As negociacións do XII convenio colectivo estatal de infantil mudan a dinámica de traballo

Información da 6ª Mesa negociadora. 10 de maio de 2018

As patronais propoñen unha nova dinámica de negociación adiando para o final os temas máis conflictivos, dándolle prioridade á actualización do convenio á normativa e lexislación vixentes a través dunha Comisión Técnica nomeada pola mesa de negociación.

Comeza a reunión o banco patronal manifestando que as posturas ou posicións das dúas partes están demasiado alonxadas e dan a visión de ter puntos moi extremos, polo que propoñen a opción de atopar unha nova estratexia que permita chegar a un consenso. Esta dinámica de ir artigo a artigo non resulta e quizais deberiamos explorar novos mecanismos de traballo.
As OO.SS mostramos o noso acordo nesta visión formulada pola patronal, pero débese aos constantes titubeos pola súa parte e a mesturar distintos temas nas negociacións de cada artigo, ademais de amosar un inmobilismo interesado e de instalarse no “non a todo” e así é imposible avanzar. Desde a CIG-Ensino preguntamos se estaban dispostos a negociar na mellora do convenio ou pretendían mantelo ou incluso empeoralo. Nós non queremos perder o tempo nesta postura involucionista e as demais OO.SS entendemos que tampouco. Deben poñer as súas cartas enriba da mesa e facer unha proposta global do convenio e amosárnola, como fixemos a parte social.
Tras un receso, para falarmos as partes e ver como podemos reformular as negociacións, en aras de avanzar nas mesmas, acordamos comezar polo que pode ser máis doado que é a actualización do texto do convenio á lexislación e normativa vixente e deixar o resto de puntos ou temas que nos separan para máis adiante (xornada, vacacións , permisos, salarios…) Deste xeito teriamos unha idea dos cambios a ter que afrontar no convenio para logo poder ver mellor as posibilidades de achegar posturas no que agora nos atranca. En resposta á CIG dixéronnos que “unha proposta global suporía voltar ao comezo”. Desta forma decidiuse facer unha Comisión Técnica que revisará os seguintes artigos:

- Artigo 5: Comisión Paritaria.
- Artigo 16 ao 27: Contratacións.
- Artigo 28: Período de Proba.
- Artigo 30: Vacantes.
- Artigo 35: Conciliación da vida familiar e laboral.
- Artigo 42: Excedencia por coidado dun fillo.
- Artigo 46: Maternidade.
- Artigo 47: Lactancia.
- Artigo 48: Paternidade.
- Artigo 49: Lactancia.
- Artigo 63 a 67: Seguridade e saúde laboral.
- Artigo 83 e seguintes: Faltas e sancións.

Esta Comisión Técnica (con avogados/as) constituirase na seguinte mesa de negociación, que será o 22 de maio, en ACADE, na que se rematará a negociación da Clasificación Profesional (por petición expresa das OO.SS.) quedando a parte social de mandar as definicións de Coordinadora Pedagóxica, Mestra e Educadora Infantil (os temas pendentes de acordo neste artigo). Ademais marcouse a data para o traballo do articulado anterior na Comisión Técnica que será o 29 de maio, en ACADE.

CIG Informa sobre a 6ª Mesa de Negociación sobre o convenio colectivo estatal de Educación Infantil

Documento


Volver