Coa proposta da Xunta o profesorado galego seguirá sen cobrar o 100% das súas retribucións durante as baixas

A CIG demandou na Mesa Xeral de Emprego Público que non exista ningunha redución salarial durante o período de baixa médica

Unha demanda do conxunto das traballadoras e traballadores de todo o sector público vaise ver cumprida a partir do 1 de xaneiro, coa entrada en vigor dos orzamentos da Xunta para o 2019. No sector do ensino público esta reclamación contou co apoio de perto de 12.000 docentes que subscribiron a campaña da CIG-Ensino de medidas urxentes para a recuperación de dereitos do profesorado.

O recorte salarial por enfermidade foi aplicado polo goberno español no ano 2012 e obedientemente asumido por Feijóo para o persoal da Xunta de Galiza e consiste en fixar descontos nos primeiros 20 días de baixa, do 50% das retribucións nos tres primeiros días e do 25% entre o cuarto e o vixésimo día para enfermidades comúns e non derivadas de intervención cirúrxicas, hospitalizacións ou relacionadas coa maternidade.

A norma estatal permitía que as diferentes administración pagasen o 100% por motivos excepcionais e xustificados. Algunhas CC.AA. aproveitaron esta marxe para ampliar ese pagamento a moitas enfermidades comúns. Canarias foi o mellor exemplo, contemplando nun acordo de 2017 o pago do 100% para case todas as enfermidades leves, incluíndo gripes ou lumbalxias (é dicir, amparando co pago do 100% a práctica totalidade das baixas médicas).

En marzo deste ano a recuperación do 100% do salario estando de baixa incorporouse no marco do acordo retributivo a nivel do Estado, asinado polos sindicatos estatais e o antigo goberno do PP, e que está a provocar non só que non recuperemos o que nos roubaron senón que esteamos a perder agora mesmo un 0,6% de poder adquisitivo pola carestía da vida e a desvinculación das nosas subas do valor do IPC. Naquel momento a CIG foi clara: estando de acordo coa eliminación dos descontos por enfermidade criticamos contundentemente que non se derrogara a norma estatal que aplicou ese recorte. De se ter feito como propuxo a CIG, o pago do 100% nas baixas sería efectivo desde o mes de marzo de 2018 e non teriamos que agardar a 2019 en Galiza.

A Xunta limita o pago do 100% nas baixas ao salario que se percibe no primeiro mes de baixa.

No texto presentado pola Xunta de Galiza esta semana na reunión da Mesa Xeral de Empregados Públicos aparece que ese complemento até o 100% dos salario estando de baixa estará limitado ao que se cobre no primeiro mes de baixa. Isto é, que nunha baixa superior a un mes e durante a cal se produza algún incremento retributivo (trienio, sexenio, suba salarial) estas subas non se cobrarían até que a persoa causase alta e non se podería recuperar.

A CIG propuxo un cambio na redacción do final do artigo 146.3, substituíndo “acade o 100% das retribucións fixas do mes do inicio da incapacidade temporal” por “acade o 100% das retribucións que lle corresponderían de non estar na situación de incapacidade temporal”.

Así mesmo, propuxo que o complemento até o 100% que pague a administración inclúa calquera incremento retributivo que poida ter lugar durante o tempo de I.T., evitando deste xeito que se produza calquera redución retributiva que coa redacción proposta si tería lugar ao se limitar ás retribucións fixas do mes inicial.

Esta prevista unha nova reunión coa Dirección Xeral de Función Pública para a semana que vén na que agardemos se nos dea resposta a esta demanda do sindicato.

CIG Informa sobre a proposta da Xunta para eliminar os descontos durante as baixas do funcionariado

Documento


Volver