Falemos claro: Coas 2.036 prazas de novo ingreso non aumentará o profesorado

A Xunta pretende enmascarar as cifras das oposicións coa promoción interna e o acceso a cátedras, do que non temos aínda texto da convocatoria

Ligazón á nova do reparto das prazas por especialidades.

Ligazón ao CIG Informa da convocatoria de oposicións.

Ao final da nova podes ver a información sobre os varios da mesa sectorial.

Informacións a ter en conta.

29 de abril: sorteo tribunais.

20 de xuño: presentación obrigatoria ás 9.00 horas.

5 de xuño: proba de acreditación do castelán e do galego. 

A CIG-Ensino alertou novamente do principal problema que se está a producir nos últimos procesos selectivos: a ausencia dun verdadeiro concurso-oposición e un elevado número de prazas que fican desertas.

Na Mesa Sectorial de educación deste martes 18 de febreiro a Consellaría presentou o reparto por especialidades e o texto da convocatoria das oposicións a corpos docentes de 2020. A CIG-Ensino centrou a súa intervención en reivindicar cambios no proceso selectivo.

Non se crea ningún emprego coas novas oposicións

A propaganda electoral do PP leva a incorporar nas cifras da oferta de emprego do 2020 o proceso de acceso a cátedras, que non deixa de ser un concurso de méritos, co obxectivo de facer crer que ofertan máis de tres mil prazas. Falso. A oferta real de prazas de novo ingreso será de 2.036. O resto das prazas serán 1.300 prazas de acceso a cátedras e 318 de cambio de corpo (A2-A1 ou A1-A1 nas EOI).

Se temos en conta as 926 prazas do grupo A1 (781 PES, 30 EOI e 30 AAPP e  85 de Música e AAEE), hai un 35% de prazas para promoción interna cando a Lei de Emprego Público só obriga a que se reserve un 25% das prazas.

Porén, o peor non é o engano que a maioría dos medios de comunicación porán en letras grandes e nun lugar destacado, a maior gloria de quen lles paga as subvencións. O peor é que esas 2.036 prazas (no caso de que se cubran todas) non supoñen a creación de ningún posto de traballo novo, tan só a modificación de emprego temporal en fixo. O acordo asinado no 2017 por CCOO, UGT e CSIF co goberno Rajoy incorporaba unha cláusula que fixaba que as ofertas de emprego até 2020 non podían derivar nun incremento de postos de traballo, blindando a cifra de profesorado que naquela altura tiñamos e que foi froito dos recortes máis duros no sistema educativo.

CIG

Ligazón ao reparto das prazas por especialidades.

Atados por unha normativa estatal feita de costas á realidade

O modelo actual de ingreso na docencia non contou nunca co apoio da CIG-Ensino e temos claro que é preciso un cambio importante na Lei Orgánica que agora se vai negociar en Madrid. Apostamos por introducir con carácter excepcional o acceso diferenciado, como xa propuxemos con anterioridade tanto na Mesa estatal como no Consello Escolar do Estado. Este sistema de dobre vía de ingreso implicaría convocar simultaneamente oposicións cun peso moi elevado da experiencia docente e nas que se ofertarían as prazas ocupadas por persoal interino que son vacantes (sen funcionariado de carreira no posto) e outras oposicións con maior peso para a fase de oposición nas que se incluirían as prazas de reposición de efectivos (xubilacións, defuncións…).

Tendo en conta a oferta de emprego do 2020, eses dous procesos simultáneos serían: 902 de taxa de reposición (xubilacións, defuncións, etc..) e 1.134 de estabilización. A dobre vía, que debe ter un carácter excepcional en resposta a existencia de persoal interino que veu cubrindo ano após ano prazas que deberían ter sido ofertadas nas oposicións, evitaría tamén un lóxico conflito de intereses entre quen nunca traballou no ensino público e quen si o fixo.

Queremos un verdadeiro concurso oposición

A marxe de manobra que deixa a normativa estatal á hora de negociar a orde que regula as oposicións é mínima. Mais aínda así a CIG-Ensino veu presentando nestes últimos anos propostas rigorosas e factíbeis que a actual Consellaría nunca tivo en conta. A realidade das oposicións destes últimos anos dános a razón e confirma as nosas denuncias. Non existe concurso-oposición nos corpos de secundaria  e só no corpo de mestres existiu un mínimo aínda que insuficiente respecto polo carácter de concurso oposición fixado na normativa.

É preciso garantir un verdadeiro concurso oposición e para iso a Consellaría debe incorporar melloras nos tribunais:

  • Hai que reducir o número de aspirantes por tribunal.
  • Hai que eximir os tribunais do traballo de baremación da fase de concurso, asignándollo a unha comisión técnica.
  • O tribunal debe contar con máis tempo do que ten actualmente e debe centrarse na fase de oposición.
  • Hai que evitar que os tribunais se vexan condicionados a limitar o número de persoas aprobadas na 1ª proba para poder cumprir os prazos fixados pola Consellaría.
  • Insistimos tamén na volta ao anonimato da 1ª proba, con etiquetaxe como identificación e sen lectura das partes da proba en todas as especialidades e probas nas que sexa posíbel, que son a maioría.

