2016 todos os anos, de 10€ en 2018, 25€ en 2019, 45€ para 2020 e de 90€ para 2021, é dicir, a suba total nos 5 anos é de 90€.

- Para PROTECCIÓN créase un complemento lineal para todas as categorías de 25€ en 2018, 50€ en 2019, 75€ en 2020 e 110€ en 2021, é dicir: 25€ cada ano agás 2021 con 35€ de incremento.

- Como xa dixemos, estes complementos están garantidos para todos/as, a partir do 2021. De 2018 a 2021 dependen de ser recollidos nos novos contratos públicos.

Con estas subas salariais, haberá categorías que non acadarán nin o mínimo acordado no IV AENC ( acordo Patronal e CCOO e UGT de “contención salarial”) que dende a CIG-Ensino calificamos de vergoñento e venta da clase traballadora.   

3 - Permisos e licenzas:

- Estabelécese unha nova licenza de 15 horas anuais para asistencia a médico, titorías ou acompañamento de familiares de 1º  grao.

- Todas comezarán a computar a partir do primeiro día laborable.

- Un por voda até 2º grao, cando antes era até 1º.

- Os días precisos para exames oficiais.

O desprazamento por un permiso pasa de 4 días a 5.

4 - A comisión paritaria terá máis mecanismos de control sobre a cláusula de descolgue e dótase dunha nova función de control dos pregos de licitación das administracións públicas, co obxectivo de defender a aplicación efectiva do convenio colectivo.

5 - Acordo de mantemento dos postos de traballo para os que veñan desempeñando a categoría de Educador, coas mesmas funcións e retribucións que marca o convenio para o devandito posto de traballo de Educador Social.

6 - Créase unha nova licenza non retribuída por asuntos propioscunha duración mínima dun mes e máxima de tres meses e que se poderá solicitar cada tres anos.

7 - Auméntase a reserva de posto de traballo para as excedenciaspor familiar a cargo, enfermidades graves e fillos menores de tres anos.

8 - A paternidade pasa a 5 semanas de descanso obrigatorio para o pai.

9 - Non se permitirá a utilización do vehículo propio para o traslado de menorese o uso habitual para o desempeño do traballo, así como o uso do teléfono móbil con fins laborais. 

10 - Créase o complemento de dispoñibilidade e de Garda localizada.

11 - Estabelécese a devolución dos festivos traballadose que se compensen con días laborables. Tamén o relacionado con nocturnidade.

12 - A compensación económica por traslados permanentes pasa de 300 a 400€

13 - Cobrarase o 100% nas IT que leven hospitalización.

14 – Redución de xornada por menores de 12 anos (antes eran 8 anos). 

Desde a CIG-Ensino, entendemos que despois de 13 mesas ( das 15 que houbo) de negociación intensas e tensas, logrando melloras e avances para o colectivo é lamentable que as demais OO.SS ( sobre todo CCOO, a maioritaria, con acordos fóra de mesa), se plegaran á patronal, pois de manterse esta unidade sindical e de presión, poderíase ter avanzado moito máis, tal e como reivindica o sector. Pero de novo as diferenzas de modelo sindical evidenciáronse, nas mesas 14 e 15, e o pactismo e entreguismo destes dous sindicatos de bolígrafo rápido, fixo que se asinase un convenio á medida das patronais do sector, amarrando a moi longo prazo unhas condicións laborais e salariais que non están á altura da profesionalidade e dos merecementos dos traballadores/as.

CIG Informa sobre o convenio colectivo de protección de menores e reforma xuvenil

Documento


Volver