Na Mesa sectorial tratáronse as ordes de adxudicación de destinos provisionais para o vindeiro curso

A CIG-Ensino puxo en evidencia a problemática que está a sufrir o profesorado en expectativa de destino que, en varias materias, leva varios anos agardando a obter un destino definitivo

A CIG-Ensino reclamou da consellaría que resolva esta situación que ademais de permitir que este profesorado poida exercer plenamente os seus dereitos laborais, redundará na mellora da calidade do ensino o permitir uns cadros de profesorado máis estábeis.

Na Mesa Sectorial tratáronse as orde de adxudicación de destinos provisionais para o vindeiro curso 2017-18. 

A CIG-Ensino propuxo que a Consellaría adopte dúas medidas que permitirían reducir a provisionalidade:

  • A primeira praza se cree con 12 horas e as seguintes a partir de 18.
  • Que se elimine a impartición de afíns. 
  • Que se estableza un cadro mínimo de profesorado para os centros de Secundaria.

Por outro lado, a CIG-Ensino manifestou que é inadmisíbel que o profesorado provisional de Secundaria (suprimido e desprazado por falta de horario, en expectativa, aprobado nas oposicións e interino e substituto) non coñeza o seu destino até días ou horas antes de se iniciar o curso. A CIG-Ensino propuxo que a adxudicación definitiva de destinos se faga o día 30 ou 31 de xullo e que leve parello que se oferten todas as vacantes existentes. En todo caso, para este vindeiro curso que se realice a adxudicación, como mínimo, dez días antes do inicio de curso e se dean instrucións claras para que o profesorado que se incorpora ao centro poida participar da elección de curso e horario.

A Consellaría aceptou tentar adiantar a adxudicación a datas próximas ao día 6 de setembro.

A CIG-Ensino tamén esixiu que o profesorado de Primaria coñeza o seu destino definitivo como moi tarde o 31 de xullo. A Consellaría respondeu que cre que poderán publicalo o día 2 de agosto.

Finalmente, a CIG-Ensino esixiu que se negocien as vacantes e se oferten todas as que van existir no curso 2017-18, mellorando os perfís. A Consellaría vai recoller que non se deberán impartir máis de dúas afíns, algo que non resolve a situación, pois non se regula o tipo de afíns, polo que se poden dar situacións en que o profesorado teña que impartir materias que non gardan afinidade coa súa especialidade, mesmo obrigatoriamente. A CIG-Ensino esixiu que non aparezan prazas de última hora despois da adxudicación e que os perfís estean perfectamente definidos.

Despois da reclamación da CIG-Ensino, nesta convocatoria figuran xa as prazas de ámbito para Formación Profesional Básica cun código específico, o que contribuirá a mellorar as peticións.

Na mesa sectorial de hoxe tería que tratarse o calendario escolar, mais finalmente quedou sobre a mesa, pois había organizacións sindicais que manifestaban que hai un acordo para rematar as sesións ás 14:30. A CIG-Ensino manifestou que non tiña constancia da existencia de tal acordo. En todo caso,  reclamoulle á Consellaría que non continuase coa orde do día da mesa e que nos convoque a unha nova reunión. Porén a Consellaría dixo que non levantaba a mesa. A CIG-Ensino considera que, para unha negociación real, se deben convocar máis mesas sectoriais, con ordes do día máis curtas e asequíbeis, de maneira que  unha mañá sexa tempo suficiente para tratar con vagar os temas que afectan ao profesorado.

No momento en que o calendario volva á mesa, e a pesar de ser necesario un debate social sobre este tema, a CIG-Ensino proporá, entre outras cuestións:

  • Que cuestións alleas á docencia, como son as festividades relixiosas, non marquen o calendario escolar e provoquen a descompensación entre os tres trimestre do curso, facendo que o primeiro trimestre supere en 17 e 13 días ao segundo e terceiro, respectivamente.
  • Que se procure o equilibrio dos períodos lectivos e unha nova distribución dos períodos de descanso. A CIG-Ensino hai máis de dez anos que vén propoñendo que as vacacións de primavera se inicien a posteriori dos festivos de semana santa, como xa se fai nalgunha localidade galega. 
  • Que na relación de datas a conmemorar se inclúa o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro. A día de hoxe os centros educativos xa veñen celebrando a data, respondendo ao chamamento que entidades como a CIG-Ensino veñen facendo para celebrarmos unha data que, máis alá do recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e a nosa literatura, ten por finalidade enxalzar a literatura feita na nosa lingua e o noso idioma propio, como unha ferramenta normalizadora de grande alcance, cando estamos tan necesitados delas. 
  • Que se restaure a xornada reducida de xuño e setembro.

 A proposta que presentaba a Administración prevé para educación infantil e primaria que o curso se inicie o 11 de setembro e remate o 21 de xuño e no resto do ensino obrigatorio iniciaríase o 15 de setembro e rematará o 21 de xuño. A Consellaría propón como día do docente (unificación das anteriores celebracións proposta pola CIG-Ensino) o 7 de decembro:

Calendario escolar 2017-2018
Inicio de curso11/09 Primaria, 15/09 demais etapas
Remate de curso21/06 Primaria, Secundaria, FP,  30/06 E. de réxime especial.
NadalDe 22/12 a 7/01 ambos os dous inclusive
EntroidoDe 12/02 a  14/02 ambos os dous inclusive
Semana SantaDe 24/03 a 2/04 ambos os dous inclusive
Día do docente07/12

Ligazón a toda a información da mesa sectorial.

Volver