O profesorado interino, contra as cordas

Os procesos selectivos deben responde á realidade do sistema educativo e dos centros de traballo. O actual sistema de ingreso non o fai. A normativa estatal non está pensada para conseguir a consolidación das profesionais que durante moitos anos estiveron ocupando postos de traballo que non se ofertaban nas oposicións como resultado das políticas de recortes. A propia lei é moi clara: todas as prazas estruturais e vacantes que ocupe o profesorado interino deben ser ofertadas canto antes para non incrementar a bolsa de temporalidade, mais quen fai a lei fai a trampa. Nas oposicións deste ano, como nas anteriores, hai oposición nalgunhas especialidades que hai anos que non se ofertan e durante ese tempo foron as interinas e interinos as que cubriron esas prazas. Agora encóntranse cun sistema que non fai unha diferenciación para esas prazas de longa duración e que non garante o concurso-oposición. 

Non hai mais que mirar o estudo sobre temporalidade realizado pola CIG-Ensino para ter claro que o persoal interino foi totalmente desprezado neste proceso de oposicións: o persoal interino con máis de 5 anos de antigüidade non  chega nin ao 20% de opositores aprobados. Estas cifras son lixeiramente superiores ás do 2018, onde foron o 18% mais indican as claras dificultades que un sistema como o actual ten para este colectivo. Só as elevadas cifras de xubilacións, naquelas especialidades onde a idade do profesorado é elevada, está evitando a expulsión masiva de docentes interinos e en moitos casos está claro o empeoramento da súa situación laboral. A inexistencia dunha cláusula de estabilidade para o persoal interino no actual “acordo” implica que os nosos compañeiros e compañeiras están contra as cordas e sen rede, tanto no sistema de ingreso como nos efectos deste.

Voltaremos a ter prazas desertas nas oposicións?

As medidas que propón a CIG-Ensino non garanten por si soas que se poña fin a unha realidade que nestes dous últimos anos foi criticada polo noso sindicato: o elevado número de prazas que fican desertas nas oposicións de novo ingreso. Mais estamos convencidas de que si suporían un cambio de tendencia importante. É tremendo o que acontece nas prazas de acceso a A1, onde máis do 92% das prazas non se adxudican porque maioritariamente xa nin se presentan opositores a elas, mais tamén é moi relevante o que pasa no novo ingreso.

Os tribunais teñen que acomodar as probas aos tempos dos que dispoñen tanto as persoas aspirantes como o propio tribunal para corrixir. O que aconteceu nalgúns tribunais como o de FOL no 2019, cun claro desfase temporal para poder facer o exame, non pode consentirse. Mais o certo é que non depende só dos tribunais. Garantir melloras no seu funcionamento con medidas como as que propomos redundarían nus resultados diferentes.

Cambio nas especialidades ofertadas: haberá oposicións de Portugués de secundaria e de acceso de Galego (A1-A1) nas EOI e 7 novas especialidades en Conservatorios

A CIG-Ensino saudou como positivo o cambio da Consellaría ao incluír dúas propostas da CIG-Ensino: novas prazas de Portugués na oferta dos IES e cambio de corpo (A1-A1) para Galego nas EOI. Entendemos que a oferta é cativa e que debería ampliarse, mais en todo caso parécenos positiva a rectificación da Consellaría.

Co que amosamos o noso desacordo é co cambio de última hora coa incorporación de 7 novas especialidades de Música e Artes Escénicas (Canto, Clave, Contrabaixo, Fundamentos de Composición, Guitarra, Piano e Trombón). Entendemos que non é de recibo que a Consellaría e o propio presidente da Xunta anunciara no mes de novembro as especialidades nas que habería oferta e que tres meses despois nos apareza, por sorpresa, sete novas especialidades. Quen se presente a estas probas contará con menos tempo para preparalas. Esta decisión é unha mostra de improvisación e desleixo da Consellaría e unha falta de respecto para o persoal interino e o conxunto das persoas aspirantes.

Mentres que Portugués se ofertou o ano pasado e é unha demanda do colectivo de titulados desta materia e Galego (EOI) é un proceso de promoción interna, no caso das 7 novas especialidades nada se comentara previamente, fóra de rumores que deixan en bastante mal lugar á Administración. É obvio que operan dentro da legalidade (a oferta de emprego limítase a fixar corpos e total de prazas que se ofertan sen prefixar as especialidades) mais como CIG criticamos a decisión da Consellaría.

