As oposicións de 2018: prepotencia, insuficiencia, precariedade e inestabilidade

As formas e o fondo: da ausencia de negociación a unha oferta decepcionante

Unha oferta de emprego público ten que ser avaliada en función de diferentes parámetros. A actual oferta presentada pola Consellaría non pode contar co apoio da CIG-Ensino porque non cumpre coas expectativas que se esperan dela, tanto desde a perspectiva do servizo público como desde as demandas do persoal docente.

Outubro de 2017. Pouco días despois de asinar un acordo cos sindicatos de costume e prescindindo mesmo do acordado, o conselleiro de Educación anuncia en que especialidades haberá oposicións sen previa consulta nin negociación. 

Xaneiro de 2018. Feijóo, novamente sen encomendarse a ninguén, nin sequera ao socorrido apoio sindical de rigor, dá a cifra total de prazas, afirmando que pode sufrir algún lixeiro cambio.

Febreiro de 2018. A Consellaría entrega na Mesa unha distribución das prazas por especialidades, cumprindo escrupulosamente cosas previsións, cun lixeiro incremento sobre a cifra inicial para darlle un verniz de suposta negociación.

Mais o certo é que non houbo posta en común sobre as xubilacións actuais e futuras por especialidades nin se valorou previamente o efecto do número de persoal interino en cada especialidade, como se pode apreciar na oferta presentada.

Así entende o PP a Consellaría de Educación: como unha finca privada na que ademais atopa quen lle siga o xogo sen máis. Coa prepotencia non se xoga nin se debería pactar.

Desacordo da CIG-Ensino coa oferta de emprego.

Unha oferta de emprego público ten que ser avaliada en función de diferentes parámetros. A actual oferta presentada pola Consellaría non pode contar co apoio da CIG-Ensino porque non cumpre coas expectativas que se esperan dela, tanto desde a perspectiva do servizo público como desde as demandas do persoal docente.

Non dá resposta ás necesidades do sistema educativo.

A oferta deste ano non achega unha solución aos problemas do sistema educativo galego porque parte do principio da negación: négase a posibilidade de incrementar o profesorado dos actuais cadros de persoal. Así figura expresamente no acordo coa Xunta de Galiza que a CIG non asinou e contou co apoio das demais OO.SS.

Non se pode garantir unha mellora do ensino público sen unha aposta importante por aumentar o profesorado e isto non será posíbel nin nesta convocatoria nin nas seguintes se seguen vixentes as ataduras impostas polo actual acordo. É preciso anular definitivamente a taxa de reposición e negociar un incremento de cadros de persoal.

Non permite eliminar nin reducir a precariedade das nosas condicións de traballo. 

Non poderemos eliminar ou, cando menos, reducir as itinerancias, a impartición de afíns disparatadas, as carencias na atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e outras eivas denunciadas polo profesorado galego se non incrementamos persoal e non dispomos de máis tempo para atendelo. Non será posíbel reducir o horario lectivo do profesorado, recuperando os 18 períodos en secundaria e os 21 en infantil e primaria coas actuais cifras de persoal docente. A simple substitución de persoal interino por persoal fixo, sen incremento global de profesorado, non permite acometer esas melloras nas nosas condicións de traballo.

Incide na inestabilidade laboral. 

Unha oferta de emprego non se pode medir só polo número de prazas ofertadas e iso foi o que se evidenciou na Mesa de hoxe por parte da Consellaría e de quen aplaudiu e cualificou como histórica esa oferta. Non facer unha valoración tomando como referencia o marco global (persoal interino, sistema de acceso ou a garantía dun proceso selectivo que sexa realmente un concurso-oposición) é caer no erro que tanto criticamos dos nosos gobernantes; que miran o ensino público e o seu persoal coa friaxe do contábel que só pensa na conta de resultados. O primeiro son as persoas. Segundo os datos proporcionados na propia Mesa pola Consellaría hai 3.911 docentes con contrato de interinidade, unha cifra á que hai que engadir os miles de interinos con contratos de substitución.

Ofertar un número elevado de prazas nas oposicións debe ser o obxectivo para afianzar os postos de traballo, pero esta oferta debe vir acompañada dun estudo rigoroso do persoal interino por especialidades e, por suposto, dun acordo de estabilidade que non deixe tirado un número importante de compañeiras e compañeiros, especialmente quen leva moitos anos de docencia ás costas e aquelas persoas maiores de 55 anos.

