As probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior de formación profesional non se axustan á legalidade

Formación Profesional

Analizada a Resolución desa Dirección Xeral do 15 de xaneiro de 2007, publicada no DOG do 29 de xaneiro, a CIG-ENSINO considera que a convocatoria que se realiza de probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior de formación profesional específica de determinados ciclos formativos non se axusta á legalidade vixente

As probas libres para a obtención dos títulos de técnicos superior de formación profesional dalgúns ciclos non se axusta a legalidade

 

Analizada a Resolución desa Dirección Xeral do 15 de xaneiro de 2007, publicada no DOG do 29 de xaneiro, a CIG-ENSINO considera que a convocatoria que se realiza de probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior de formación profesional específica de determinados ciclos formativos non se axusta á legalidade vixente polas seguintes razóns:

 

  • A citada convocatoria baséase na Orde do 11 de febreiro de 2005 (DOG de 22 de febreiro) que, á súa vez, desenvolve en Galiza o regulado no Real Decreto 942/2003 de 18 de xullo (BOE do 31 de xullo) que determina as condicións básicas que deben reunir as probas para a obtención dos títulos de Técnico e Técnico Superior de formación profesional específica.

 

  • No BOE do día 3 de xaneiro de 2007 publicouse o Real Decreto 1538/2006 de 15 de decembro, que estabelece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, o que, na disposición derogatoria única, deroga expresamente o Real Decreto 942/2003 antes citado.

 

  • O Real Decreto 1538/2006, vixente desde o día 4 de xaneiro de 2007,  regula nos seus artigos 35 e 36 (que teñen carácter de norma básica) as condicións básicas das probas para a obtención dos títulos de Técnico e Técnico Superior. Esta regulación cambia sustancialmente os requisitos para a participación nas probas posto que se esixe, ademáis dos requisitos de idade, estar en posesión das titulacións académicas que permiten o acceso á formación profesional do sistema educativo (título de graduado en ESO ou de Bacharel respectivamente, ou ter superado as probas de acceso). Consecuentemente, desaparecen os requisitos recollidos na Orde do 11 de febreiro de 2005 de acreditar dous anos de experiencia laboral ou superar anteriormente algún módulo ou materia de ensinanzas profesionais.

 

En función do anterior, dende a CIG-Ensino consideramos que se debe revisar a convocatoria feita polos problemas que pode provocar o feito de non estar enmarcada na lexislación vixente e estabelecer requisitos de participación contrarios á mesma.

Volver