Novidades na convocatoria

  • Requisitos. 2.1.f) no canto de non ter antecedentes de delincuencia sexual agora figura “non ter sido condenado por sentenza firme” por algún delito sexual. Afirman que non implica ningún cambio.
  • Documentación Acreditación de CELGA 4. 3.2.1.d) inclúese o nivel intermedio B2 da EOI como equivalente ao CELGA 4. Estamos en desacordo. A equivalencia do CELGA 4 é un nivel avanzado C1 e debe manterse así. Pasa o mesmo co castelán. Tamén debe ser un nivel avanzado C1. A Consellaría vai estudar a nosa proposta e amosouse partidaria de facer o cambio.
  • Obriga de participación.4. Especifica con maior claridade que se entende por retirarse do proceso selectivo aos efectos de decaer das listaxes de interinidade.
  • Discapacidade posterior ao prazo de presentación de instancia. 4.1 O recoñecemento dunha discapacidade ao remate do prazo de admisión non implicará ningún cambio (non poderá optar a esa quenda)
  • 7.2. Como hai especialidades nas que a Consellaría sabe de antemán que non existe suficiente funcionariado de carreira para os tribunais indícase que poderán completarse co doutras especialidades ou de fóra de Galiza e, en casos excepcionais, un Tribunal poderá xulgar máis dunha especialidade. A CIG demanda que se é necesario recorrer a funcionariado destinado fóra este debe ter plenas competencias en lingua galega. No caso de recorrer a outras especialidades o sistema tamén debe ser o sorteo e non a designación a dedo. Chama a nosa a atención o do “persoal asesor”, sobre todo cando se nega a posibilidade de que exista “persoal asesor” ou “comisión técnica” para baremar. O persoal asesor, de existir, debe coñecerse publicamente e estar sometido ás mesmas normas de recusación que os membros dun tribunal. A Consellaría informou que, en principio, só teñen pensado nomear persoal asesor en Gaita. Publicarán os nomes como lle pedimos e afirman que tamén estarán suxeitos á recusación como os demais membros do tribunal.
  • Tribunal de Portugués. 3. Como non hai funcionariado de carreira, seguirán nomeando os tribunais do corpo de EOI.
  • Concesión de suplencias nos tribunais.6.4. Aparece expresamente a concesión de suplencia en casos de permiso da nai biolóxica e do outro proxenitor ou nas baixas médicas, algo que xa se viña facendo. Porén, introduce que non se concederá a suplencia, agás nos supostos previstos na lei, cando non haxa un número suficiente de persoal funcionario da especialidade. A CIG defendeu que os permisos concedidos deben garantirse e non se poden ver alterados por esta situación. Mirarán de mellorar a redacción. Conceden que nos casos de permisos non se negará a suplencia.
  • Puntuación na fase de concurso.3.2 Indícase que o tribunal poderá modificar a puntuación provisional, previa audiencia da persoa interesada, cando se producira un erro na baremación. A CIG sempre defendeu que os tribunais teñen que dar resposta ás reclamacións das aspirantes, garantindo a máxima transparencia. O que inclúe a nova redacción non vai nesta liña se non en dar cobertura a algo que entendemos xa facían os tribunais. A audiencia á que se refire sería só para a persoa directamente afectada polo cambio ou por todas aquelas que son parte no proceso? Aceptan que terán que dar previa audiencia a todas as persoas afectadas e recalcan que só se están a referir a aqueles casos nos que se modifica sen reclamación previa.
  • Fase práctica nas especialidade de FP. Na redacción do Anexo VI (proba práctica) figura por vez primeira esta redacción en toda as especialidades propias da FP: “Cada unha das dúas opcións de proba consistirá naformulación e/ou análise de actividades de ensino-aprendizaxe…”. Solicitamos que se nos aclare que valoración ou estudo fixo a Consellaría para incorporar esta novidade, dado que é a primeira vez que se incorpora e supón unha diferenza co resto das especialidades dos demais corpos. Afirman que non teñen intención de facer cambios a como eran as probas prácticas até agora e revisarán o texto por se mellora retirando esa frase.
  • Maior concreción nas aclaracións ao baremo nas Disposicións Complementarias. A Consellaría incluíu como aclaracións do Anexo III (Baremo do sistema xeral de ingreso) unha serie de indicacións que en boa medida responden a moitas das queixas que desde a CIG-Ensino lle trasladamos en pasadas convocatorias, polas dúbidas que causaban algúns apartados do baremo. Con independencia de que non coincidimos con varias das indicacións que se dan, que nalgún caso estamos totalmente en contra e de que en moitos casos só recollen o que xa viñan facendo, si que cremos que é mellor que aparezan no DOG e que non queden á libre interpretacións dos tribunais. A salientar, de todas as aclaracións:
    • Terán en conta os 10 mellores anos para a puntuación da experiencia docente.
    • O traballo a media xornada computa como se fose a tempo completo
    • Os servizos prestados en centros que dependen de administracións non educativas puntúan menos
    • Non se puntúan experiencia laboral como educadora, bolseiro ou lectora.
    • PTFP: quen presente licenciatura, enxeñaría ou arquitectura terá 1 punto no 2.3.2 ao ser unha titulación superior á esixida para o ingreso.
    • Aparece expresamente que os Títulos Superiores de Música, Danza, Arte Dramática e Ensinanzas Artísticas equivalente a Grao puntúan como tal.
    • As mencións ou especialidades dun mesmo título non puntúan como novo título.
    • Non se valora, en ningún caso, o mestrado de profesorado; nin sequera cando non é requisito.
    • Títulos propios universitarios (2.3.) Os mestrados ou outros títulos propios (non oficiais) puntuarán como formación.