Garantir a estabilidade do persoal interino e un verdadeiro concurso oposición.

Pechada unha vez máis a porta da dobre vía ou de acceso diferenciado na negociación en Madrid, e cunha oferta unilateral forzada pola Consellaría, non existe ningunha garantía para o persoal interino. Competir entre iguais e coas mesmas condicións é o sistema máis xusto e poñer como escusa permanente a actual xurisprudencia non convence xa a ninguén. 

As prazas ofertadas poden implicar, se se mantén o acontecido nestes últimos anos, o despedimento de moitas e moitos compañeiros, algúns de avanzada idade e cunha longa experiencia laboral. Pasar de interinidades a substitucións e destas ao desemprego pode ser, de novo, a consecuencia destes procesos selectivos.

Desde a CIG-Ensino entendemos que só poderemos evitar esa situación se se actúa con valentía por parte da Consellaría e dos sindicatos que apoian estes procesos. Para iso o acordo de persoal interino debe dar o paso fundamental que lle falta: converterse nun acordo de estabilidade, garantindo o rescate daquelas persoas que poden perder o seu posto de traballo.

En segundo lugar é preciso garantir que o proceso selectivo sexa realmente un concurso-oposición e non un proceso no que só aproba a fase de oposición un número igual ou lixeiramente superior ás prazas ofertadas e na que a fase de concurso só serve para ordenar as persoas previamente aprobadas. 

Os cambios no Real Decreto non supoñen ningunha mellora.

Os cambios no Real Decreto, impostos unilateralmente polo MECD e aceptados obedientemente pola Consellaría de Educación, manteñen o carácter eliminatorio das dúas probas da oposición e introducen cambios na ponderación das fases de concurso e de oposición que non implican absolutamente ningunha mellora se non se garante un verdadeiro concurso-oposición.  

Co cambio no baremo todo o profesorado interino con até 7 anos de servizo perderá puntuación ao respecto do baremo anterior.

Por outro lado, introdúcense cambios no baremo que non parten da realidade coa que contamos en Galiza, provocando que unha parte moi numerosa do persoal interino ou substituto perda puntuación, ao reducir de 1 punto por ano  a 0,7 o tempo traballado na Consellaría. Co cambio no baremo todo o profesorado interino con até 7 anos de servizo perderá puntuación ao respecto do baremo anterior. 

Garantías e mellores condicións para os tribunais. 

Deben introducirse cambios importantes no desenvolvemento do traballo dos tribunais. Habería que reducir o número de aspirantes por tribunal e que este non teña que responsabilizarse do baremo da fase de concurso, tarefa que debería estar asignada a unha comisión técnica. Deste xeito, o tribunal podería centrarse na avaliación da fase de oposición e non verse condicionado de forma indirecta a limitar o número de persoas que superan a primeira proba para poder así cumprir os prazos fixados pola Consellería. Ao tempo é preciso volver ao sistema de anonimato na realización da 1ª proba, con etiquetaxe como identificación e sen lectura das partes da proba.

As cifras.

Segundo a información proporcionada pola Consellaría os datos da taxa de reposición son os seguintes: 1.028 xubilacións, 28 falecementos e 16 excedencias con perda de praza. Un total de 1.072 prazas ás que se lle engaden 581 por riba da taxa de reposición e 397 prazas de promoción interna.

É un insulto á intelixencia que se dea por boa a existencia da taxa de reposición como se levase existindo toda a vida e vender calquera incremento sobre as xubilacións como se fose algo extraordinario. Que nese xogo entre quen goberna entra dentro da lóxica. Que o fagan organizacións sindicais é lamentábel. A taxa de reposición implantouna o goberno do PSOE no 2010, mantívoa e agravouna o PP e agora levántaselle o veto transitoria e parcialmente, en vez de eliminala de xeito definitivo. E mentres se pacta ese acordo, temos que escoitar na Mesa Sectorial que tanto a Consellaría como os sindicatos do pacto din estar en contra da taxa de reposición: esa taxa que aparece no acordo que asinaron. 

Novidades e aspectos a ter en conta. 

