Masiva participación das docentes galegas no 8M

A CIG Ensino chama a participar nas mobilizacións da tarde

As docentes galegas secundaron no día de hoxe a folga de mulleres cunha participación media superior ao 70%. Estes datos, provisionais e froito do estudo feito pola CIG-Ensino nos momentos previos ao paro das 12 horas, poderían ser mesmo superiores e demostran que a folga de mulleres está a ser un éxito total.

Nun sector altamente feminizado, as docentes galegas responderon cunha moi elevada participación na folga deste 8 de marzo, o que nos permite afirmar que a participación das mulleres do ensino está a ter un papel destacado neste 8 de marzo que xa podemos cualificar como unha xornada histórica, consolidando unha realidade imparábel. 

Desde a CIG-Ensino chamamos a participar masivamente nas concentracións e manifestacións que van ter lugar na tarde de hoxe para facer aínda máis visíbel que non hai marcha atrás na loita contra a discriminación das mulleres, da fenda salarial ou dos roles dun sistema patriarcal que mulleres e homes debemos combater para garantir a igualdade efectiva. 

O éxito da folga e das concentracións na mañá deste 8 de marzo, xunto coa participación que agardamos para esta tarde están a colocar a Galiza nun lugar destacado nas mobilizacións deste 8 de marzo.

En palabras da secretaria confederal de Mulleres da CIG, Margarida Corral "As galegas estamos demostrando a nosa capacidade de mobilización, a través da que somos quen de situar Galiza no mapa mundial do Paro Internacional de Mulleres e participar activamente nunha xornada histórica, revolucionaria, que marca un punto de inflexión na conmemoración do 8 de Marzo e en como temos que concibir a celebración desta data!".

Seguiremos!!

MOBILIZACIÓNS DO MOVEMENTO FEMINISTA GALEGO NA TARDE DO 8M

VIGO: 20:00h MANIFESTACIÓN desde a praza de Portugal. Convoca: Plataforma Galegas8M

COMPOSTELA: 20:00h MANIFESTACIÓN dende a Praza 8 de marzo. Convocan: PFG e Galegas8M

FERROL: 20:00h na Praza Amada García. Convoca Marcha Mundial das Mulleres

A CORUÑA: 19:30h na Praza de Pontevedra. Convoca: Galegas8M (Grupo Local)

LUGO:  20:00h. RUADA dende o Multiusos da Xunta. Convocan: PF. Lugo e Translurpies

OURENSE: 20:00h MANIFESTACIÓN desde a Subdelegación do Goberno. Convoca: Galegas8M.

ALLARIZ: 12:30H Praza do Concello

CEE: 20:00h. CONCENTRACIÓN na Praza 8 de Marzo. Convoca: Asociación Feminista Buserana

Volver