I Xornadas de atención á diversidade

Levaranse a cabo o 23 de novembro na Coruña e contarán coa presenza de Mar Romera ou José Ramón Lago

Ante a situación actual na que se volve apremiante a atención á diversidade dadas as carencias con que se enfronta o profesorado galego neste campo, desde a CIG-Ensino e a AS-PG botamos a andar as I Xornadas de Atención á Diversidade. Conscientes como somos de que para que se poida traballar adecuadamente a este tema é imprescindible a redución de ratios e o incremento de profesorado especialista, tamén sabemos que é fundamental a formación do profesorado para poder aborar a diversidade nas aulas.

Nestas Xornadas que se levarán a cabo o vindeiro día 23 de novembro na Coruña, traballarase con aspectos como a reflexión sobre a necesidade de introducir no ensino a intelixencia emocional ou a aprendizaxe cooperativa. Contaremos para isto coa presenza de recoñecidas persoas nestes campo como MAR ROMERA ou JOSÉ RAMÓN LAGO.

Mar Romera é mestra, psicopedagoga e especialista en educación emocional que impartirá a conferencia: Educar con 3 Ces: capacidades, competencias e corazón.

José Ramón Lago, profesor da Universitat de Vic-Universitat Central de Catalunya, coordinador del Grup de Recerca en Atenció a la Diversitat, encargarase da ponencia: A aprendizaxe cooperativa para promover a cohesión, a inclusión e a equidade.

Desde a CIG-Ensino consideramos encomiable o labor que se está levando a cabo nalgúns centros de ensino galegos en canto á atención á diversidade grazas ao empeño, implicación e esforzo do profesorado. Como exemplos de boas prácticas no noso país contaremos coas docentes do CPI de Castroverde, Isabel Pérez García e Cristina González Grandas, que nos comentarán como traballar a integración a través de Comunidades de aprendizaxe. Inmaculada Fernández Bocelo, mestra de PT, e Juan Ramón Alonso García, mestre de AL, traerannos a súa experiencia sobre integración de alumnado con pluridiscapacidade a través do uso de pictogramas no CPI de Atios- Valdoviño. Así mesmo tamén estarán Elena Meis Veiga, orientadora, Naiara Castillo González-Redondo, directora e titora de infantil e Sonia Sobral Boga, secretaria e titora de primaria no CEIP de Viñas-Poio, no que se traballa a inclusión cun perfil de multiculturaliadde.

Como colofón ás Xornadas contaremos coa presenza de Xosé Tomás, profesor de secundaria, ilustrador e escritor que fará un relatorio de experiencias e situacións reais no ensino desde unha perspectiva crítica e humorística.

Ligazón á páxina cos obxectivos, contidos e matriculación.

Volver