MUFACE atende a solicitude da CIG-Ensino e ampliará a xuño a posibilidade de cambiar para o SERGAS

O sindicato remitíralle un escrito á Dirección Xeral de MUFACE instando a que o cambio de entidade médica para o SERGAS puidese facerse efectivo en xaneiro e xuño, como acontece desde agora coas entidades privadas.

Neste 2018 MUFACE introduciu unha novidade na xestión dos posíbeis cambios de entidades médicas. Até agora as persoas mutualistas só podían cambiar de entidade no mes de xaneiro de cada ano. A partir de agora os cambios poderán facerse en xaneiro e en xuño, tal e como se informou no Consello Xeral de MUFACE.

Sen embargo, a día de hoxe só se publicou no BOE o Convenio entre a Mutualidade e as entidades aseguradoras privadas, polo que desde o sindicato xa lle remitimos un escrito á Dirección Xeral deste organismo instándoo á negociación e á publicación do convenio cos diferentes servizos de saúde, así como a informar publicamente dese novo prazo en xuño.

A Dirección Xeral de MUFACE acaba de comunicarnos que están á espera de formalizar os convenios coa sanidade pública e que o cambio ao SERGAS e a outros servizos autonómicos de saúde será posíbel en xuño, evitando por tanto unha discriminación coas entidades privadas.

Esperamos que este novo prazo lle axude ao profesorado galego a optar polo sistema público de saúde xa que, ao igual que no ensino, é o que garante a maior equidade entre todas e todos os traballadores, así como a mellor calidade asistencial.

Volver