• 20181122_encontro_nacional_mulleres (1).jpg
  • 20181122_encontro_nacional_mulleres (2).jpg
  • 20181122_encontro_nacional_mulleres (3).jpg
  • 20181122_encontro_nacional_mulleres (5).jpg
  • 20181122_encontro_nacional_mulleres (7).jpg

As delegadas asistentes ao IV Encontro Nacional de Mulleres da CIG acordan convocar folga xeral o vindeiro 8M

Ao remate do encontro preto de 300 delegadas da CIG concentráronse fronte aos xulgados de Compostela para denunciar as agresións do patriarcado

O IV Encontro Nacional de Mulleres da CIG acordou onte trasladarlle a convocatoria dun paro de 24 horas o vindeiro 8 de marzo ao movemento feminista galego para, en palabras da secretaria da Muller, Margarida Corral, "loitarmos xuntas e combater na rúa as agresións laborais, sexuais, sociais, machistas... que padecemos a diario de todo o aparato, tamén do xudicial, que para nada ten asimilada a perspectiva de xénero nin contribúe a erradicar a lacra da violencia contra as mulleres”. 

Precisamente ao remate do encontro concentráronse diante dos xulgados de Santiago en protesta polas sentenzas vergoñentas ditaminadas recentemente e para alertar das tráxicas consecuencias que tiveron e que seguen a ter as denuncias por violencia arquivadas.

Preto de 300 delegadas da CIG acordaron comezar a conta atrás para o próximo Día da Muller Traballadora en 2019 e aproveitar as visitas aos centros de traballo para ir trasladando as razóns que motivan a convocatoria desta folga xeral e denunciar as discriminacións e violencias ás que teñen que facer fronte as mulleres dentro e fóra do ámbito laboral polo mero feito de ser mulleres. De feito, durante estas dúas semanas xa estamos levando a cabo esta tarefa de concienciación e mobilización arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que a CIG conmemora cunha campaña baixo o lema Fartas do acoso e da violencia machista”. 

Após o encontro dirixíronse cara aos xulgados composteláns e esixiron que non haxa “NinUnhaMáis acosada no traballo, agredida física, psicolóxica ou sexualmente, nin unha máis que sufra violencia económica, patrimonial, simbólica, obstétrica ou institucional”. Neste sentido, Margarida Corral, alertou do constante incremento das agresións e denunciou que 6.001 mulleres foron vítimas de violencia machista o ano pasado, un 17,5% máis que no ano anterior; que máis de medio centenar foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas nos últimos 15 anos e que houbo 3 feminicidios en Galiza desde comezos de 2018: Magdalena Moreira Alonso; María Judite Martíns e Ana Belén Varela Ordóñez.

Corral sinalou ademais que, segundo os datos da Fiscalía galega, aumentou tamén o número de denuncias que chegaron aos xulgados galegos, xa que en 2017 se presentaron 6.463, fronte ás 5.683 do ano anterior, o que supuxo un 13,7 % máis.

Esta terrible situación é a que levou, segundo Corral, ás mobilizacións multitudinarias do ano pasado. “As galegas que enchemos as rúas deste país demostramos que necesitabamos un cambio, que necesitabamos non só medidas de aparencia, senón cambios reais a prol dos noso dereitos”. E estas cifras “e tantas outras que podiamos comentar do que sufrimos a cotío, son a realidade que demostra que as promesas que fixeron as institucións após o 8 de marzo se quedaron en nada”.

Por iso chamou a todas as mulleres a reaxir, a participar este 25 de novembro nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas da Galiza e a secundar masivamente a folga xeral do vindeiro 8M. “Nós facémolo como sabemos na CIG, combatendo nas rúas e debatendo sobre esta problemática, dando propostas e respostas desde o feminismo de clase a esta situación”.

Mobilizacións do 25N:

Vigo: 12:00 h, cruce de Vía Norte con Urzáiz (Feminismos Vigo)

Pontevedra: 12:00h na Peregrina

Lugo: 12:00h, diante do concello (Plataforma Feminista Lugo)

Ourense: 12:00 h. Acción de rúa (Praza Maior)

                   19:00 h. Obradoiro de pasamontañas (Subdelegación Goberno)

                   20:30 h. Manifestación (saída Subdelegación Goberno)

A Coruña: 20:00 h, desde o Obelisco (Feminismos A Coruña)

Ferrolterra: 19:00 h Manifestación + batukada e performance desde praza da Gándara. Narón.

Compostela: 12:00 h, desde a Praza 8 de Marzo (Feminismos Compostela)

               - Día 26 de novembro: 19:00 h. Casa de Xohana Torres.

                Palestra-café con Paz Filgueira, xuíza de Familia

A Estrada: 11:30 h concentración diante do concello

As Pontes: 11:30 h Concentración na Praza do Hospital

Volver