Aumentan as queixas polo desenvolvemento das oposicións docentes

As críticas son moi superiores ás recibidas en convocatorias anteriores.

A CIG-Ensino recibiu nestes días, logo das denuncias públicas feitas polo sindicato tras a primeira proba, centos de queixas que confirman as incidencias nestes primeiros días do proceso selectivo. O sindicato vén de presentar un escrito ante a Consellaría solicitándolle que tome medidas para dar solución a estas queixas e que dea cumprida resposta ás reclamacións do persoal aspirante.

Entre as críticas recibidas na seguinte ligazón salientan aquelas que se centran en cuestións xerais do desenvolvemento das probas. Algunhas xa foran advertidas pola CIG-Ensino á Consellaría que, como é habitual, desentendeuse da súa responsabilidade e descansou toda a xestión, e todos os problemas, nos propios tribunais. 

Foron tamén moi numerosas as queixas recibidas directamente nos locais do sindicato. A maiores do xa denunciado hai uns días ao respecto do uso de pavillóns con altas temperaturas, tamén destacan as queixas polo reducido tamaño dalgunhas aulas, por teren feito os exames en corredores estreitos, por facer os exames en cadeiras con pas (nalgúns casos mentres outras opositoras do mesmo tribunal o facían en mesas normais). Mesmo se deron casos de teren que usar pupitres de crianzas. Son exemplos que evidencian problemas serios de adaptación de espazos e de recursos que a Consellaría debería ter contemplado con suficiente antelación. 

O coñecemento dos locais debería producirse con máis anticipación para que as persoas aspirantes poidan organizar mellor os desprazamentos, evitando trastornos como o cambio de cidade, que se produciu nalgunha especialidade do corpo de mestres. Hai suficientes edificios públicos no país para atender no primeiro día da proba a todas as persoas que a realizan conxuntamente, sexan dependentes da propia Consellaría ou doutras administracións e así evitar o que aconteceu nesta convocatoria. 

Nalgún tribunal prohibiuse o uso de calquera tipo de reloxo sen que existise un reloxo visíbel na aula, o que implicou non poder controlar o tempo da proba. Noutros casos producíronse diferenzas de criterio entre distintos tribunais da mesma especialidade na limitación ou non do número de folios. O sindicato tamén recibiu queixas por discrepancias nos enunciados de exercicios nas súas versións en galego e en castelán, o que puido inducir a erros. Igualmente produciuse algún caso de exercicios que se presentaron exclusivamente en castelán, o que é totalmente rexeitábel. 

Xunto con críticas a actuacións de determinados tribunais e especialmente á falta de planificación por parte da Consellaría, foron tamén numerosos os comentarios de persoal opositor que agradeceron o trato recibido por parte dos compoñentes de moitos tribunais para facer fronte ás incidencias das que a administración é a última responsábel. 

Neste caso chama a atención que membros de tribunais tivesen que auxiliar a aspirantes que abafaban coa calor, proporcionando auga, refrescando con sprays, abanicando, proporcionando papel para a suor ou ventilando as aulas. 

Tecnoloxía

Especial importancia e, por tanto, un maior número de queixas, recibíronse sobre o acontecido na especialidade de Tecnoloxía, logo de propoñer nas dúas opcións do exame práctico cadanseu exercicio de debuxo técnico mal formulado. Despois da proba publicáronse uns criterios de avaliación ad hoc, nos que se indica, entre outras cousas, que as persoas opositoras poden estimar as consideracións técnicas que consideren e, por tanto, escoller segundo o seu criterio que datos da proposta inicial consideran válidos e cales desbotan. Sabemos que para as persoas opositoras esta situación deturpou a distribución de tempo dedicado en cada proba ao exercicio de debuxo técnico ao conter dúas propostas erróneas.

Desde o punto de vista da CIG-Ensino o tribunal debería eliminar esas preguntas e avaliar sobre o resto. En todo caso, como segunda opción, entendemos que se podería repetir exclusivamente ese exercicio mais non a totalidade da proba. Preocúpanos especialmente a inseguridade que se pode crear na corrección dos exercicios erróneos e consideramos inapropiado manter a súa cualificación.

Custodia das probas

De igual xeito xa lle foi trasladada a nosa preocupación á Subdirección Xeral polas queixas recibidas pola deficiente vixilancia da proba de Identificación ou VISU entre o tribunal número 1 e 5 de Bioloxía e Xeoloxía ou os problemas coa custodia do sobre co 1º exame no tribunal nº3 de Música de Santiago.

Volver