 Cuestións a corrixir ou aclarar

  • Transparencia e información pública dos enunciados dos supostos prácticos. Debe incluírse na obriga dos tribunais publicar integramente os enunciados dos supostos prácticos inmediatamente despois da publicación das notas da primeira proba. Informan de que colgarán todos os enunciados unha vez remate todo o proceso selectivo.
  • Falta o Anexo I (modelo de instancia a efectos informativos). Corrixirán
  • No Anexo IV debe figurar que tamén se aplica ese baremo para cambio de corpo A1-A1. Corrixirán. É o mesmo baremo.
  • Referencia legal para as programacións nas especialidades de artes plásticas e deseño (base 13.4). As referencias curriculares non inclúen as titulacións das Ensinanzas Superiores de Deseño (Decreto 172/2015). Hai mesmo especialidades deste corpo que só imparten a día de hoxe estudos superiores de deseño e non teñen implantado ningún ciclo profesional. Ou ben se inclúe unha relación expresa aos títulos dos decretos dos estudos superiores de deseño ou se opta pola redacción de 2011: “A programación didáctica fará referencia ao currículo dunha materia ou módulo relacionado coa especialidade pola que se participa”. Van estudar a nosa proposta, mais informan de dúbidas legais na competencia docente dos estudos superiores en cada especialidade xa que os Reais Decretos que regulan os estudos superiores non definen cal é a competencia docente das especialidades. Son conscientes de que están poñendo determinados ciclos que actualmente non están vixentes. Nalgunhas especialidades poderían estar obrigando a persoas a facer programación de módulos que non se imparten. A redacción que lles propoñemos podería valerlles mais prefiren mirar o tema con cautela.
  • No caso de titulacións nas que haxa diferenzas importantes entre os vellos decretos a nivel galego e os novos RD estatais, ten pensado a Consellaría dar algún tipo de instrución tanto a tribunais como a aspirantes para evitar confusións? Nós solicitamos que quede perfectamente claro na convocatoria. Neste tema non houbo resposta da Consellaría. Procuraremos que nolo confirmen proximamente.
  • Persoal interino que se presenta a outras oposicións fóra de Galiza. Base 3.4. Erro na data. Debe figurar xullo de 2020. Corrixirán.
  • Taxas. Base 3.8. Non figuran as do corpo de artes plásticas e deseño. Corrixirán
  • Puntuación provisional e baremación de méritos. Falta citar o corpo de artes plásticas e deseño e a quenda de acceso A1-A1. Corrixirán
  • Disposición Complementarias 2ª.6. Texto incompleto. Falta texto na parte das titulacións propias. Queda claro que puntuarán como formación
  • O mestrado de profesorado (a formación pedagóxica e didáctica como requisito) está regulado no RD 1834/2008 e na Orden ECI/3858/2007. Nesa normativas as ensinanzas de réxime especial non aparece citadas. Porén, o RD 303/2010 de requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas fixa como requisito (artigos 15 e 16) ter esa formación de posgrao. Isto está a xerar dúbidas sobre a obriga ou non de esixir esta titulación. Na apertura de listaxes de interinaxe deste curso non se esixiu este mestrado. Solicitamos que se actúe co máximo rigor e se revise legalmente a obriga de contar ou non co mestrado de profesorado. En todo o Estado interprétase que non. A LOE estabelece que é preciso un mestrado específico e que aínda non se regulou e leva 5 ou 6 anos parado no Ministerio sen publicar. O Real Decreto de requisitos mínimos que citamos só indica que o mestrado de secundaria pode servir para cumprir o requisito mais non esixirá mentres non re regule un mestrado propio. As CC.AA. están interpretando que non existe o desenvolvemento da LOE e que polo tanto non se esixe esta formación didáctica. Xa o aplicaron así o ano pasado en Piano e Linguaxe Musical.
  • Escolas de Artes de Superiores de Deseño. Trasládannos os problemas que se poden crear co calendario das oposicións e o propio calendario escolar destes centros así como cos problemas de dotación de aulas para asumir os prazos que se fixan na convocatoria. Solicitamos que antes de publicar a convocatoria se analice esta situación cos propios centros. Toman nota mais non se van cambiar as datas das oposicións e os centros terán que adaptarse tanto para o uso doas instalación como para a ordenación do calendario, que co o CIG-Ensino entendemos que debería organizarse por parte da Dirección Xeral.
  • Inclusión nas listas de interinidades. Base 26. As especialidades de música e artes escénicas e artes plásticas e deseño non se incluíron na orde de 20 de novembro de 2019 e aprovéitase agora para facelo. Cremos que non é correcto. Debe facerse o mesmo que na oposición de 2019: abrir un prazo de exposición pública destas titulacións para que se poidan facer achegas e posteriormente publicar unha orde fixa para futuras convocatorias. Na CIG-Ensino xa recibimos alegacións para que ou ben se elimine a prelación das titulacións ou se modifique a orde destas nalgunha especialidade. Como exemplo temos o caso de Volume onde segundo a nosa información o profesorado actual ten todo titulación en Belas Artes cando no cadro da Base 26 esta titulación figura no último lugar. Tamén a especialidade de Fotografía, onde as titulacións que figuran no borrador son diferentes das que se publicaron para a apertura de listas en outubro de 2019, e na que se incluía Belas Artes xunto co título de Técnico Superior en Artes Plásticas e Fotografía Artística. Van retirar a prelación das titulacións, estando todas as do mesmo cadro ao mesmo nivel. Revisarán o que dicimos de Belas Artes para Fotografía.
  • Deben tomarse medidas para organizar adecuadamente a realización da proba práctica das especialidades de música e artes escénicas que precisan dun instrumentista acompañante. Indican que segundo lle din as persoas que asesoraron na redacción dos criterios da proba práctica ese acompañante non van ser necesario en moitas especialidades (algo que nós como CIG dubidamos).
  • Participación condicional de profesorado en prácticas. Nas oposicións de cambio de A1-A1 (Francés e Inglés) só se require ser funcionariado de carreira. Solicitamos que se valore a posibilidade, sempre que exista seguridade xurídica, de que quen será nomeado funcionario de carreira en setembro de 2020 poida participar, ficando condicionado o posíbel aprobado á superación da fase de prácticas. Non é legal xa que teñen que ser funcionarios de carreira no prazo previsto e non o van modificar.
  • No Anexo VIII (titulacións coa que tamén se poden presentar ao corpo de Artes Plásticas e Deseño) figura “Título de Deseño…”. Solicitamos aclaración sobre se se refiren ao Título Superior de Deseño ou ao Título antigo das escolas de Artes (equivalente a diplomatura). Refírense á titulación vella equivalente a Diplomatura.
  • Na programación de todas as especialidades teñen que incluír 15 unidades didácticas agás as especialidades propias da FP que se reducen a 4. Cremos que se debe revisar para Artes Plásticas e reducir das 15. Entenden que podemos ter razón e van consultar para reducir os temas. Non confirman o número.