  • O baremo, os temas a elixir e a ponderación entre a fase de concurso e oposición axústanse á modificación do RD 276/2097, pendente de publicar en BOE. A publicación da convocatoria no DOG terá que agardar á publicación da modificación do Real Decreto.
  • Todos os trámites na inscrición das oposicións serán por vía electrónica, mesmo a presentación de documentación complementaria.
  • Haberá 2 tribunais suplentes para cada tribunal
  • Permitirase a suplencia a quen estivese nun tribunal no ano 2014 e seguintes
  • As persoas con discapacidade intervirán entre as de adquisición de nova especialidade e os restantes aspirantes.
  • Todos os prazos fíxanse en días hábiles aínda que non se especifique no texto (non contan sábados nin domingos)

Revisión da linguaxe sexista.

Solicitamos unha revisión e mellora da linguaxe sexista no texto, procurando o uso de linguaxe inclusiva.

Propostas da CIG-Ensino sobre o desenvolvemento do proceso selectivo

 

Propostas da CIG-Ensino sobre o desenvolvemento do proceso selectivo

Resposta da Consellaría

Número de aspirantes por tribunal.

Hai que reducir o número de aspirantes por tribunal, para garantir que haxa tempo abondo para examinar a todas as persoas que poden superar as diferentes partes das probas da oposición. A cifra debe aparecer na convocatoria.

 

O número estaría en función das competencias que se lle asignen aos tribunais e ao propio desenvolvemento das probas. Un tribunal que non teña que baremar nin escoitar a lectura dos exames 

Non aceptan baixar. Afirman que o número actual é razoábel.

 

Escúdanse na soberanía dos tribunais.

 

Van recordarlle aos tribunais que é concurso oposición.

 

Tribunais específicos para A2-A1, discapacidade e cambio de especialidade

Páxina 19. Base 7.2

A convocatoria recolle a posibilidade de que haxa tribunais específicos para as prazas reservadas para as persoas con discapacidade, acceso e o procedemento de adquisición doutras especialidades. Para descargar de traballo aos tribunais da convocatoria de ingreso libre a Consellaría debe ser aberta á hora de crear estes tribunais.

Afirman que terán receptividade á hora de fixar eses tribunais mais que todo estará en función de número de aspirantes.

Anonimato

Solicitamos un cambio radical no desenvolvemento das probas, garantindo o anonimato por completo nas dúas partes da 1ª proba (práctico e temas). O sistema de sobres con etiquetado, como xa foi usado en convocatorias anteriores, garante ese anonimato.

Non o aceptan, non o ven necesario.

Baremación de méritos.

Páxinas 29. Base 8.3.2.

A baremación dos méritos debe ser feita por unha comisión técnica, liberando desa carga burocrática ao tribunal. A documentación dos méritos debe facerse inicialmente e para todos os opositores. Non se debe facer pública até que remate a fase de oposición. 

Non aceptan.

Cobertura de todas as prazas ofertadas

Hai que garantir que se cubran todas as prazas ofertadas. Se os tribunais contan con tempo suficiente debe erradicarse o comportamento habitual de poñer notas de corte para reducir o número de aprobados na 1ª parte da 1ª proba e desta no seu conxunto.

Volven insistir na soberanía dos tribunais e incluso de cada membro do tribunal (algo que en ningún momento puxemos en cuestión). Concordan en que é concurso-oposición mais non se moven desa declaración de intencións.

Elección das presidencias dos tribunais a sorteo

Páxina 20. Base 7.3. e 7.10.

Todos os membros dos tribunais deben ser elixidos a sorteo, evitando o nomeamento directo das presidencias. A inspección non debe formar parte dos tribunais que non son do seu corpo.

Non o van aceptar. Queren seguir nomeando as presidencias dos tribunais.

Criterios de avaliación.

Páxinas 22 e 23, Base 7.10. (funcións dos tribunais)

Os criterios de avaliación deben ser claros, públicos e idénticos para todos o tribunais da mesma especialidade. A publicidade e condicións destes criterios deben vir fixadas na convocatoria para que non quede da man de cada tribunal. 

Indican que darán instrucións aos tribunais.

Probas prácticas

Páxinas 30 e seguintes. Base 12ª.

Páxina 76 e seguintes. Anexo V 

Consideramos que as probas deberían ser as mesmas en todos os tribunais da mesma especialidade. 

 

Hai un desfase importante nas indicacións que aparecen para as diferentes especialidades. Mesmo aparecen claramente textos copiados doutras convocatorias de fóra. Preferimos que sexan o máis concretas posíbeis pero ben axustadas á realidade do que se imparte nos nosos centros. 

 

Non debe haber ningún práctico fóra do recollido nos temarios. Por exemolo, non pode haber obras de arte de épocas que non están nos temarios ou contidos vinculados a PTFP que figuren para unha especialidade de PES (prácticas de marketing, materia vinculada a PTFP que aparece na proba práctica de Organización e Xestión Comercial).

