Mesa sectorial do 14-12-07: Cátedras, formación profesorado, calendario temas a negociar, permisos, sexenios profesorado en prácticas, profesorado interino...

Mesa sectorial 14-12-2007

Na Mesa sectorial do 14-12-07 tratáronse dentro dos rogos e preguntas os seguintes temas: Acceso a Cátedras, Formación Profesorado, Calendario temas a negociar, permisos, sexenios profesorados en prácticas, profesorado interino...

MESA SECTORIAL DE 14 DE DECEMBRO DE 2007

Rogos e Preguntas
 
  • Calendario de temas a negociar:
A CIG-ENSINO, que xa presentou no inicio de curso unha proposta por escrito, reclamou que se convoque urxentemente unha mesa para fixar o calendario de temas a negociar, entre eles a xubilación anticipada, a redución de horario a maiores de 55 anos, as condicións de traballo do profesorado itinerante (cuestión que está pendente de vir á mesa e que non sabemos por que non veu á Mesa de hoxe) ou un acordo de estabilidade para o profesorado interino. Respóstasenos que para o mes de xaneiro traerase un calendario de temas e que a negociación das condicións de traballo do profesorado itinerante virá á Mesa Sectorial que se celebrará a semana que vén.
  •  Formación do profesorado
A Consellaría comprometeuse a realizar unha reunión, despois da demanda reiterada da CIG-ENSINO e ante a situación que se está a producir no relativo á diferencia na homologación de actividades para profesorado en activo e licenciados en paro. Esta reunión se celebrará a segunda semana de xaneiro.
  • Aplicación do acordo do 8 de xuño (redución da xornada laboral e mellora dos catálogos):
Aínda hoxe segue a haber centros que non poden aplicar as 25 horas de permanencia semanal porque non teñen profesorado suficiente, o mesmo respecto dos orientadores e orientadoras (hai centros con máis de 12 unidades que non teñen un orientador ou orientadora a tempo completo). O propio acordo di que se dotarán os centros do profesorado necesario para facer efectiva a implantación das 25 horas de permanencia semanal. A CIG-ENSINO esixe que se corrixa esta situación. Dísenos que lles traslademos os casos dos centros que se encontran nesta situación, que en todo caso agarda que o vindeiro ano xa non suceda isto pois sacaron un total de 1050 vacantes para o corpo de mestres no concurso de traslados (comprometéranse inicialmente a 500), e o mesmo con respecto aos departamentos de orientación. O vindeiro curso estarán case no 100% de cumprimento do acordo.
  • Revisión médica anual:
A CIG-ENSINO reclamou que se arbitren as medidas necesarias para que todo o profesorado conte cunha revisión médica anual, tal e como se fai no resto dos sectores laborais, sendo os docentes os únicos que non recibimos este tipo de prestación. 
  • Novos permisos e ampliacións dos actuais:
A CIG-ENSINO reclamou que se estabelezan os mecanismos para a aplicación das modificacións da Lei da Función Pública . Teñen a intención de redactar unha norma para clarificar a aplicación dos novos permisos. Mais adianta que no caso da lactación a acumulación seguirá sendo de catro semanas, e que xa existe un acordo estatal que así o refrenda. A única modificación que afecta no tema da lactación é o dereito a gozar do permiso en calquera momento, dentro dos doce meses. 
 
  • Profesorado en prácticas:
A CIG-ENSINO reclamou que se dea resposta ao escrito presentado para que se estableza o procedemento para a percepción dos sexenios ao profesorado con servizos prestados como interino ou interina. Están traballando no tema, e mostraron en todo momento disposición para buscar unha saída satisfactoria.
 
  • Vixilancia do alumnado:
Que se exixa o Director do CEIP Chano Piñeiro que retire o escrito polo que reclama do profesorado que vixíe o alumnado fóra da súa xornada laboral.
  • Outras informacións:
    • Solicitamos que se nos aclare a veracidade dunha información que transcendeu nun curso de formación de directores sobre a existencia de partidas orzamentarias destinadas aos concellos para realizar actividades de reforzo co alumnado de 6º, información que de se confirmar entendemos como totalmente improcedente, pois en todo caso haberá que dotar os centros dos orzamentos e os mecanismos necesarios para abordar estes reforzos. Entendemos como moi grave que se trasladen aos concellos competencias do ensino regrado. Respóstannos que non teñen ningunha información e que lles parece moi raro.
    • Reclamamos un plano de formación para o conxunto do profesorado para aplicar o decreto de normalización.
    • Esiximos que se negocie a redución das ratios.
    • Esiximos que se poñan os medios e recursos para aplicar o plano de convivencia escolar
    • Que se negocie un novo acordo para mellorara a  xubilación anticipada e parcial.
  •  Profesorado Interino:

Vida laboral:
A CIG-ENSINO demandou que a Consellaría de Educación actúe de oficio para corrixir os desfases que se están a detectar en varios casos entre as vidas laborais e os contratos de traballo do profesorado substituto. Respóstannos que non poden actuar de oficio e que en todo caso o profesorado afectado terá que presentar reclamación. Tomarán as medidas necesarias para que non se repita esta situación.

Estabilidade:
A CIG-ENSINO na súa demanda de temas a negociar, fixo unha mención especial ao Acordo de estabilidade para o profesorado interino, pois, aínda que a Consellaría non teña disposición a negociar este tema, o certo é que hai un compromiso que debe efectivizarse. Hoxe presentamos un escrito da Plataforma da que forma parte a CIG-ENSINO, para que se reabran as negociacións sobre a estabilidade. A Consellaría volveu dicir que está claro que a estabilidade non vai formar parte dos temas a negociar.
 
  • Acceso a Cátedras:
A CIG-ENSINO denunciou que segundo informacións dos afectados, constátase que a puntuación que aparece asignada polo exercicio dos cargos directivos é moi superior á que recolle o baremo de participación. Por outro lado presentamos unha vez máis a nosa queixa por non se valorar a formación impartida, ou a coordinación de actividades de formación, así como polo feito de que non se valoren entre outras titulacións as da EOI. Entendemos que esta situación pode xerar a presentación de recursos. Comprométense a revisar os datos para impedir erros. Din que non procede falar novamente do baremo, que eles entenderon que no Real Decreto non se recolle a posibilidade de puntuar a impartición, aínda que eles pretendían recollelo, nin tampouco as titulacións das EOI. Ante a nosa insistencia en que tal e como está redactado na convocatoria, cabería valorar os cursos impartidos e coordinados, pois sempre se fala de “participación” e por tal cabe entender a impartición e a coordinación, respostaron “que se aleguen eses méritos”, polo que a CIG-ENSINO entende que se deben presentar as certificación por impartición e coordinación de actividades de formación. Non aceptaron que se puntúen as titulacións das EOI porque interpretan que non o permite o Real Decreto.
 

Volver