Propostas da CIG-Ensino sobre o desenvolvemento do proceso selectivo

Número de aspirantes por tribunal.

Hai que reducir o número de aspirantes por tribunal para garantir que haxa tempo abondo para examinar a todas as persoas que poden superar as diferentes partes das probas da oposición. A cifra debe aparecer na convocatoria. A ratio de aspirantes por tribunal debe estar en función das competencias que se lle asignen aos tribunais e ao propio desenvolvemento das probas. Non o aceptan.

Adxudicación de todas as prazas ofertadas

Hai que garantir que se cubran todas as prazas ofertadas. Se os tribunais contan con tempo suficiente debe erradicarse o comportamento habitual de poñer notas de corte para reducir o número de aprobados na 1ª parte da 1ª proba e desta no seu conxunto. Escúdanse en que os tribunais son soberanos.

Elección das presidencias dos tribunais a sorteo

Base 7.3.

Todos os membros dos tribunais deben ser elixidos a sorteo, evitando o nomeamento directo das presidencias. A inspección non debe formar parte dos tribunais que non son do seu corpo.  Non o aceptan.

Composición dos tribunais

Se é necesario recorrer a funcionariado destinado fóra do país debe garantirse a súa competencia lingüística no noso idioma. Non se pronuncian.

Se hai que nomear membros doutras especialidades deben figurar expresamente na convocatoria cales son as que son susceptíbeis de entrar no sorteo. Solicitamos que se nos proporcione esa información antes da publicación da convocatoria no DOG para poder facer alegacións. Non o van facer e decidirán unilateralmente de que especialidades van tirar. Din que se elixirán esas persoas discrecionalmente e que prevén facelo cando menos en gaita e en clave.

Tamén debe figurar na convocatoria as especialidades que, de ser o caso, poderían conformar un mesmo tribunal  para xulgar procesos de máis dunha especialidade. Non o aceptan.

Publicación dos tribunais definitivos. Nestes anos non se actualizaron os tribunais despois das renuncias aceptadas. Solicitamos que se publiquen antes da presentación e 1ª proba. Afirman que así o farán

Criterios de avaliación.

Base 7.10. (funcións dos tribunais)

Os criterios de avaliación deben ser claros, públicos e idénticos para todos o tribunais da mesma especialidade. A obriga de dar publicidade e as condicións destes criterios deben vir fixadas na convocatoria para que non quede da man de cada tribunal. Deben coñecerse con moita antelación á realización das probas. Debe ser unha das primeiras decisións que adopten e fagan públicas os tribunais. Se así se indica no texto do DOG gañamos en garantías e transparencia. Non o aceptan. Seguirán publicándose na web da Consellaría.

Anonimato na primeira parte da oposición (partes A e B)

Solicitamos o anonimato por completo nas dúas partes da 1ª proba (práctico e temas) en todas as especialidades e probas que sexa posíbel. O sistema de sobres con etiquetado, como xa foi usado en convocatorias anteriores, garante ese anonimato. Non o aceptan.

Baremación de méritos.

Base 11.3.2.

11.3.3

A baremación dos méritos debe ser feita por unha comisión técnica, liberando desa carga burocrática ao tribunal. A documentación dos méritos debe facerse inicialmente e para todos os opositores. Non se debe facer pública até que remate a fase de oposición. A nosa proposta ten base legal e implica unha clara mellora para tribunais e opositores. Non o aceptan.

Segunda proba (programación e UD)

A utilización de material auxiliar ten que ser o máis concreta posíbel para evitar agravios comparativos. A redacción é ambigua: poderase utilizar material “sempre que o autorice o tribunal”. Esa autorización debe preceder o inicio das probas e publicarse na web con suficiente antelación.

Din que xa se publica.

Probas prácticas

Base 12

Anexo VI

Debe figurar na convocatoria que as probas deben ser as mesmas en todos os tribunais da mesma especialidade. Non o aceptan. Din que ao se repartir as prazas por tribunais non se produce ningunha discriminación e que non poden obrigar aos tribunais a que o fagan.