 

En todas debe figurar o tempo máximo. 

 

A utilización de material auxiliar ten que ser o máis concreta posíbel para evitar agravios comparativos. A redacción é ambigua: poderase utilizar material “sempre que o autorice o tribunal”. Esa autorización debe preceder o inicio das probas e publicarse na web con suficiente antelación.

 

En Lingua Galega non aparece nin se especifica se se farán “todos ou só algún dos exercicios” como noutras especialidades. 

 

En Procesos Comerciais non está claro o que se quere dicir con aplicacións informáticas. Se son aplicacións concretas e se ten claro o que se quere debe figurar xa na convocatoria ou coñecerse con moita antelación.

Non aceptan que se fixen as mesmas probas para os diferentes tribunais da mesma especialidade. Será cada tribunal quen decida.

 

Aceptarán propostas sobre as probas prácticas.

 

Non van pór o tempo máximo das probas pola diferenza entre as especialidades.

 

Insistirán aos tribunais sobre o material que se pode usar, que o publiciten canto antes.

 

Mirarán o do práctico de lingua galega.

 

Non aclaran nada sobre Procesos Comerciais.

Realización das partes da 1ª proba

Primaria: páxina 34. Base 13.2.

Secundaria: páxina 30. Base 12.2.

O texto debe ser igual para todos os corpos. Ou se indica que a proba se deberá facer no mesmo día ou que se poderá facer. 

En todo caso, as persoas opositoras queren coñecer con suficiente antelación cando van facer as probas. Debe ser unha das primeiras decisións que tome e comuniquen os tribunais. Todos os tribunais das mesma especialidade debe adoptar a mesma decisión.

Non o van cambiar. 

 

Porén, aceptan que os tribunais avisen coa suficiente antelación.

Notas de cada unha das partes das probas. 

Base 12ª

As notas de cada unha das partes das probas deben ser públicas no propio día da corrección ou defensa da proba.

Non o aceptan.

Reclamacións.

 

Funcións dos tribunais, páxinas 22 e 23. Base 7.10.

 

Puntuación provisional da fase de concurso e prazo de reclamacións. Base 11.3.2 

Hai que aumentar as garantías das persoas opositoras. No caso de reclamacións, debe existir sempre resposta. Non abonda con escudarse nos recursos de alzada perante a Dirección Xeral. Se mesmo en probas como a ABAU existen mecanismos de corrección, o normal sería posibilitar esa mesma transparencia e garantías nunhas oposicións. Todo pasa evidentemente por unha redución considerábel da ratio de opositoras e da redución da carga burocrática. 

 

Van actuar como en anos pasados. Afirman que a única 

garantía xurídica está no recurso de alzada perante a Consellaría ao dar este recurso publicidade ao resto de aspirantes.

Matrícula de persoas paradas. 

Base 3.8.

Solicitamos que sexa gratuíta. 

Non o aceptan xa que as taxas están fixadas na Lei de Orzamentos.

Competencia en lingua galega

Solicitamos a realización dunha proba en galego, co obxectivo de demostrar a aptitude e a competencia para impartir docencia na nosa lingua.

Non o aceptan. Non amosan a máis mínima preocupación nin empatía pola defensa da nosa lingua.

Temarios

Demandamos da Consellaría que tome parte no debate actual sobre os futuros temarios e aposte por non cambialos antes do remate do período actual, dada a incerteza creada polos propios responsábeis da Consellaría e o MECD.

Non comentan nada.

Outras propostas sobre o texto da convocatoria

 

Propostas da CIG-Ensino sobre outros aspectos do texto da convocatoria

Resposta da Consellaría

Incompatibilidades. 

Páxina 11. Base 2.6.1

Páxina 12. Base 3.1.

As persoas que opositan por libre poden matricularse de máis dun corpo e dentro de cada corpo en varias especialidades. É obvio que só poderán concorrer a unha mais teñen o dereito de facelo. 

Para as persoas con discapacidade é incompatíbel matricularse por esa quenda en varias especialidades. 

Entendemos que é unha discriminación. Todas as quendas deben ter os mesmos dereitos.

Estudarán a proposta

Presentación vía electrónica.

 

Páxinas 11 e 12.

Base 3.1.

 

Notificacións.

Páxina 17. Base 5ª.

