Implicación do RDL 10/2020 no ámbito educativo

Información sobre como afecta a normativa do mal denominado “permiso retribuído” nas diferentes etapas e centros educativos, públicos ou privados

A norma ten unha afectación mínima no eido da educación ao estar xa claramente condicionada pola normativa anterior do estado de alarma.

Ensino público

O profesorado galego do ensino público non universitario non se ve afectado por este novo RDL xa que desde o día 16 de marzo non tiña que ir ao seu centro de traballo coa indicación de que, sempre que fose posíbel, operase con educación a distancia. O RDL 10/2020 indica que non é de aplicación a quen xa viña facendo teletraballo: 

e) Las personas trabajadoras que puedan seguir desempeñando su actividad con normalidad mediante teletrabajo o cualquiera de las modalidades no presenciales de prestación de servicios. 

Ao respecto das direccións debemos ter presente que desde a última rectificación da Xunta (22 de marzo) as direccións non tiñan obriga de ir aos centros sempre e cando elas mesmas así o consideren, posto que a norma non fixa un tempo mínimo de presenza no centro. Malia que esta norma permite non ter presenza física nos centros, a CIG-Ensino criticou a non asunción desa responsabilidade polos responsábeis políticos, ao considerar que non se debía deixar esta decisión nas propias direccións: 

“Nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerá, a partir do luns 23 de marzo, unha persoa do equipo directivo do centro o tempo que considere preciso para atender o alumnado e as familias, así como para a verificación do funcionamento das infraestruturas tecnolóxicas do centro e do estado do propio edificio educativo”.

Porén, a publicación deste RDL 10/2020, limita a aplicación da resolución da Xunta do 22 de marzo, xa que o único persoal (as direccións) que “poderían” ir aos centros educativos xa non terían autorización para facelo entre esta semana e até o final da semana santa escolar, xa que no sector público só se podería acudir ao centro de traballo se a propia Xunta publicase unha norma específica para garantir mantemento de servizos públicos esenciais, entre os que non se atopa a xestión que poidan facer os integrantes dos equipos directivos. Así se recolle no RDL 10/2020:

Disposición adicional primera. Empleados públicos. 

El Ministerio de Política Territorial y Función Pública y los competentes en las comunidades autónomas y entidades locales quedan habilitados para dictar las instrucciones y resoluciones que sean necesarias para regular la prestación de servicios de los empleados públicos incluidos en el ámbito de aplicación del Real Decreto Legislativo 5/2015, de 30 de octubre, por el que se aprueba el texto refundido de la Ley del Estatuto Básico del Empleado Público, con el objeto de mantener el funcionamiento de los servicios públicos que se consideren esenciales. 

No ámbito universitario a aplicación da norma tamén está clara e é idéntica ao resto do sector público: non se pode facer ningunha actividade presencial até despois da semana santa. Malia isto, a CIG-Ensino ten denunciado que algúns trámites de solicitudes de axudas tanto por parte do Ministerio (estadías de FPU) como da propia Xunta (procedementos para solicitar as axudas predoutorais e de consolidación de grupos) se teñan paralizado co conseguinte problema económico que isto implica para un sector xa absolutamente precarizado nas nosas universidades.

A xestión das axudas de comedores escolares

A publicación hoxe, 30 de marzo, da ORDE do 27 de marzo de 2020 pola que se establecen axudas de comedor escolar nos centros públicos durante esta situación de suspensión da actividade escolar ordinaria, fixa unha tarefa para os integrantes dos equipos directivos que non se pode desenvolver nos propios centros con arranxo ao RDL 10/2020.

Insistimos: a presenza nos centros educativos de aquí ao remate da semana santa non está autorizada para ninguén. A Consellaría colgou no portal das direccións unhas instrucións para favorecer a axuda ás familias que non poidan tramitar a axuda do comedor escolar por sede electrónica, que habilita para que mediante chamadas telefónicas se poidan obter datos como o número de conta no que se faría o ingreso da axuda. Desde o sindicato instamos á Consellaría a que modifique a orde e que habilite un prazo superior ao indicado nela (6 de abril) para aqueles casos extraordinarios nos que non se poida tramitar a documentación requirida. Entendemos que, nas novas circunstancias, poden darse casos nos que sexa imposíbel facelo.

Centros privados

A norma afecta igualmente a todos os centros e, polo tanto, non está autorizada a presenza física de ninguén nos centros educativos privados, desde as escolas infantís de 0-3 a centros privados con ou sen concerto.

Aquelas traballadoras e traballadores que estivesen nun ERTE non se vén afectados por este pseudo permiso retribuído. Neste momento aos ERTE por causa de forza maior só se poden acoller as empresas que se viron afectadas pola aplicación do estado de alarma. Os ERTEs por outros motivos non se poderían aplicar até o 9 de abril xa que para as empresas é obrigatorio este permiso. 

As residencias para atención a persoas con discapacidade e os centros de menores seguen sendo servizos esenciais e, a este respecto, desde a CIG chamamos novamente a atención sobre a necesidade de garantir a seguridade sanitaria do persoal e das persoas usuarias.

Para unha información máis completa sobre a afectación no ámbito laboral privado pódese consultar a valoración e información práctica da CIG sobre o novo RDL 10/2020 na web: ligazón.

Volver