Concentracións polo XV Convenio Estatal de Atención a Persoas con Discapacidade

Convocadas pola CIG Ensino e outras organizacións Sindicais o 10 de abril ás 19 h diante do Centro de Atención Especial de AGASFRA (Rúa Tomás Paredes, nº229, Vigo)

Logo dunha primeira concentración de delegadas e delegados da CIG-Ensino, diante de FADEMGA o 21 de marzo en Santiago, convocamos unha segunda de traballadoras e traballadores do sector.

Esta segunda mobilización é conxunta con CCOO e UGT nunha das Asociacións máis grandes de Galiza, AGASFRA (FADEMGA – AEDIS) en Vigo, para reincidir  nun cambio radical na actitude das patronais na negociación do XV Convenio Estatal de Atención a Persoas con Discapacidade e exixir melloras  laborais e salariais para o XV Convenio, así como mellora na calidade na atención aos usuarios/as. E máis cando se adiou a 6ª mesa de negociación para este 5 de abril, porque a patronal non fixo os deberes, unha vez máis,e non mandou con anterioridade as súas propostas de Clasificación profesional e salarial tal e como quedaramos na anterior mesa (13 de abril) para estudala as OO.SS e podermos negociala en dita mesa. Este inmobilismo da patronal xa é un desprezo total á parte social e dende a CIG-Ensino entendemos que debería ter unha resposta máis contundente.

Esta  mobilización forma parte da acción sindical acordada pola CIG cos sindicatos estatais CCOO e UGT, en todo o Estado, ante esta actitude das patronais de inmobilismo e involución na negociación do XV convenio,convocando xuntos este día 10 de abril coa finalidade de cambiar as dinámicas nestas mesas de negociación  de involución en dereitos laborais e salariais e conquistarmos melloras para un convenio xusto. 

Na CIG-Ensino tamén valoramos moi positivamente a unificación que acadamos das dúas plataformas reivindicativas da parte social, logo de propola  na asemblea do día 21 os nosos representantes dos traballadores/as, coa finalidade de facermos unha fronte común todas as OO.SS (CCOO, UGT e CIG-Ensino) e así podermos acadar unhas melloras laborais e salariais que dignifiquen o convenio. Nós manterémonos firmes na defensa desta plataforma unitaria, co compromiso de someter calquera outra decisión á asemblea de delegados/as do sector pertencentes á CIG-Ensino.

Mentres non se cumpran estas demandas, así como un cambio de rumbo nas patronais,  os traballadores/as están dispostos a continuar coas mobilizacións e incluso convocar paros para ser atendidas as súas reivindicacións: “ convenio digno e melloras laborais e salariais”

As liñas básicas da plataforma social unitaria con CCOO, UGT e CIG-Ensino resumímolas en:

  • Vacacións de 30 días, preferentemente no verán, 15 días a elixir polo traballador/a, máis 6 a maiores a gozar durante o resto do ano, previa solicitude do traballador/a.
  • Recuperación salarial: con subas para 2017 dun 1,25% de salarios iguais ou superiores a 1000€  e os inferiores a esta cantidade una suba lineal da cantidade que resulta de aplicar o 1,25% aos 1000€. No 2018 suba dun 2,75% para salarios superiores a 1000€ e para os inferiores a esta cantidade suba dun 5%. Nós seguintes anos de sinatura do convenio garantir o IPC con cláusula de revisión salarial, cunha % a acordar engadida ao IPC para recuperar a perda acumulada de poder adquisitivo (5,2%) dende a sinatura do XIV convenio. 
  • Recuperación do complemento de antigüidade (trienios).
  • Redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais nos centros de atención especializada, centros especiais de emprego e persoal de administración e servizos. Nos centros educativos igual que no ensino concertado.  Axuste da xornada máxima anual á semanal. 
  • Eliminación dos descontos en caso de incapacidade temporal por enfermidade común ou accidente non laboral, o primeiro mes. 
  • Recoñecemento de enfermidades profesionais. 
  • Recuperación dos seis días de asuntos propios.
  • Permiso retribuído polo tempo necesario para asistir a consultas médicas o traballador/a, fillos e fillas menores de idade (ou acollidos/as) e familiares dependentes (pola súa idade ou enfermidade).
  • Reserva do posto de traballo durante o primeiro ano nas excedencias voluntarias, e durante toda a vixencia das mesmas, naquelas por coidado de fillo/a menor, ou por coidado de familiar ou persoa dependente a cargo que convivan co traballador ou traballadora. a duración máxima destas tres modalidades de excedencias será de 5 anos.
  • Ao persoal que desenvolva a súa actividade en dous ou máis centros ou servizos dunha mesma empresa, no mesmo posto de traballo, aplicaránselle as mesmas condicións laborais en todos eles e serán sempre as máis favorables para o traballador/a.
  • Recuperación do plus de gratificación: cobro do 7% do salario anual cada 12 anos na empresa.
  • Redución da xornada para maiores de 55 anos.
CIG-Informa sobre a concentración en Vigo polo Convenio Estatal de Discapacidade

Documento


Volver