Este ano todo os trámites serán vía electrónica. Mesmo os de presentación da documentación complementaria. Estamos en desacordo coa obriga de facelo por estas vías. Está perfectamente estudado que este tipo de procesos de entrega dixital supoñen na práctica unha perda importante de emprego  de persoal administrativo. Non é unha cuestión de maior ou menor comodidade das persoas opositoras. É tan sinxelo como que o traballo de rexistro documental (escaneo, etc..) que poderían facer empregados públicos agora o facemos os cidadáns. É un proceso de privatización de servizos pola vía de que sexan as usuarias quen fagan o traballo.

Afirman que mellora a capacidade de xestión e non van permitir que se presente documentación por rexistro.

Presentación de documentación.

Páxina 14. Artigo 3.2.2.

No caso do profesorado que se presenta ao acceso A1-A1 non se debe esixir a presentación de ningunha documentación previa (título, mestrado-CAP) xa que tiveron que presentalo no seu día. 

Só sería necesario no caso de que esa titulación non fose a licenciatura (hai algunhas especialidades de PES en FP nas que se puido ingresar con diplomatura). 

O apartado de Excepcións (artigo 19.2) fai referencia á documentación a entregar a posteriori. O que se debe modificar é o 3.2.2.

Vano ter en conta. 

 

No caso de que unha persoa non tivese a titulación será requirida para que a presente.

NIF incompletos.

Páxina 18. 

Base 6.1.Lista provisoria

Os datos que aparecen (nome, apelidos e NIF "amputado") poden ser suficientes para a "autoidentificación" da persoa interesada, pero non para que o fagan outros participantes do proceso ou os propios sindicatos, que teñen dereito a comprobar que a puntuación ou a adxudicación se realizou de acordo coas bases. Neste sentido, non parece que existan motivos para que a Administración prive aos interesados dun dato identificativo que ela usa internamente.

Os últimos ditames da AEPD indican claramente que non cabe oposición a que se publiquen os datos persoais (nome, apelidos e NIF) necesarios para a publicidade e transparencia do proceso. Solicitamos que apareza completo.

Falan dun regulamento europeo que entraría en vigor en maio de 2018.

En todo caso van estudar o informe da AEPD que lle entregamos,

Reclamacións á lista provisoria.

Paxina 18. Base 6.2.

Dise que serán á Dirección Xeral. Debe indicar expresamente que por rexistro nos lugares que se indican no artigo 16.4  Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Comúns

Vai ser telemática. Aclararano.

Autorización de suplencia dos tribunais

Páxinas 22. Base 7.6.4.

Só se limita a aquelas persoas que estiveron nun tribunal no ano 2014 ou seguintes. Tendo en conta que hai especialidades que levaban sen convocar desde 2007 ou 2010, solicitamos que se permita esa suplencia para quen formou parte dos tribunais nas dúas últimas convocatorias (anteriores ao 2014). 

Non o aceptan.

Citación das aspirantes

Páxina 26. Base 10.3

Recóllese que será como mínimo con 24 horas de antelación. Propoñemos que o mínimo sexa 48 horas.

Non o aceptan.

Ponderación de diferentes probas.

Secundaria: páxina 30.

Base 12.3.3. 

Primaria: páxina 34 Base 13.3.3.

Propoñemos a modificación da ponderación das diferentes partes das probas.

  • Ponderación proba práctica-temas: propomos pasar do 60/40 do borrador ao 50/50.
  • Solicitamos fixar a ponderación entre a programación e a unidade didáctica e non deixalo como está nas mans dos tribunais. Hai que ter en conta que o ano pasado houbo tribunais da mesma especialidade con distinta ponderación. Tamén hai que ter presente que a Consellaría, á hora de ordenar as listaxes para  substitucións fai unha ponderación de 50/50, homoxeneizando as diferentes ponderacións dos tribunais. 

Non aceptan o das partes da 1ª proba.

 

Van estudar se finalmente fixan a ponderación programación / UD.

Proba práctica para EOI

 

Páxina 39. Base 16.1.

 

Páxina 40. Base 16.2.

As programacións limítanse ao nivel avanzado de EOI, cando por analoxía co resto da convocatoria debería estar aberto ao currículo dos niveis básico e intermedio, como se fai para o ingreso a PES (ESO-Bacharelato). 

 

Entendemos que as indicacións para a proba practica de acceso a EOI son as mesmas que para Inglés de PES mais convén aclaralo na redacción. 

 

Van manter unicamente o nivel avanzado.

