Convocatoria do concurso de traslados

Mesa sectorial do 30 de outubro

Resume do tratado na mesa sectorial na que se abordou a convocatoria do concurso de traslados de diversos corpos do ensino

MESA SECTORIAL DE 30 DE OUTUBRO DE 2007.

 

CONVOCATORIA DE CONCURSO DE TRASLADOS

                          

Prazos dos concursos.

 

Prazos previstos dos concursos de traslados.

 

Concurso de traslados do corpo de Mestres:

O prazo de solicitude para participar será do 8 ao 24 de novembro, ambos incluídos.
Poderá concursarse a prazas de Educación Infantil e Primaria e do primeiro ciclo da ESO, neste caso soamente poderán concursar aqueles profesores e profesoras que estean destinados definitivamente nesta etapa.

 

Concurso de traslados de Secundaria:

O prazo de solicitude para participar será do 8 ao 24 de novembro, ambos incluídos.

 

Concurso específico de traslados entre funcionarios do corpo de Mestres para cubrir prazas da xefatura do departamento de orientación:

O prazo de solicitude para participar será do 8 ao 24 de novembro, ambos incluídos.

 

Concurso de traslados para a provisión de vacantes na Inspección educativa:

O prazo de solicitude para participar será do 8 ao 24 de novembro, ambos incluídos.

 

Concurso específico de traslados entre funcionarios do corpo de profesores de ensino secundario para cubrir prazas nos centros específicos de educación e promoción de adultos:

O prazo de solicitude para participar será do 8 ao 24  de novembro.

 

Prazos de reclamacións contra as adxudicacións provisionais: ante a nosa demanda de ampliar os prazos, anunciaron que os unificarían ao redor dos 10 días. De todos os xeitos esta información será definitiva na próxima publicación no DOG de todos os concursos.

 

 

A CIG-Ensino fixo as seguintes demandas xerais respecto das convocatorias de todos os concursos:

 

·    Demandamos que antes da publicación das vacantes se negocien estas nas Xuntas de Persoal de cada provincia e que a publicación das mesmas sexa simultánea coa convocatoria do concurso. Así mesmo reclamamos que as vacantes definitivas se fagan públicas antes de que se publique a resolución provisional, recollendo nel todas as vacantes que se xeneraron por xubilación e evitando que se produzan as enormes diferencias entre os listados provisionais e definitivos que se produciron o ano pasado. Aceptaron. Respostaron que a relación definitiva de vacantes estará publicada antes de que remate o prazo para renunciar ao concurso. A relación provisional estará publicada antes de que remate o prazo de participación no concurso. Respecto das vacantes din que revisarán o catálogo pois saben que hai erros na relación publicada (algúns deles relativos aos departamentos de orientación) e que, como recolle o acordo de 8 de xuño, ofertaranse prazas de PT por riba das catalogadas naqueles centros que o precisen.

  • Que se unifiquen todos os prazos de convocatoria, entre o 8 e o 24 de novembro, e de reclamación en dez días. Aceptaron.
  • Solicitamos que se nos proporcionen as datas previstas para todo o proceso (puntuacións, adxudicacións...). Na propia Mesa nos achegaron un calendario interno e quedaron de que se achegará un calendario para que teñamos coñecemento de cando se vai ir publicando cada un dos temas

  • Na baremación solicitamos unha actualización dos criterios empregados para a baremación e a súa publicación como Circular aos centros así como na páxina web, e a súa unificación entre todas as comisións, aceptaron.
  • Reclamamos a presenza das organización sindicais nas comisións en que se revisen as reclamacións. Convocaránnos.
  • Reclamamos que se suprima en todos os concursos de traslados as puntuacións meritocráticas (condición de catedrático, cargos na administración, cargos directivos...). Se persiste este sistema de baremación entendemos que deberían valorase outras tarefas, como as titorías , Xefaturas de Orientación e outras tarefas recollidas para a percepción do complemento de acción titorial. No caso de se manter debería puntuárselle o exercicio destes cargos ao profesorado que os exercese sendo interino.
  • Demandamos que se xeneralice en todas as convocatorias de concursos e especialidades o requisito de coñecemento do noso idioma, considerando que todo o profesorado galego ten que ter competencia no uso do idioma e ter que impartir a súa materia en galego para acadar o 50% mínimo, ademais cómpre lembrar que no caso de Bacharelato aínda non están fixadas as materias de obrigada impartición. Respostaron que soamente se recollerá para as materias que expresamente veñen citadas no Decreto 124, como de obrigada impartición. No concurso de Adultos será para todas as materias, de acordo co mesmo Decreto.
  • Demandamos que os profesores ou profesoras que actúen como presidentes ou vogais na comisión de baremación sexan elixidos a sorteo e que non forme parte destas comisións a inspección educativa (agás no caso dos inspectores, claro). Aceptaron a nosa proposta no relativo a que se elixan por sorteo os vogais das comisións.
  • Demandamos que se remate a negociación sobre as condicións de traballo do profesorado itinerante antes de que se convoque o Concurso de Traslados, pois do contrario non podemos aceptar que se inclúa na relación de vacantes postos itinerantes como se prevé. Mostraron disposición de fechar negociación no prazo que lle demandamos.
  • Solicitamos que se arbitre o procedemento para que o profesorado que desexe concorrer ao concurso de traslados e ao concurso de cátedras soamente presente a documentación unha vez.
  • Que se revise a relación de postos de difícil desempeño, polos que se pode puntuar no concurso, e que están sen revisar desde 1990. Concordan coa necesidade de revisar esta relación.

