Ás demoras nas substitucións docentes denunciadas pola CIG-Ensino únense ás declaracións fóra de lugar do Xefe Territorial de Pontevedra

A Consellaría de Educación comeza o curso con falta de profesorado en diversos centros de Infantil e Primaria e no día de inicio do curso en secundaria aínda non comezaron os chamamentos

Por se fose pouco, prodúcense declaracións de responsábeis políticos que pretenden descargar sobre o profesorado substituto a ineficacia da propia administración, amosando un preocupante descoñecemento sobre o funcionamento das listaxes de substitución.

A CIG-Ensino denunciou xa nos órganos oficiais de representación, nos que é o sindicato maioritario, os novos recortes de profesorado deste curso por parte da Consellaría de Educación. A política de enfraquecemento e restrición de recursos do ensino público producen, un curso máis, novos agrupamentos ou supresións de unidades do mesmo ou distinto nivel e postos docentes, incumprimentos dos catálogos en numerosos casos, recortes de profesorado titor e especialista, reducións asociadas de membros de equipos directivos, nomeamentos para simultanear varios centros e con afíns, non substitucións de profesorado para a organización previa do curso e mesmo para comezar as clases, excesos sobre a ratio de alumnado/profesor-a, etc.

Ao tempo, a Consellaría non actúa coa axilidade que se require no inicio de curso e comezou os chamamentos para infantil e primaria só dous días antes do inicio do curso, como xa denunciou a CIG-Ensino. Esta mesma situación prodúcese en secundaria, cando a unhas horas do inicio oficial do curso aínda non se iniciaron os chamamentos para substitución nin para algunhas prazas vacantes colgadas despois da adxudicación definitiva.

Así mesmo a CIG-Ensino rexeita e lamenta profundamente as erradas declaracións do Xefe Territorial de Pontevedra sobre a falta de  substitucións que se está a producir. Neste sentido hai que lembrar que os chamamentos ao profesorado substituto son telefónicos, en horario de mañá e tarde “nas datas inmediatamente anteriores e posteriores ao inicio do curso académico, mentres non estean cubertas todas as substitucións” (DOG 12/08/19), polo que non pode ocorrer que unha substitución fique sen realizarse, pois sempre hai docentes en situación de desemprego para asumila. Por outra parte, o Xefe Territorial chegou a afirmar que a incorporación a algunhas substitucións se producía con retraso xa que o profesorado dispón de até 3 días para se incorporar. Esa afirmación denota un grave descoñecemento do responsábel político da Consellaría na provincia de Pontevedra xa que a toma de posesión faise efectiva “no día lectivo inmediatamente seguinte ao do nomeamento” ou no inicio do curso (DOG 11/07/17). Por tanto, que varios días após o comezo do curso haxa vacantes ou substitucións sen cubrir é única e exclusivamente responsabilidade da administración educativa.

 

Volver