A Consellaría ten que velar porque non existan diferenzas entre o que figura no Anexo VI e o que finalmente decide o tribunal. Temos exemplos nas últimas convocatorias de cambios introducidos a última hora por algún tribunal que non se poden consentir. As persoas aspirantes teñen que ter garantías desde o momento no que se publique a convocatoria de que esta non vai cambiar. Din que informarán aos tribunais de que non se produza ningún cambio. Afirman que non é serio introducir cambios a última hora.

As probas prácticas deben ser o máis concretas posíbeis e axustadas á realidade do que se imparte nos centros galegos e nas propias especialidades. As oposicións deben centrarse en valorar futuros docentes e, por tanto, facer fronte a casos prácticos cos que se van atopar no día a día. Hai que ter un especial coidado con non incluír na parte práctica contidos que figuran nos temarios mais están totalmente desfasados así como incorporar contidos que non están nos temarios. Temos exemplos como Fotografía (Artes Plásticas e Deseño) ou Técnicas e Procedementos de Imaxe e Son (PTFP) nas que se inclúen referencias a probas relacionadas con ciclos ou módulos que xa non se imparten. Revisarán as nosas achegas antes de publicar e contrastarán con que os asesorou.

Seguimos atopando bastantes diferenzas no nivel de concreción nas probas prácticas das  diferentes especialidades. Non se pronuncian ao respecto.

Con carácter xeral todas as especialidades deben contar cos dúas opcións. Fixase na convocatoria a excepción do “visu” de Bioloxía (1 opción). O ano pasado houbo unha corrección de erros moi próxima á realización dos exames en Informática, eliminado a 2ª opción. Hai que aclaralo xa e evitar cambios de última hora. Confirman que Informática terá 2 opcións.

Nos corpos de Música e Artes Escénicas, Artes Plásticas e Deseño, Idiomas e Mestres non figura expresamente que vaian existir 2 opcións. Solicitamos que se indique. Pensamos que en vez de reiterar en cada especialidade a existencia de 2 opcións, debe figurar ao inicio de cada corpo, como criterio xeral. Faise para as que se denominas “especialidades comúns” de secundaria. Debe ser así en todas. Non o aceptan. Só haberá 2 opcións aquelas especialidades nas que se indica expresamente.

En todas as probas debe figurar o tempo máximo, incluído o práctico (parte A da 1ª proba). En especialidades como Grego, Latín, Bioloxía, Economía e en todas as de FP do corpos de PES , EOI, Música e Artes Escénicas non figura. Para PTFP figura xenericamente para todas as especialidades un máximo de 3 horas. Debe darse o mesmo tratamento a todas as especialidades de cada corpo. No corpo de Mestres tampouco se indica duración máxima. Debe garantirse unha correcta temporalización para a realizacións das probas. Houbo críticas nalgunhas especialidades nestes dous últimos procesos. Din que revisarán e procurarán que se indique o tempo máximo en todas as especialidades.

No caso de Artes Plásticas e Deseño hai especialidades nas que se fixa un máximo de 6 días (Debuxo Artístico e de Cor, Fotografía, Volume) mentres que noutras non se indica nada (Deseño de Interiores, Deseño de Moda, Deseño Gráfico). Hai que indicalo. Revisarán para ver se é preciso.

En  Artes Plásticas e Deseño hai contidos que non son propios da especialidade, como en Volume. Nesta última hai máis contidos de Debuxo Técnico que de Volume e non aparece un exercicio práctico de modelado ou de Análise de Obra, como aconteceu nas últimas oposicións desta especialidade (a última no 2007). Nos módulos que o profesorado está a impartir nas escolas non hai contidos de Debuxo Técnico impartidos por esta especialidade, xa que este módulo impárteo profesorado doutra especialidade. No propio temario da especialidade confírmase a mínima presenza do Debuxo Técnico. Tamén está o caso de Debuxo Artístico e Cor,cunha proba práctica extensa, na que algunha proba está máis relacionado coa materia de Debuxo de Secundaria ou con Debuxo Técnico. Van revisar todo antes de publicar.

Nas probas prácticas das especialidades de Música e Artes Escénicas o borrador fala de 45 min. sen especificar se é mínimo ou máximo do programa presentado, o que podería dar lugar a diferentes interpretacións segundo cada tribunal. Só se aclara o tempo tocando, que é mínimo 30 min. Debería especificar os 45’ como duración mínima do programa presentado, xa que do contrario non se poderían presentar obras completas, xa que 45 min. para tres obras completas é moi pouco e permitir movementos soltos non parece a mellor proposta. Consultarán as nosas propostas.

Solicitamos que antes de publicar no DOG a convocatoria se consulte co profesorado en activo das especialidades de Artes Plásticas e Deseño. Debe revisarse e retirarse o que non se corresponde cos contidos propios de cada especialidades. Confirman que así o farán.

Na especialidade de Gaita indícase nos criterios de avaliación a tipoloxía de gaitas. Este é un criterio que non figura nos demais instrumentos. Isto podería introducir un agravio comparativo e mesmo un prexuízo económico, xa que o acompañamento pode ser determinante, cando non o é nas demais especialidades. Revisarán o da tipoloxía.

