As opositoras e opositores non merecen isto: falen claro dunha vez

Non se pode entender o xogo que se trae entre mans unha administración educativa que non se comunica directamente nin coa representación do profesorado nin coa sociedade en xeral

Novamente son os medios de comunicación os que filtran á opinión pública cales son as intencións da Consellaría de Educación ao respecto das oposicións do 2020. En ningún momento houbo un comunicado público da Xunta, malia os requirimentos desta organización sindical (20 e 26 de marzo) nin o malestar claramente evidente entre as persoas que concorrerían as oposicións docentes por non saber que é o que pretende facer a administración convocante.

Agora os medios e axencias de noticias comunícannos que a Xunta non convocará oposicións se se prolonga o estado de alarma máis alá do 11 de abril. Esta declaración é claramente unha tomadura de pelo. Non debe haber ninguén que neste momento dubide que, como mínimo, o estado de alarma vai continuar unha quincena máis. A CIG-Ensino xa expresou a súa proposta o pasado día 26 de marzo; unha proposta que partía do que claramente incumpren os responsábeis políticos: asunción de competencias, transparencia, rigor, garantía e decisión final con suficiente antelación. 

Se a Consellaría ten claro que non haberá oposicións de manterse o estado de alerta despois do día 11 de abril, debe ser clara e non enganar ao conxunto de persoas que queren opositar: debe dicir que NON HABERÁ OPOSICIÓNS nas datas previstas. A ninguén se lle escapa que indicar esa data é unha mostra clara desa decisión.

É unha vergoña que a conselleira non dea a cara e explique publicamente o que teñen pensado facer.

Basta xa de desprezo.

Volver