Na mesa sectorial do 14 de decembro abordarase a xornada lectiva única e o concurso de méritos para as direccións

Mesa Sectorial 14-12-07

Vaise abordar nesta reunión a negociación dun dos asuntos polos que históricamente vimos loitando para revisar: as condicións de xornada lectiva única.

Na Mesa Sectorial abordarase a xornada lectiva única
Na reunión que se celebrará o 14 de decembro tratarase a xornada lectiva en sesión única. A CIG-Ensino vai exixir novos criterios para facilitar que os centros se poidan acoller á xornada única.

Na CIG-Ensino, somos conscientes de que calquera modificación da xornada escolar ten transcendencia social e afecta a un importante número de persoas, e, polo tanto debe basearse no mais amplo consenso posíbel. Agora ben, no contexto social e político en que non é obrigatorio o voto e onde noutro tipo de eleccións que tamén implican ou poden implicar cambios importantes para o conxunto da sociedade sen esixir tan amplas porcentaxes de participación, parece lóxico e coherente que se modifique esta exixencia.
Desde a CIG, pensamos que para calquera modificación da xornada, tanto de partida para a única como de única para partida, pois ambas deberían ser normais, debe contar cun amplo apoio dos sectores implicados, pero este apoio non debe situarse tan alto que na práctica imposibilite o cambio. Por iso, desde o noso punto de vista, no referente á participación dos pais e nais, é suficiente a participación mínima do 50% do censo (pais e nais) e sobre esta, o 2/3 do voto afirmativo.
En calquera caso, un ou outro tipo de xornada, tendo en conta que non parecen existir diferenzas de rendemento académico nun ou noutro modelo, debe acometerse co obxectivo de dotar os centros de novos e mellores recursos ao tempo que debe ser un elemento transcendental na mellora das condicións de traballo do profesorado.
A CIG-Ensino segue considerando que, con independencia do tipo de xornada que exista no centro, a administración debe garantir a prestación dos servizos complementarios en mellores condicións que na actualidade, suprimindo en todo caso a dobraxe dos servizos de transporte escolar alí onde haxa. O servizo de comedor deberá manterse en todos os centros onde actualmente exista e, nos demais, a Consellaría deberá iniciar un plano de implantación deste servizo. Así mesmo, a Administración educativa deberá garantir que todo o alumnado, sen excepción, poida asistir ás actividades extraescolares. A decisión tomada pola comunidade escolar nunca poderá ser mudada debido ao transporte escolar como vén sucedendo nalgún caso.

Volver