Concentracións este xoves por unhas retribucións e unhas condicións de traballo dignas e fronte ao inmobilismo da Consellaría

Tras a suspensión das negociacións para a suposta equiparación salarial do profesorado galego por parte da Consellaría, é preciso reaccionar con contundencia esixíndolle á administración que respecte o seu persoal docente, duramente castigado estes anos

As sete cidades galegas acollerán a partir das 8 da tarde concentracións de rexeitamento ao veto mantido pola Consellaría a negociar a recuperación do roubado, unha suba salarial digna e a mellora das condicións laborais do profesorado: xornada lectiva, rateos, afíns, redución de burocracia, xestión democrática dos centros, estabilidade para o persoal interino, transparencia nas vacantes…

A CIG-Ensino convoca concentracións este xoves despois da farsa de negociacións que a Consellaría prolongou artificiosamente durante seis reunións para finalmente quedar suspendidas á espera de que algunha organización sindical faga movementos.

Despois de que a administración se pechara en banda desde o comezo a negociar calquera outra cuestión que non fora a equiparación salarial en base a uns criterios pechados e centrando a súa proposta nunha mera posición de ranking, o sindicato esixe que se respecte o persoal docente, compensándoo dos recortes salariais que sufriu desde a chegada de Feijóo á Xunta de Galiza, restituíndolle as pagas extras detraídas entre 2013 e 2016, así como o dereito a cobrar integramente o salario durante as incapacidades temporais por enfermidade e aplicándolle unha suba digna que permita a recuperación do poder adquisitivo perdido.

Con estas mobilizacións preténdese interpelar directamente o presidente da Xunta para que desatasque as negociacións e permita avanzar na recuperación dos dereitos detraídos durante o seu mandato.

Volver