Aulas baleiras por unha Lei Galega de Educación e contra a LOMCE

Baixo o lema "Imos baleirar as aulas para encher as rúas", estudantes do ensino medio e superior de Galiza, convocados por Erguer, concentráronse en 13 puntos do territorio galego para reclamarlle ao goberno do Estado que derrogue a LOMCE

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte a CIG-Ensino, participou esta mañá nas mobilizacións do estudantado galego que hoxe foi á folga para reclamar a derrogación da LOMCE e a elaboración dunha Lei Galega de Educación. 

A CIG-Ensino apoia a mobilización estudantil convocada por Erguer. Estudantes da Galiza ao compartir que se trata da lei "máis privatizadora, centralista e regresiva dos últimos 40 anos", en palabras do secretario nacional do sindicato nacionalista, Suso Bermello.

Tal e como lembrou Bermello, "o goberno do PP está a aplicar de facto esta lei coa complicidade da oposición en Madrid e falseando un debate arredor da súa paralización". "Non é certa esta parálise, a LOMCE está plenamente vixente, agás no que ten a ver coas reválidas que se conseguiron eliminar pola enorme contestación social da comunidade educativa", engade Bermello aludindo a que no Congreso dos Deputados existe unha subcomisión que está tratando este tema. "Agás por algunha información na prensa, non sabemos nada do que aí se está a debater e que parece que vai máis na liña de elaborar un Pacto Educativo que afiance as políticas neoliberais do Partido Popular e dos seus socios de Cidadáns na educación que por poñer en cuestión os aspectos recollidos na LOMCE". "Por todo isto esta mobilización estudantil está máis que xustificada e entendemos como moi positiva que a mocidade se active contra a involución que a LOMCE representa ", subliñou.

Lei Galega de Educación

Outra das reivindicacións que motivaron a convocatoria desta folga é a esixencia ao goberno da Xunta de que impulse a elaboración dunha Lei Galega de Educación que protexa a nosa lingua e a nosa cultura tanto no currículo académico como de forma transversal. A CIG-Ensino apoia tamén esta reclamación para que o deseño dos plans educativos se adapten á nosa realidade socio-económica en todos os niveis, tanto en Primaria e Secundaria, con especial atención á dispersión poboacional, como en FP e na Universidade, nos que é preciso ter en conta o perfil do alumnado, as contornas xeográficas dos centros e o contexto socio-laboral e produtivo galego.

Pero a convocatoria de folga vai máis aló da LOMCE ou do Decreto do 3+2 nas Universidades. Os sucesivos recortes e o desprezo cara a toda a comunidade educativa que veñen realizando os gobernos da Xunta e de Madrid no ensino galego nos últimos anos tamén están enriba da mesa como causas deste paro estudantil. A redución das bolsas e das axudas ao estudo, a masificación das aulas, a ausencia de profesorado especialista nalgunhas materias ou a non oferta doutras por falta de efectivos (por causa de todo o que ten que ver coas afíns e coa non convocatoria de amplas ofertas de emprego que cubriran cando menos as xubilacións), a alta taxa de interinidade na docencia que leva a que non existan planteis estábeis nos centros que permitan a posta en marcha de plans de mellora da calidade do ensino, os recortes en todo o relacionado coa atención á diversidade e aos programas de reforzo educativo, as carencias nalgunhas infraestruturas e no equipamento dos centros, o peche de unidades e de ciclos, o aumento dos servizos de pagamento tanto no ensino universitario como no medio, o endurecemento do acceso á Universidade ou ao ensino superior para as persoas con menos recursos promovendo unha educación elitista… son outras das realidades ás que se enfronta cada día o estudantado galego e que a CIG-Ensino vén denunciando reiteradamente nos últimos anos.

Volver