Tamén na especialidade de Gaita se inclúe a análise dunha ou varias obras de repertorio popular. A información que nos traslada o profesorado é que ausencia de investigación e publicacións sobre análise de música tradicional galega pode levar a un alto grao de subxectividade. Existiría suficiente repertorio académico de gaita para que poida ser usado como material. Solicitamos que se analice esta proposta. Revisarano.

Presentamos dúbidas sobre a proba práctica proposta para Danza Clásica e Contemporánea. A primeira parte parece máis apropiada para o grao superior que para o profesional. As últimas oposicións das que temos constancia, en Asturias, só tiñan unha parte, similar á segunda parte do borrador, aínda que naquel caso a clase proposta era para 1 ¼ horas e non para ½. Debe aclararse esta temporalización xa que parece escasa. Non sabemos se as persoas aspirantes terán que contar con acompañante que faga as veces de alumno. Vano estudar, revisando outras convocatorias, aínda que entenden que en principio a proposta debería ser correcta. No acompañante din o mesmo que no de instrumentista (que cren que non van ser necesarios, mais nós como CIG temos dúbidas de que vaia ser así).

En Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos houbo oposición no 2019 e neste texto hai cambios ao respecto da proba práctica, o que non parece nada lóxico. Inclúense contidos de ferroviario que non serían da especialidade. Revisaran o que achegamos.

Somos partidarios da maior concreción posíbel. Entendemos que as normas deberían ser igual para todos os corpos, indicando se as partes da 1ª proba se farán ou non no mesmo día. Se non se indica na convocatoria debe coñecerse con suficiente antelación. Todos os tribunais da mesma especialidade deben adoptar a mesma decisión. Non vai haber cambios a respecto doutros anos.

A indicación do material que se pode ou debe empregar na proba práctica debe coñecerse coa suficiente antelación.

Notas de cada unha das partes das probas.

Base 12 e 13

As notas de cada unha das partes das probas deben ser públicas no propio día da corrección ou defensa da proba. Non o aceptan.

Reclamacións.

Funcións dos tribunais.

Base 7.10.

Puntuación provisional da fase de concurso e prazo de reclamacións. Base 11.3.2

Hai que aumentar as garantías das persoas opositoras. No caso de reclamacións, debe existir sempre resposta. Hai que garantir a máxima transparencia e garantías nunhas oposicións. Todo pasa evidentemente por unha redución considerábel da ratio de opositoras e da redución da carga burocrática. Non aceptan estas propostas de mellora.

Matrícula de persoas paradas.

Base 3.8.

Sabemos que é un tema que non depende da Consellaría mais é inexplicábel que a estas alturas as persoas no desemprego teñan que pagar. Solicitamos que sexa gratuíta. Din que non poden facer nada por normativa xeral da Xunta.

Competencia en lingua galega

Solicitamos a realización dunha proba en galego, co obxectivo de demostrar a aptitude e a competencia para impartir docencia na nosa lingua. Non o aceptan.

Propostas da CIG Ensino sobre outros aspectos da convocatoria

Autorización de suplencia dos tribunais

Base 7.6.4.

Equipos directivos. Propomos que se poida autorizar a suplencia a algún membro dun equipo directivo se 2 ou máis membros deste teñen que formar parte de tribunais. Hai que garantir que cando menos  2 membros de cada equipo directivo estean no centro. Non o aceptan.

Conciliación. Ampliar esta autorización para o profesorado que teñan un fillo ou filla menor de tres anos así como quen teña familiares dependentes de primeiro grao ao seu cargo ou familiar incapacitado xudicialmente para o que teña sido nomeado titor legal. Non o aceptan.

A posibilidade que se abre este ano a que non se concedan as suplencias se non se poden completar os tribunais non pode incidir nos permisos a tempo completo. Acéptano no caso dos permisos de carácter legal.

Citación das aspirantes

Base 10.3.3

Recóllese que será como mínimo con 24 horas de antelación. Propoñemos que o mínimo sexa 48 horas. Este prazo, caso de non ser aceptado con carácter xeral, debería ser considerado para persoas con discapacidade. Non o aceptan. Din que isto non xera problemas.

Programación nas especialidades de FP.

Base 13.4

A convocatoria indica que debe facerse segundo o anexo XIII da orde que regula a avaliación da FP. Xa o ano pasado fixemos ver que existen diferenzas entre ese anexo e o novo modelo incorporado pola Consellaría. Para evitar problemas de interpretacións dos tribunais propomos que a redaccións sexa: “No caso das especialidades propias da FP, a programación conterá, como mínimo, os diferentes apartados estabelecidos no anexo XIII…” mesmo aceptando que non se teña que respectar as táboas, dado que o que importa é respectar o contido e non o formato Analizarán a redacción para que quede claro que se poden facer en base a ambos modelos.

Petición de destino provisional

Base 19.1.

O prazo de dous días hábiles segue a parecernos curto para o persoal que nunca traballou para a Consellaría, especialmente se coinciden no medio da semana. Propomos que se fixen 3 días hábiles. Non o aceptan

Fase de prácticas.

