O Consello Federal da CIG-Ensino bota a andar a campaña de restitución de dereitos do profesorado e a folga de mulleres

Delegados e delegadas da central nacionalista reuníronse esta mañá en Compostela para dar o sinal de saída da campaña de recollida de sinaturas coa que se pretende axitar o colectivo docente, que está farto dos recortes dos últimos anos.

No encontro tamén se destacou o traballo feito recentemente para reclamar o aumento de vacantes nos Concursos de Traslados de Primaria e de Secundaria co obxectivo marcado de que todo o profesorado en expectativa actualmente (máis dun milleiro) poida obter o seu primeiro destino definitivo e de mellorar a calidade do ensino a través de claustros estábeis.

O Consello Federal da CIG-Ensino, máximo órgano de goberno do sindicato, reuniuse esta mañá para debater a acción sindical que se vai levar a cabo até finais de curso. Os seus integrantes puxeron o énfase na campaña “Pola recuperación dos nosos dereitos”, que arrancou esta semana con asembleas informativas nos 1.200 centros educativos galegos. Delegados e delegadas da central apoiaron que ante o malestar do colectivo docente polos recortes sufridos nos últimos anos, que non lle foron restituídos malia a propaganda continua dos gobernos do PP de que estamos nunha situación de recuperación económica, se tome a iniciativa e se recolla ese descontento mediante unha ampla recollida de sinaturas que lle serán despois entregadas ao conselleiro de Educación. O sindicato pretende deste xeito constatar a sintonía que existe entre a súa liña de traballo e os intereses e as preocupacións do profesorado galego e continuar a denunciar a política restritiva do goberno Feijoó en canto a dereitos laborais e salariais da clase traballadora. Entre estas preocupacións, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, puxo en valor a recente reclamación de incremento de vacantes no actual Concurso Xeral de Traslados (CXT): no específico de Orientación (39 prazas máis acadadas), na petición de 256 prazas a maiores de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe en Primaria, así como no desfase atopado de máis de 3.200 prazas que se adxudican cada ano como destinos provisionais e o número de vacantes fixas que vén de ofertar a Consellaría no Concurso do corpo de Secundaria, FP, EOI, Conservatorios e Escolas de Artes.

 

Preocupación polo Acordo que está detrás nos cambios nas oposicións

No Consello Federal púxose enriba da mesa o horizonte que se abre co novo Real Decreto de Acceso á Función Pública Docente que publicará o Ministerio de Educación en breve. Tal e como a CIG-Ensino denunciou reiteradamente desde o inicio dunha negociación “que se demostrou que foi un paripé para vanagloria do PP e que contou coa complicidade dos sindicatos estatais” -en palabras de Bermello-, o Acordo asinado impide que se poida convocar nin unha soa praza a maiores das actualmente existentes, “polo que na práctica consolida os recortes de persoal”. Así mesmo, amosou a súa preocupación porque tamén pode poñer en perigo o posto de traballo do persoal interino, sobre todo daquel que leva máis anos prestando servizos ou que ten unha idade superior aos 55 anos. Suso Bermello defendeu a proposta que mantivo o sindicato dun acceso diferenciado: para o persoal interino e para quen nunca traballou como docente no ensino público e indicou que tras este pésimo Acordo hai que dar a batalla coa Consellaría para que na próxima OPE o sistema sexa un concurso-oposición real, de forma que os tribunais non se dediquen a tarefas de baremación e poidan centrarse exclusivamente na fase de oposición, ademais dunha considerábel redución das ratios de persoas opositoras por tribunal.

Folga de Mulleres

O Consello Federal tamén serviu para concretar algo máis a estratexia a seguir con motivo da Folga de Mulleres convocada para o 8 de marzo. A CIG-Ensino súmase a esta convocatoria cun paro de dúas horas en cada quenda de traballo. Durante este tempo están previstas concentracións ou ben nos centros de ensino ou, cando sexa posíbel, nos puntos de referencia para cada zona territorial, nos que as traballadoras do ensino se sumarían ao resto de mulleres en folga co obxectivo de visibilizar aínda máis as reivindicacións desta xornada: a reclamación da igualdade de dereitos entre homes e mulleres e a erradicación da violencia nas súas múltiples faces contra a poboación feminina no mundo.

CIG-Informa co balance do primeiro trimestre e a campaña de recuperación dos nosos dereitos

Documento


Volver