Concentración de delegadas e delegados da CIG Ensino polo XV Convenio Estatal de Atención a Persoas con Discapacidade

21 de marzo ás 12:30 horas en FADEMGA (Vía Pasteur 53-A Polígono do Tambre, Compostela)

Os delegados e delegadas da CIG-Ensino concentraranse contra o inmobilismo e involucionismo das patronais na negociación do XV Convenio Estatal de Atención a Persoas con Discapacidade.

A CIG-Ensino esixe un cambio radical na actitude das patronais na negociación do XV Convenio Estatal de Atención a Persoas con Discapacidade, convocando esta concentración de delegadas e delegados da CIG-Ensino dos centros de atención a persoas con discapacidade na mañá do mércores, 21 de marzo, diante dunha das patronais máis representativas do sector en Galiza, FADEMGA, para  esixir melloras  laborais e salariais, na negociación do XV Convenio Estatal de atención a persoas con discapacidade, así como mellora na calidade na atención aos usuarios e usuarias. 

Ante esta actitude das patronais, de inmobilismo e involución na negociación do XV convenio, dende a CIG-Ensino entendemos que non podemos demorar máis a resposta mobilizadora e reivindicativa dos traballadores e das traballadoras.

A CIG-Ensino mobilizará as veces que faga falla, cun só fin, até conseguir os obxectivos marcados na nosa plataforma reivindicativa, aprobada en asembleas cos representantes dos traballadores e traballadoras.

A continuación reproducimos as demandas básicas, recollidas na táboa reivindicativa da Cig-Ensino e entregada na mesa de negociación: 

• Recuperación salarial: suba lineal de 531 euros/ano para os salarios inferiores ao salario medio galego anual (sobre 17.700€) e dun 3% para o resto nas táboas salariais anuais; acordo plurianual de compensación pola perda acumulada de poder adquisitivo (5,2%). 

• Recuperación do complemento de antigüidade (trienios).

• Redución da xornada laboral a 35 horas semanais nos centros de atención especializada, centros especiais de emprego e persoal de administración e servizos. Nos centros educativos igual que no ensino concertado.  Axuste da xornada máxima anual á semanal. 

• Eliminación dos descontos en caso de incapacidade temporal por enfermidade común ou accidente non laboral, os tres primeiros meses. 

• Recoñecemento de enfermidades profesionais. 

• Novos complementos de penosidade, perigosidade e toxicidade (80 € cada un deles) 

• Recuperación dos seis días de asuntos propios .

• Permiso retribuído polo tempo necesario para asistir a consultas médicas o traballador/a, fillos e fillas menores de idade (ou acollidos/as) e familiares dependentes (pola súa idade ou enfermidade)

• Reserva do posto de traballo durante o primeiro ano nas excedencias voluntarias, e durante toda a vixencia das mesmas, naquelas por coidado de fillo/a menor, ou por coidado de familiar ou persoa dependente a cargo que convivan co traballador ou traballadora. a duración máxima destas tres modalidades de excedencias será de 5 anos.

• Ao persoal que desenvolva a súa actividade en dous ou máis centros ou servizos dunha mesma empresa, no mesmo posto de traballo, aplicaránselle as mesmas condicións laborais en todos eles e serán sempre as máis favorables para o traballador/a.

• Recuperación do plus de gratificación: cobro do 7% do salario anual cada 12 anos na empresa.

• Reducción da xornada para maiores de 55 anos.

Mentres non se cumpran estas demandas,  os traballadores e traballadoras están dispostas a continuar coas mobilizacións e incluso convocar paros.

CIG Informa sobre a concentración polo convenio colectivo de discapacidade

Documento


Volver