Entra e vigor o permiso de 8 semanas para a outra persoa proxenitora

Tamén hai novidades no permiso de acumulación da lactación.

Con data de hoxe, 1 de abril, entra en vigor o aumento paulatino do permiso de paternidade ou da outra persoa proxenitora que para o que resta de ano 2019 será de 8 semanas.

Todos os pais ou parellas diferentes da nai biolóxica terán a partir de hoxe, 1 de abril, 8 semanas de permiso, nunha ampliación gradual deste permiso que se elevará no 2020 a 12 semanas e a 16 no 2021.

Dentro dos cambios introducidos no Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) figuran os seguintes:

  • É obrigatorio para ambos cónxuxes o permiso nas 6 primeiras semanas (até agora só o era para a nai biolóxica. Neste ano 2019 para a outra persoa proxenitora este permiso obrigatorio será nas 2 primeiras semanas logo do nacemento da filla ou fillo.
  • Se ambos proxenitores traballan, o permiso da parella da nai biolóxica poderá ser continuo unha vez que remate o seu permiso de 22 semanas (se traballa na Xunta) ou de 16 semanas (se traballa noutra administración ou empresa que manteña o permiso de parto en 16 semanas). No caso de que a nai colla o permiso de 4 semanas de acumulación de lactación xusto a continuación do permiso de nacemento, terá que agardar a que rematen ambos.
  • No mesmo caso anterior (que ambos cónxuxes traballen) tamén se pode gozar o permiso da outra persoa proxenitora de maneira interrompida. Neste caso a duración mínima de cada tramo será de 1 semana e debe solicitar cada permiso parcial cun aviso previo de 15 días.

O permiso de lactación, para ambos cónxuxes.

Outro dos cambios máis salientábeis está no feito de que o permiso de redución dunha hora diaria da xornada laboral ou do permiso de 4 semanas por acumulación de lactación, é agora para os dous membros da parella, con carácter intransferíbel. Para gozar deste permiso hai que agardar a que remate o permiso de nacemento da nai biolóxica ou da parella.

Desacordo do sindicato coa restrición de agardar as 16 semanas para acollerse ao permiso de lactación acumulado para a outra persoa proxenitora

A Consellaría de Educación, acolléndose á literalidade do texto do Real Decreto Lei, impide  que un docente poida comezar as semanas do seu permiso de acumulación de lactación posteriores até que se completen as 16 semanas do permiso da nai aínda no caso de que esta non teña dereito a ese permiso, ou ben por non traballar ou porque decida non gozalo.

A CIG-Ensino xa lle trasladou á Subdirección Xeral que entendemos esta medida como inxusta e sen motivación e somos favorábeis a que a outra persoa poida comezar a acumulación de lactación a continuación das 6 semanas de descanso obrigatorio da nai se esta traballa ou mesmo durante esas semanas se non o fai.

A CIG, a favor dos permisos persoais e intransferíbeis

Desde hai anos tanto a CIG a nivel confederal como a CIG-Ensino no ámbito do ensino público defendemos que os permisos de ambos cónxuxes teñan a mesma duración e que sexan intransferíbeis. Así o demandamos en todas as mesas de negociación. Neste sentido, esta medida contou a nivel do Estado co aval da CIG e desde o sindicato apelamos agora á Xunta de Galiza e ao seu presidente para que eleven o permiso da outra persoa proxenitora até as 22 semanas para que no ámbito galego teñan a mesma duración. O obxectivo que se fixa o sindicato é que ambos permisos teñan unha duración de 1 ano, mantendo o carácter intransferíbel.

Ano
Duración do permiso por nacemento da nai biolóxica
Duración do permiso do outro proxenitor
Condicións de goce do permiso do outro proxenitor

2019

22 semanas

8 semanas

As 2 primeiras semanas despois do nacemento son de goce obrigatorio. As 6 restantes poderán collerse despois das 6 semanas de descanso obrigatorio da nai biolóxica ou da resolución xudicial nos casos de adopción.

2020

12 semanas

As 4 primeiras semanas despois do nacemento son de goce obrigatorio. As 8 restantes poderán collerse despois das 6 semanas de descanso obrigatorio do parto  ou da resolución xudicial nos casos de adopción.

2021

16 semanas

As 6 primeiras semanas despois do nacemento son de goce obrigatorio. As 10 restantes poderán collerse despois das 6 semanas de descanso obrigatorio do parto ou da resolución xudicial nos casos de adopción.

Común a ambos permisos

As 6 primeiras semanas son de descanso obrigatorio. 

Ambos permisos ampliaranse en 2 semanas en caso de discapacidade da filla ou fillo. 

Tamén se amplían 2 semanas por cada fillo ou filla a partir do segundo en partos, adopcións ou acollementos múltiples. 

Os permisos poderán gozarse a xornada completa ou a tempo parcial. 

Despois das 6 primeiras semanas de descaso obrigatorio, ambos permisos poderán gozarse de maneira interrompida até que o fillo ou filla cumpra 1 ano. Se o desfrute é interrompido debe solicitarse cada prazo do permiso con 15 días de antelación e por semanas completas. 

Nos casos nos que o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto os permisos ampliaranse mentres permaneza hospitalizado até un máximo de 13 semanas adicionais. 

No suposto de falecemento da filla ou fillo o permiso non se reduce agás que despois das 6 semanas de descanso obrigatorio se solicite a reincorporación ao posto de traballo. 

Despois do período de 6 semanas de descanso obrigatorio pódese participar en cursos de formación.

No caso de que o permiso do outro proxenitor se solicite a continuación do permiso de 22 semanas do permiso de nacemento e quen ten este último permiso colle xusto a continuación o permiso de acumulación de lactación, deberá agardarse a que rematen as 4 semanas da lactación para comezar coas 10 semanas do permiso do outro proxenitor. 

Exemplo:

Nai biolóxica : 22 semanas de permiso de nacemento + 4 semanas de lactación (continuadas): total 26 semanas. 

Pai ou outra persoa proxenitor: 6 primeiras semanas + 10 semanas despois das 26 semanas da súa parella.

Volver