Información da 5ª reunión para o XV convenio colectivo de discapacidade

Reunión celebrada o 13 de febreiro de 2018

Constátanse os peores presaxios e hai acordo sindical de mobilizacións.

O banco patronal presentou as súas propostas por escrito, desta vez en tempo e forma, de cara a avanzarmos nesta reunión nas negociacións dos 2 bloques que se levan traballado. Non só se mantivo nos termos que xa nos avanzara nas anteriores reunións, senón que introduciu propostas regresivas e que seguen a incidir na involución do convenio.

No bloque de contratacións , formación e prevención de riscos, aínda que recollen propostas da plataforma de CCOO e UGT ( e a estes lles podería valer) e non recollen ningunha das nosas ( nos contratos en prácticas e de formación os salarios non poden ser inferiores ao SMI en ningún caso, os de formación deben ter un 30 % de formación como mínimo, a proposta de subrogación empresarial , a oferta de promoción interna e aos traballadores/as con contratos parciais, regulación negociada do acceso e o novo artigo proposto de “acción voluntaria”), o recortar os salarios nos contratos en prácticas ao “60%” no 1º ano e ao “75%” no 2º ano, no canto do 85% e 95% que había, respectivamente, fixeron que non as aceptemos as tres OO.SS. Ademais no de formación pasan de 2 anos a tres e o 2º e 3º ano só cun 15% de formación, eliminan os límites no nº das contratacións temporais por empresa ( máx. 10% da plantilla),non recollen as indemnizacións deste tipo de contratos a 20 días por ano e tampouco reflexan un mínimo de facer revisións médicas bianuais.

No bloque de xornada, vacacións e permisos retribuídos (pois salarios quedou pendente do estudo da clasificación profesional, que é a súa teima) manteñen literalmente o que recolle o XIV convenio, cun pequeno caramelo nos permisos

c) En caso de accidente,enfermidade grave,hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario, 3 días laborábeis (antes naturais) en caso de cónxuxe, fillos e pais e 2 naturais (ollo! antes 3) no resto de parentes até o 2º grado de consanguinidade ou afinidade (o resto igual).

Poderanse gozar de forma continuada ou fraccionada. Sen embargo non aceptaron a nosa proposta (á parte doutras) de eliminar “dende o feito causante”.

Pero introducen un novo recorte e involución nos dereitos laborais que precariza máis a xornada, que é o incremento da bolsa de horas flexibles do 10% ao 15%. E non contentos con iso, crean un novo concepto de emprego das ditas horas flexibles, “utilizalas en sentido inverso”, é dicir, reducir a xornada ou ter un descanso obrigatorio, en momentos de pouco traballo, que se recuperará en picos altos de traballo e nun prazo de ata 6 meses do ano seguinte, non pechándoas no ano natural. Nin aceptaron axustar xornada semanal á anual (as anuais están infladas).

Ante esta actitude as OO.SS pedimos un receso. Insistimos dende a CIG de programar mobilizacións en todo o país, que xa propuxéramos por correo de cara a esta reunión,logo de recibir por escrito a proposta patronal. As demais OO.SS mostráronse receptivas ás mobilizacións, ante a postura inmobilista da patronal.

Faranse reunións de delegados/as e concretaranse as mobilizacións antes da 5º reunión.

Logo trasladóuselle a indignación do banco sindical á patronal, convidándoos a que modificaran a súa actitude impositiva e involucionista.

Ao final, mandarán para a próxima mesa nova proposta de xornada mellorada, xunto coa súa proposta estrela Clasificación Profesional e salarios. Rematouse falando do problema dos que teñen de salario o SMI, propondo o banco sindical unha proposta escrita, da que se dará resposta na sexta reunión pola patronal, que se fixa para o 5 de abril ás 11h.

 

CIG Informa Ensino Privado: Quinta reunión Convenio Colectivo Discapacidade

Documento


Volver