CIG-Ensino pídelle á Consellaría de Educación que manteña aberta a Escola Infantil de Carnoedo

A CIG-Ensino demanda da Consellería de Educación que paralice o peche da EI de Carnoedo (Sada) e que poña por diante os interese educativos das crianzas e as súas familias, fronte a calquera cuestión organizativa ou económica.

A central sindical pide que para este curso 2018-2019 se respecte a vontade das nais e dos pais e non se proceda ao peche "se desexan continuar cos fillos e fillas escolarizadas nesta Escola Infantil de Carnoedo".

A decisión de cerrar o centro prodúcese en pleno curso escolar e provoca un trastorno evidente para as familias (organización de horarios, transporte, etc.); ao tempo que supón un prexuízo educativo para as nenas e nenos afectados, pois despois de teren pasado o proceso de adaptación a esta escola terán que incorporarse a un novo entorno educativo, con novos compañeiros e compañeiras e novo profesorado, "e todo isto na súa etapa inicial de incorporación ao ensino regrado".

Ademais, a CIG-Ensino entende que para os vindeiros cursos é posíbel que se incorpore novo alumnado e, polo tanto, alén do que finalmente ocorra no que queda deste curso, "debe manterse a posibilidade de matricular alumnos/as nesta escola e que só se proceda ao peche se non se acada a matrícula mínima prevista". En ningún caso, subliñan, se debe impedir a solicitude de matrícula, "pois isto condenaría a esta escola  a un peche definitivo, cando en anos recentes tivo matrícula e alumnado abondo para un funcionamento ordinario".

Volver