A Xunta demora artificialmente a publicación do Fondo de Acción Social

A norma para este ano inclúe un incremento na única axuda en vigor e o prazo para tramitala nos centros educativos se estenderá, a petición da CIG, até o mes de setembro.

A Dirección Xeral de Función Pública, de quen depende a negociación dos criterios para o reparto do Fondo de Acción Social (FAS), está a xogar con todas e todos os empregados públicos coa publicación das axudas deste ano, demorando en exceso a publicación da convocatoria co único obxectivo de agardar a que o texto conte co apoio sindical que xa se tornou en fixo (CCOO, UGT). Este ano o FAS incluíuse por vez primeira nun remexido de textos que non gardan relación coas axudas sociais, senón con cuestións relativas ao persoal da administración xeral da Xunta. Esta demora está totalmente inxustificada xa que o texto está xa pechado desde hai semanas e non depende de ningún acordo xa que desde o ano 2010 non houbo ningunha convocatoria do FAS que contase co apoio de ningún sindicato. Polo tanto é unha decisión única e exclusivamente de interese político-sindical.

Novidade na axuda á discapacidade. 

Este ano o FAS vai ter unha novidade relevante, xa que en resposta a unha vella demanda da CIG, vai ampliarse a axuda que se destina ás persoas con discapacidade dependentes do persoal funcionario da Xunta de Galiza. A mellora vai consistir nun incremento da contía que se percibe e que neste ano 2019 vai ser un 50% superior ás que se obtiñan nestes anos pasados. A contía chegará un ano despois, no ano 2020, aos 180€ mensuais. Para percibir esta axuda hai que cumprir unha serie de requisitos: 

A axuda é para coidado de familiares de 1º grao con discapacidade igual ou superior ao 33% sempre e cando o familiar a cargo non supere uns ingresos en cómputo anual iguais ao SMI.

 

No caso de que a discapacidade da familiar sexa igual ou superior ao 75% non sería efectivo o requisito dos ingresos e podería percibilo todo o persoal da Xunta cun familiar a cargo coa discapacidade indicada.

A CIG entende como positivo o avance que se produce, máxime tendo en conta que responde á demanda que o noso sindicato presentou nos últimos anos polo feito de que a contía destinada a esta axuda (2.000.000€) quedaba parcialmente sen repartir. 

Sen embargo, non podemos dar o noso apoio xa que se nega a negociación da recuperación dun verdadeiro FAS (desde a chegada á Xunta de Feijóo retiraron máis de 7.000.000€ anuais, cun total de 57 millóns de euros roubados que se negan que poidamos recuperar. É impresentábel que nunha negociación sobre estas axudas hai quen, desde o campo sindical, faga táboa rasa dos recortes que sufrimos a mans do actual goberno da Xunta.

Que pasa coa publicación do FAS? Cales serán os prazos?

A CIG critica que o atraso na publicación vai supor, con case total seguridade que as axudas se perciban no ano 2020, o que implicaría un trastorno innecesario na declaración da Renda.

Por outro lado, a CIG demandou en solitario que a data da publicación, previsibelmente neste mes de xullo, non implicase a limitación de prazos para todo o persoal que se atopa de vacacións durante o período estival, como acontece no caso do profesorado. Función Pública comprometeuse a que o prazo incluiría parte do mes de setembro. Desde a CIG insistimos que ese prazo debe ir máis alá do día de inicio de curso en secundaria, xa que a esta data non toma posesión o profesorado de secundaria. 

Volver