Morreu Xabier P. Docampo

Desde a CIG-Ensino unímonos á dor da familia e amizades de Xabier P. Docampo

Sempre será lembrado como un narrador, como un mestre e, por riba de todo, un galego bo e xeneroso.

Hoxe, á idade de 72 anos, finou na Coruña o noso querido compañeiro Xabier P. Docampo.

Xabier P. Docampo foi un escritor comprometido, lido e admirado que renovou a nosa literatura infantil e xuvenil e foi, tamén e sobre todo, un mestre que acompañou o seu alumnado durante todos os seus anos de docencia no coñecemento e valorización da nosa lingua e cultura.

Entre as súas achegas á nosa narrativa, que se computan por ducias, podemos salientar o libro Cando petan na porta pola noite, que lle mereceu, entre outros, o Premio Nacional de Literatura en 1995 e tamén cabe mencionar que foi distinguido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega coa Letra E de Escritor na súa Terra na convocatoria do ano 2014. Ten colaborado con multitude de iniciativas relacionadas coa renovación pedagóxica galega.

Foi, por exemplo, mestre no tristemente desaparecido proxecto de Preescolar na Casa durante 8 anos, e participou en numerosas iniciativas formadoras e reivindicativas propulsadas pola CIG-Ensino, con quen estivo vinculado desde hai máis de 25 anos.

Desde a CIG-Ensino unímonos á dor da familia e amizades de Xabier P. Docampo, que xa desde sempre será lembrado como un narrador, como un mestre e, por riba de todo, un galego bo e xeneroso.

Volver