Concurso de traslados entre funcionarios do corpo de mestres

 

  • Agardamos que se produza unha importante oferta de vacantes, considerando, entre outros, o acordo asinado para o incremento dos catálogos.
  • Demandamos que o dereito preferente se estea obrigado a exercer soamente pola especialidade que se obtivo por oposición e polo tanto que non haxa que exercelo por todas as especialidades para as que se está habilitado. Respostan que non é posíbel por lexislación de rango superior e que ademais precisan que sexa así para efectivizar que ninguén sexa desprazado da localidade á que ten dereito.
  • Que se oferten todas as prazas de 1º da ESO que correspondan ao corpo de Mestres. Manifestaron que se ofertarán as prazas das cidades e concellos limítrofes, mais que naqueles centros en que o profesorado de PES cubra horario  non se ofertará a vacante.
  • Reiteramos a nosa demanda de que a folla de servizos se peche a 31 de agosto de 2008. O ano pasado aceptárase esta proposta nosa e se manifestou que non se podía efectivizar por estarmos nun concurso de ámbito estatal, mais que se defendería durante a negociación do novo Real Decreto. Porén este ano en que o concurso non é de ámbito estatal, din que non poden modificar este punto por mor de que non está modificado o Real Decreto, na negociación do cal seguirán defendendo isto.
  • No caso da excedencia por coidado de fillo que se manteña a reserva do destino durante tres anos. Xa o veñen facendo así e continuarán facéndoo.
  • Que se poidan solicitar até 500 destinos, como hai dous anos. Respostan que non se poden superar os 300 por motivos informáticos.
  • Que quede máis claro aínda que hai que imprimir e presentar a instancia por escrito. Acéptano.

Concurso de traslados específico entre os funcionarios de carreira do corpo de mestres para cubrir prazas de xefatura de Departamento de Orientación nos CEIP e CEP:

·      Solicitamos a rede de orientación.

·      Reclamamos que se cumpra o recollido no acordo de 8 de xuño e na circular 18/2007, e que todos os centros de 12 unidades estean dotados de Departamento de Orientación. En concreto deben ofertarse todas as prazas que figuran no catálogo. Aproveitamos para criticar a corrección realizada sobre o catálogo e mediante a cal varios centros pasan de ter o seu orientador a tempo completo, a compartilo con outro centro, cuestión pola que a CIG-Ensino xa presentou un escrito á Consellaría.

·      Faltan os anexos II e III coa relación de prazas que se convocan, deben e poden coñecerse inmediatamente.

·      Baremo: consideramos que debe diferenciarse a coordinación de orientación da Xefatura de departamento, considerando que non se realizan as mesmas funcións.


Concurso de traslados para funcionarios docentes do corpo de Secundaria

 

·      Que o dereito preferente se exerza só pola especialidade pola que se accedeu.

·      Solicitamos que se recolla o dereito de concorrencia.

·      Eliminar o requisito de presentar unha certificación da editorial, no caso das publicacións, un requisito que se recolleu o ano pasado por vir así estipulado no        Decreto marco. Aceptaron.

·      Baremo: propoñemos que se recolla a valoración da tesiña no caso das persoas que non obtiveron o doutoramento, cunha puntuación de 0.5 ptos. Mostraron disposición a recoller a valoración da tesiña.

·       Que se valore o grao de doutor, como tal, sen asocialo a unha licenciatura concreta. Aceptaron.

·       Manifestamos que era excesivo poder acumular 20 puntos por “outros méritos”, entendemos que non se deberían superar os 10.

 

Concurso específico de traslados entre funcionarios do corpo de profesores de ensino secundario para cubrir prazas nos centros específicos de educación e promoción de adultos:

 

·      Falta o anexo I das vacantes. Falta un catálogo de postos de adultos, xa houbo ordes que quedaron na mesa por isto, e tampouco se convoca concurso para o profesorado do corpo de mestres que imparte en adultos. Din que queren incorporar as prazas dos centros penitenciarios e que van ofertar as prazas de mestres que non sexan dubidosas, as restantes quedarán supeditadas á negociación da rede e dos postos de traballo.

·       Que se incremente o prazo de reclamacións e se unifique en dez días hábiles.

·       Que se recolla o requisito lingüístico para todas as materias.

·       Que se puntúe a impartición a adultos en centros de Secundaria que non son centros específicos de EPA. Seguen sen aceptalo, explican que é porque os centros de Adultos teñen unha regulación específica.

·       Que para a baremación se estabeleza unha comisión por sorteo. Aceptan.

 

Concurso de traslados para funcionarios do corpo de Inspección 

·      Que se fagan públicas as listas baremadas.

·      No caso do corpo de inspectores e considerando que entre as sús funcións está o cumprimento do Decreto 124, entendemos que deben reunir o requisito lingüístico e que non se debe estabelecer ningún tipo de moratoria.

·      Outros méritos: parécenos excesiva que se poida acadar unha puntuación máxima de 20 puntos.

 

Volver