Escrito conxunto na defensa do ensino do portugués

A CIG-Ensino xunto coa asociación de profesores de lingua portuguesa e os restantes sindicatos entregaron hoxe, 17 de decembro, no rexistro da xunta, un escrito para demandar a implantación da lingua portuguesa como 2ª lingua estranxeira no ensino galego

Hoxe, 17 de decembro de 2010, ás 11:30 horas, a asociación de profesores de lingua portuguesa, a CIG-Ensino e os restantes sindicatos, entregaron un escrito no rexistro da Xunta para demandar o estudo do portugués como 2ª lingua estranxeira nos centros escolares e a convocatoria de oposicións, neste curso 2010-2011, para a especialidade de portugués.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao Rodríguez, declarou aos medios de comunicación que con este escrito se pretende que a Consellaría mude a súa falta de vontade e interese en promover o estudo do portugués como 2ª lingua estranxeira. Esta falta de promoción da Consellaría evidenciase en que, mesmamente, hai comunidades do Estado español que, pese a non ter unha lingua como a galega tan próxima ao portugués, amosan moito máis interese por promover o seu estudo.

Anxo Louzao tamén declarou que optar polo portugués como 2ª lingua estranxeira é a mellor maneira de valorizar a lingua propia de Galiza por próxima, útil e accesíbel para o alumnado galego. Demandoulle á Consellaría que facilite que os centros docentes galegos poidan ofertar o portugués, sen limitar esta oferta á que haxa profesorado no centro, como acontece na actualidade, e que convoque oposicións de portugués para dotar os centros destes especialistas, onde sexan necesarios.

Volver