Feijoó lanza anuncios “fume” de oposicións no Parlamento sen concretar as prazas docentes para 2018

A CIG-Ensino chama a atención sobre a ausencia no discurso do presidente da Xunta de propostas encamiñadas á recuperación dos dereitos que nos foron subtraídos nos últimos anos e que afectaron a todo o profesorado galego e á propia calidade do ensino.

Desde a CIG-Ensino xa lle demandamos por escrito á Consellaría de Educación que na próxima Mesa Sectorial se poña enriba da mesa a negociación das especialidades que van saír a concurso-oposición o vindeiro ano. Instamos a que nesta Mesa se aborden tamén os problemas de xestión das listaxes de interinidades que se están a producir a comezos deste curso.

A Xunta volveu ignorar as organizacións sindicais, e máis concretamente a petición da CIG-Ensino de convocar unha Mesa Sectorial docente de forma inminente, e utilizou a convocatoria de prazas públicas como o “anuncio estrela” do presidente Feijoó no Debate do Estado da Nación. Desde o sindicato nacionalista sabemos que a administración quere sacar rendibilidade política deste tema pero obvia as canles de información e de comunicación que están establecidas para negociar os procesos de oposicións e segue sen convocar a Mesa Sectorial docente que solicitamos para abordar esta cuestión xunto co Concurso Xeral de Traslados. As persoas aspirantes a obter unha praza no ensino público galego ven, unha vez máis, como se empregan estas convocatorias de emprego para realizar anuncios propagandísticos pero sen ningunha concreción que lles permita organizarse de cara ao concurso-oposición de 2018.

O mesmo ocorre co outro anuncio educativo feito polo presidente en relación á creación dun campus da FP, medida da que non temos ningún coñecemento as organizacións representativas do persoal docente e que agardamos que sexa negociada nos organismos competentes.

Problemas de xestión nas listaxes de substitucións

A CIG-Ensino insta tamén á administración que nesa Mesa Sectorial se aborden os diversos problemas que se están producindo neste inicio de curso na xestión das listaxes para a cobertura de substitucións. Son numerosas as dúbidas e as problemáticas que están aparecendo sobre todo con respecto aos métodos de chamamento e de renuncias. O sindicato nacionalista atende cada día moitas consultas neste sentido, polo que insta á administración a actuar con máis claridade e a tomar as medidas necesarias para que non se sigan producindo estas disfuncións.

Recuperación de dereitos

A CIG-Ensino chama a atención sobre a ausencia no discurso do presidente da Xunta de propostas encamiñadas á recuperación dos dereitos que nos foron subtraídos nos últimos anos e que afectaron a todo o profesorado galego e á propia calidade do ensino público galego. Fronte a esta ausencia de propostas, a CIG-Ensino reitera que esa recuperación de dereitos debe ser o aspecto fundamental na axenda política en materia de persoal da Xunta de Galiza.

Volver