Petición de destino provisional

 

Páxina 45. Base 20.1.

Antes eran tres días e agora son dous hábiles. Se os días coinciden no medio da semana é un prazo demasiado curto. Sempre propuxemos incrementar a 5 días naturais. Desde logo, o mínimo non pode baixar de 3 días hábiles.

Estudarán se aceptan os 3 días.

Fase de prácticas

 

Páxina 46. Base 21ª

Debe realizarse na especialidade pola que se aprobou. O profesorado titor tamén debe ser, de ser posíbel do propio centro, e sempre da mesma especialidade. 

Non o aceptan.

Fase de prácticas

 

Páxina 46. Base 21.1.

Na flexibilización da fase de prácticas debe indicarse que poderá aplicarse tanto para a duración como a temporalización ao longo do curso. A Consellaría é consciente dos problemas creados pola Inspección nestes últimos cursos.

Debe ser a propia Consellaría a que marque os prazos de entrega das memorias, non as xefaturas territoriais.

Vano aclarar.

Titulacións para inclusión en listas de interinidades.

 

Cadros da Base 24ª

As convocatorias de oposición deben respectar as titulacións que no seu día se publicaron para a apertura de listas. Hai exemplos neste borrador contrarios a este criterio: 

 

Así, por exemplo, o Grao en RR.LL. e RR.HH. ou a Diplomatura en RR.LL. figuraron no 2014 para as listas de Procesos Comerciais e agora non aparecen. 

 

Por outro lado Repasar a concordancia entre titulación anteriores e os Graos. 

 

En Org. e Proxec. de Sistemas Electrónicos acéptase Grao en Enxeñaría Química e non aparece a antiga Enxeñaría Química. Esta mesma titulación non se acepta para Instal. e Mantem. de Equipos Térmicos e Fluídos.

Solicitan que se lle fagan achegas se existen estas ou outras discrepancias. Teñen a intención de que coincidan.

Propostas da CIG-Ensino ao baremo

 

Propostas da CIG-Ensino ao baremo

Resposta da Consellaría

Puntuación EOI-PES

Defendemos que se puntúe como servizos prestados no corpo do que sexa a listaxe de pertenza. Así, o profesorado de inglés, francés ou galego (PES) que impartiu docencia en EOI debe ter puntuación como PES, xa que pertence a esa lista e mesmo nas substitucións ten obriga de coller esas vacantes.

Non o aceptan. Respectarán exclusivamente o corpo no que se imparte, non a listaxe de procedencia.

Titulación de técnico superior

Debe puntuarse tamén a titulación antiga de técnico especialista.

Non é baremábel. Esta titulación só é válida para o ingreso, xa que así se recolle no RD mais non figura así para o baremo.

Puntuación por traballar nas Escolas Infantís 0-3

Parécenos oportuno que se recolla expresamente xa que se viña facendo mais debe substituírse “garderías” por escolas infantís. 

Non entendemos que se limite ao curso 2008/09 a puntuación. Debe puntuarse independentemente do curso.

Aceptado. 

Queda pendente de revisar a puntuación anterior á data citada.

 

Anexo III. Cambio de A1-A1 e A1-A2

No apartado 1.1 figura indistintamente que non se computan os 6 anos tanto para o paso de A2-A1 (correcto) como A1-A1 (incorrecto, xa que non se require antigüidade). Solicitamos corrección.

Vano corrixir para que que quede claro que no acceso de A1-A1 non se precisa antigüidade.

Anexo III. Cambio de A1-A1 e A1-A2

Non estamos de acordo coa puntuación do traballo como xefe de servizo ou cargo similar na administración nin coa puntuación na inspección. A puntuación da dirección non debe ser superior á valoración do resto das funcións docentes (titoría, departamento)

Non o aceptan.

Puntuación dos servizos prestados por vacacións non gozadas

Esta puntuación debería estar xa computada para o actual Concurso de Traslados (existía o compromiso da Consellaría de telo feito en novembro . Non se pode demorar máis e hai que garantir que estea para as oposicións.

Afirman que prevén que estean computados para as oposicións.

Novamente as limitacións na duración da Mesa Sectorial levou a que non se puideran presentar, en rogos e preguntas, diversos temas para que a Consellaría informe sobre eles.


Ligazón a toda a información da mesa sectorial

CIG INFORMA sobre a Mesa Sectorial na que se debateu a Oferta de Emprego Público 2018

Documento


Volver