O conselleiro de Educación non asume ningunha das reivindicacións do persoal da concertada para o exercicio 2018

Tras a reunión desta mañá coas organizacións sindicais, Román Rodríguez aludiu a que “non hai capacidade orzamentaria nestes momentos” para atender ningún dos puntos que lle foron trasladados

A CIG-Ensino lembroulle que os orzamentos para 2018 aínda se están negociando no Parlamento e que a oposición presentou emendas recollendo estas demandas. Así mesmo, insistiu en que o Acordo de Mantemento do Emprego non implica ningún gasto para a administración e que suporía a estabilidade dos postos de traballo que ten actualmente este sector.

O conselleiro de Educación Román Rodríguez pechou a porta a incluír ningunha mellora salarial para o persoal da concertada, que suma máis de 7.000 traballadores e traballadoras en toda Galiza, nos orzamentos do vindeiro ano. Nunha reunión cos representantes dos sindicatos escudouse en que “non existe capacidade orzamentaria nestes momentos” para sufragar as reclamacións que lle foron entregadas por escrito en varias ocasións este ano. Así pois, o proxecto de Lei de Orzamentos para 2018 seguirá tendo bloqueadas as negociacións laborais e salariais, tal e como se recolle no seu artigo 53.2, malia que os principais partidos da oposición incluíron enmendas co fin de desbloquear este punto.

O conselleiro non atendeu pois ningunha das reclamacións que se lle expuxeron, como a recuperación dos recortes laborais que vén sufrindo este colectivo desde hai sete anos, nin o abono da paga extra de antigüidade dos 25 anos, que é Galiza a única comunidade que non a paga, nin da coordinación polo departamento de normalización lingüística.

Acordo de Mantemento do Emprego

Pola súa banda, o representante da CIG-Ensino, Henrique García, insistiu en que a Consellaría debería sumarse á Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado para asinar o Acordo de Mantemento do Emprego (AME) que veu funcionando con diversos gobernos na Xunta no período 1991-2009. Este acordo suporía que a perda de unidades non tería repercusión nos postos de traballo porque as persoas afectadas recolocaríanse noutros centros concertados e non significaría ningún incremento de gasto para a Xunta de cara aos orzamentos. Neste sentido, os representantes da administración botaron balóns fóra e insistiron en que este tipo de negociacións deberían cinguirse á patronal e aos sindicatos.

CPR Sagrado Corazón de Lalín

Na reunión o representante da CIG-Ensino aproveitou para presentarlle ao conselleiro o escrito no que se relata a situación dunha das traballadoras do CPR Sagrado Corazón de Lalín que foi despedida cando está a piques de xubilarse e despois de encadear contratos fraudulentos desde 2015. Tal e como informou a central nunha rolda de prensa, a traballadora Geli Rodríguez Amado, especialista en Audición e Linguaxe, irase á rúa mañá e non o 31 de agosto, que finaliza o seu período activo, e que era a data negociada cos propietarios do centro educativo. Cabe destacar que estamos ante un caso de “nepotismo” porque o seu posto de traballo pretenden cubrilo cunha persoa próxima aos donos da empresa e que non supón ningún aforro económico para a mesma. Nestes intres a traballadora tiña un contrato de 9 horas semanais, cun salario inferior aos 600 euros, que se renovaba periodicamente, unha situación claramente ilegal dado que formaba parte do cadro de persoal estábel do centro educativo.

O conselleiro de Educación non asume ningunha das reivindicacións do persoal da concertada para o exercicio 2018

Documento


Volver