MUFACE comprométese coa CIG a ter en galego a sede electrónica e a nova web

Na última reunión do Consello Xeral de MUFACE o sindicato nacionalista volveu insistir en que a sede electrónica da entidade segue unicamente en castelán, o que supón un desprezo para as linguas oficiais como o galego

Os representantes deste organismo comprometéronse a que tanto a sede electrónica como a nova web estean en galego dentro dun par de meses. Tamén avanzaron que a partir de 2018 haberá dous prazos para poder cambiar de entidade médica e que seguen traballando na aplicación da receita electrónica. Desde a CIG-Ensino puxéronse enriba da mesa algunhas deficiencias observadas na prestación sanitaria ao abeiro deste sistema, nomeadamente casos de incumprimentos das obrigas asistenciais por parte dalgunhas entidades médicas que MUFACE se comprometeu a vixiar e mesmo incluso a sancionar.

Na última reunión do Consello Xeral de MUFACE a CIG volveu denunciar que a sede electrónica desta entidade segue estando unicamente en castelán, o que supón unha discriminación das linguas oficiais como o galego. En resposta á nosa demanda, o director xeral confirmou que agardan que nun par de meses tanto a sede electrónica como a nova web xeral, que está en fase de elaboración, terán versión en galego e que contará cos servizos das direccións provinciais galegas para mantela actualizada no noso idioma.

Máis facilidades para cambiar de entidade médica.

Na mesma reunión do Consello Xeral, os representantes de MUFACE informaron que, a partir do ano 2018, se van habilitar dous prazos para poder cambiar de entidade médica. Até agora só se pode cambiar no mes de xaneiro e a partir do ano que vén poderase facer tamén en xuño.

A receita electrónica terá que agardar aínda máis

MUFACE aínda non foi quen de pór en marcha a receita electrónica e seguen negociando coas entidades médicas privadas, os servizos públicos e os colexios médicos e farmacéuticos. É un despropósito que as persoas adscritas a MUFACE (no caso do persoal docente todo o funcionariado en prácticas e de carreira) siga sen poder contar con esta prestación implantada desde hai anos no SERGAS para os usuarios do réxime xeral.

A emerxencia vital quedará xustificada polo 061.

Cando unha persoa mutualista que ten a atención sanitaria cunha entidade privada ten unha urxencia médica só pode acudir aos centros hospitalarios que figuran no cadro médico desa entidade e non aos centros sanitarios dependentes do SERGAS. No caso de ser atendido nalgún destes hospitais públicos a entidade médica privada non se fará cargo dos custos e será o mutualista quen terá que pagar todos os gastos derivados da atención médica recibida. Porén, cando se acredita que a intervención hospitalaria no SERGAS está motivada por unha urxencia vital todos os gastos ficarán cubertos, sendo pagados pola entidade médica.

A novidade a partir do 2018, segundo informaron no Consello Xeral de MUFACE, é que no caso de que haxa unha valoración previa do 061, o informe deste será vinculante para a entidade médica.

Seguimento de incumprimentos das obrigas das entidades médicas privadas.

MUFACE comprometeuse a facer un mellor seguimento de incumprimentos como as denominadas “transferencias de riscos” que desde a CIG denunciamos en varias ocasións, ao advertir que determinadas entidades médicas tiñan posto escusas para desfacerse das persoas mutualistas que precisan servizos cun elevado custe (tratamentos oncolóxicos, psiquiátricos…). Así, temos detectado casos de demoras nos volantes para probas diagnósticas, especialmente con probas adicionais para determinar unha patoloxía concreta. Eses atrancos levan, en ocasións, a que os mutualistas cambien de entidade. Agora MUFACE di que aplicará as sancións que sexa oportunas.

Desde a CIG-Ensino estaremos vixilantes ante calquera incumprimento que se poida producir para denuncialo ante MUFACE e instamos a todo o profesorado galego que a día de hoxe ten a atención médica cunha entidade médica privada a que denuncien calquera irregularidade que se produza e que a poña no noso coñecemento para que desde o sindicato fagamos seguimento dela ante MUFACE.

Nos últimos anos constatouse unha alta significativa de mutualistas na atención sanitaria prestada polo SERGAS, en porcentaxes similares a como está evolucionado o cambio de entidades no conxunto do Estado.

MUFACE pagámolo nós.

Desde a  CIG manifestamos a nosa crítica a que o incremento das achegas aos orzamentos de MUFACE sexa maior no caso dos mutualistas que o da propia MUFACE. No anteproxecto de orzamentos para 2018 recóllese un incremento nos nosos descontos das nóminas para MUFACE dun 3,20%, mentres que o propio Estado só aumenta a súa parte nun 2,35%. Con estas medidas vaise incrementando progresivamente a porcentaxe coa que os mutualistas complementamos os insuficientes fondos públicos destinado polo Estado a MUFACE.

Volver