O CPR Sagrado Corazón de Lalín recorta horarios ao seu persoal á vez que contrata familiares da nova xerencia

A CIG-Ensino xa presentou sendas denuncias ante a Inspección de Traballo e a Inspección educativa pola arbitrariedade e polo favoritismo coa que está actuando a empresa a comezos deste curso.

Desde a central denunciamos que o colexio privado Sagrado Corazón de Lalín comezou o curso suprimindo dúas unidades pola falta de alumnado e recortándolle horario a 8 compañeiros e compañeiras (nalgún caso até 5 horas da xornada), sen que na xustificación desta decisión se aluda a motivos económicos.

Ao mesmo tempo, acaba de contratar 7 novos profesores/as, entre eles o novo xerente (accionista maioritario desde agosto), o seu fillo, a súa nora e outras 4 persoas da súa confianza, algúns incluso da mesma especialidade que a do profesorado ao que lle recortaron os horarios, polo que as supostas causas económicas non estarían xustificadas. Trátase de decisións totalmente arbitrarias nas que o único obxectivo é favorecer as persoas do contorno da nova xerencia, sen atender os dereitos laborais do seu cadro de persoal nin tampouco a calidade educativa do centro. 

A CIG-Ensino denuncia que os traballadores e traballadoras que se viron prexudicados por esta actitude de quen xestiona un centro de ensino como se do seu propio feudo particular se tratara, son precisamente os/as delegados/as do comité de empresa e outras persoas que foron na candidatura da CIG-Ensino ou que se negaron a facer horas sen remuneración durante o mes de agosto. 

Ás modificacións realizadas na xornada laboral súmanse outras no horario. De feito, modificáronse os horarios en catro ocasións atribuíndolles aos compañeiros e compañeiras “represaliados” funcións non docentes. 

A CIG-Ensino e o comité de empresa xa puxeron en coñecemento da inspección de traballo e da inspección educativa todas estas irregularidades. De feito, onte mesmo estivo no centro a inspectora de traballo e hoxe o inspector da Consellaría de Educación e agardamos que a empresa, que xa o ano pasado perdeu unha sentenza por un despido improcedente, sexa condenada por esta actuación mafiosa e de vulneración dos dereitos laborais do seu persoal. En calquera caso, a CIG-Ensino seguirá tomando accións xudiciais individualizadas para defender os traballadores e traballadoras afectados.

Volver