Nace Xe, o Xornal do Ensino Galego

A CIG-Ensino acaba de editar o primeiro número de Xe, o xornal do ensino galego

Publicación que pretende poñer en común os principais problemas e retos do ensino público galego, así como servir de intercambio de experiencias educativas e de materiais e recursos para o traballo nas aulas.

Nun tempo no que a información flúe de forma instantánea e fugaz o sindicato maioritario no ensino público galego quere apostar por unha publicación periódica na que se debullen de forma máis sosegada aqueles asuntos que ocupan e preocupan ao profesorado galego e que non se poden abordar cun mero titular informativo.

A reforma das pensións, con efectos moi lesivos para o persoal interino ou funcionario de carreira que aprobou as oposicións despois de 2011, a situación agónica do galego nas aulas e na sociedade, os intereses empresariais e neoliberais que hai detrás da aposta pola FP dual, os recortes de dereitos sufridos polo profesorado, a situación actual dos estudos superiores de artes e deseño ou das medidas de atención á diversidade son algúns dos temas que conforman o contido dunha publicación que nace coa vocación de ser periódica e útil para o colectivo docente.

Ademais, recupérase a filosofía do sindicato do traballo cooperativo entre o profesorado coa incorporación de experiencias educativas levadas a cabo nalgún centro galego e que poden servir de referente para outros, así como a recomendación de materiais, recursos ou bibliografía para traballar nas aulas a coeducación, a educación para a paz e o respecto polo medio ambiente.

Para dar a coñecer en sociedade esta publicación, a CIG-Ensino ten organizado un acto de presentación o vindeiro xoves, 10 de outubro, ás 19:30 horas na Libraría Couceiro no que participarán o secretario nacional Suso Bermello, a escritora e profesora de Lingua de secundaria, Marta Dacosta, o orientador e mestre de primaria, Carlos R. Calvente, o profesor de FP, Manuel César Vila e a profesora de Ciencias da Educación, Montse Pena.

Esperamos contar contigo!

O acto terá un formato participativo e aberto en forma de mesa redonda no que se aproveitará para tratar aqueles asuntos que máis afectan ao sistema educativo actual, á súa calidade e aos dereitos do profesorado.

Volver