Base 20

Debe realizarse na especialidade pola que se aprobou. O profesorado titor tamén debe ser, se for posíbel, do propio centro e da mesma especialidade. Non o aceptan porque din que en moitos centros non hai funcionariado de todas as especialidades (corpo de mestres sobre todo).

Propostas da CIG Ensino ao baremo

Eximir da obriga de presentar documentación que xa obre en poder da Consellaría

Non achegar documentación de novo. Solicitamos que se exima de presentar documentación para a fase de concurso a todas aquelas persoas que xa foron baremadas en procesos selectivos anteriores. Din que o poden estudar para vindeiras convocatorias para quen acceda este ano á fase de concurso. Implica un cambio no sistema informático.

Puntuación de máis dunha titulación

Mentres que para algunhas titulacións aparece claramente indicado que se puntuará “cada unha” (idiomas, diplomaturas, réxime especial) noutros casos ou non se especifica (doutoramento, premio extraordinario) ou se indica que só se puntuará un (máster). Incluso no caso dos segundos ciclos non aparece nada claro (pode interpretarse que é así no cadro das observacións: “así como de cantos presente como mérito”).

Solicitamos homoxeneidade e que en todos os casos, co límite de cada apartado, se puntúen todas as titulacións.

Sabemos que é normativa básica mais cremos que pode caber unha interpretación favorábel, sempre que non se supere o tope da puntuación do apartado 2.2. Solicitamos que se revise xuridicamente. Non o aceptan

Mestrado de secundaria

Cremos que non ten sentido que este Mestrado non se puntúe nos casos nos que non é requisito para presentarse ás oposicións. Tal e como está actualmente o baremo pode puntuarse un máster que non teña ningunha relación coa docencia e non puntuarse este. Non o aceptan.

Puntuación EOI-PES

Seguimos  a propor que se puntúe como servizos prestados no corpo do que sexa a listaxe de pertenza. Así, o profesorado de inglés, francés ou galego (PES) que impartiu docencia en EOI debe ter puntuación como PES, xa que pertence a esa lista e mesmo nas substitucións ten obriga de coller esas vacantes. Non o aceptan

Anexo IV. Cambio de A1-A2 e de A1-A1

Non estamos de acordo coa puntuación do traballo como xefe de servizo ou cargo similar na administración  (1.2.d) nin coa puntuación na inspección (1.2.a). A puntuación da dirección non debe ser superior á valoración do resto das funcións docentes (titoría, departamento) Non se pronuncian.

Convocatoria oposicións 2020.

Ligazón ao borrador da convocatoria

Ligazón ao CIG Informa coas prazas de ingreso

Ligazón ao CIG Informa coas prazas de acceso.

Ligazón á nova do reparto das prazas por especialidades.

Ligazón ao CIG Informa da convocatoria de oposicións.

Rogos e preguntas.

  • Queixa pola censura informativa da Xunta de Galiza nas instalacións de San Caetano

    Denunciamos o comportamento da Xunta o pasado 12 de febreiro na entrega dun escrito dirixido ao presidente Núñez Feijóo. É a primeira vez que o goberno galego impide que os xornalistas poidan cubrir un acto de entrega dun escrito e tomen declaracións dentro de San Caetano. É unha vergoña e solicitamos formalmente que se anulen as instrución que impiden os medios facer correctamente o seu traballo. 

  • Resultas sen cubrir no CXT

    Segundo a información proporcionada pola Subdirección Xeral as resultas creadas en PES ou Primaria pola xente que concursou a Adultos ou a Orientación non están cubertas nesta resolución provisional, serán cubertas na definitiva. A administración dinos que é un tema que poden variar, se así o solicitamos, para o próximo concurso.

  • Esiximos que se axilice a resolución das listaxes de substitucións.

    Está esgotada a listaxe de Debuxo e a piques de facelo as de Inglés e Francés do corpo de Mestras. Aínda así e malia se teren aberto as listas nalgúns casos en novembro non están aínda as listas publicadas. Tal é o caso de Debuxo, Alemán e Organización e proxectos de sistemas enerxéticos. En Debuxo están chamando a persoas doutras listas.  Asumen o retraso achacándoo á baremación do CXT e ás moitas instancias presentadas nestas listaxes, anuncian que nesta semana xa van publicar algunhas resolucións provisionais.

  • Permiso de lactación recortado en caso de solicitudes de excedencia por coidado de crianza

    Temos coñecemento de que as Xefaturas Territoriais están á espera dunhas instrucións da Dirección Xeral para recortar o permiso de lactación no caso daquelas nais ou pais que van coller xusto a continuación deste permiso unha excedencia por coidado da súa crianza, recalculando  a duración do permiso sen computar o tempo da excedencia. Entendemos que é discriminatorio e que se deben gozar as 4 semanas completas.

    A administración di que así vai ser, que só computan para a lactancia o tempo realmente traballado no primeiro ano da crianza, polo cal a excedencia, incluso a do coidado da crianza, non computa e as lactancias veranse recortadas de ter solicitada a excedencia. De solicitar a excedencia unha vez gozada a lactancia non descartan solicitar a devolución de haberes.

Ligazón ao CIG Informa dos rogos e preguntas.


Podes ler toda a información sobre as oposicións na seguinte ligazón

CIG Informa sobre a Mesa Sectorial de oposicións

Documento


Volver