A Valedora do Pobo debe dimitir ou as forzas parlamentarias forzar a súa substitución por vulnerar os dereitos lingüísticos da poboación

Membros da CIG-Ensino e representantes da Mesa pola Normalización Lingüística concentráronse esta mañá diante da Oficina da Valedora do Pobo para denunciar a persecución do galego que Milagros Otero Parga realiza desde esta institución

Representantes destas dúas entidades lembraron a actuación totalmente arbitraria e ilegal por parte da Valedora do Pobo en relación coa lingua galega que, en moitas ocasións, actúa mesmo de oficio perseguindo a súa normalización, como cando pediu que se edite a cartilla das vacinas en español ou que se retiraran sinais de tránsito no noso idioma en Gondomar.

Neste sentido, o secretario de Acción Sindical da CIG-Ensino, Diego Boquete, indicou que “son numerosas as queixas de vulneración dos dereitos lingüísticos que lle chegan a esta institución e que sempre obteñen como resposta un reforzamento da persecución contra o galego”. No eido do ensino, por exemplo, non atendeu a petición de amparo dunha nena que foi penalizada por escribir Galiza nunha redacción, sendo esta forma totalmente oficial, nin as queixas da CIG-Ensino pola redución horaria do galego na LOMCE, máis restritiva aínda que no Decreto de Plurilingüísmo da Xunta de Galiza e mesmo chegou a acosar a un centro de ensino por pendurar un cartaz en defensa do noso idioma.

“Este comportamento é totalmente censurábel nunha institución que tería que defender o cumprimento da lei, nomeadamente a Lei 3/1983 do 15 de xuño de normalización lingüística, e non por vulnerala, polo que lle exiximos que dimita do seu cargo”, engadiu. “Do contrario solicitarémoslles ás diversas forzas políticas con representación no Parlamento que poñan enriba da mesa a súa substitución por incumprimento dos labores como Valedora e por amosar un sectarismo ideolóxico inadmisíbel no seu cargo”, avanzou Diego Boquete. 

"Solicitarémoslles ás diversas forzas políticas con representación no Parlamento que poñan enriba da mesa a súa substitución por incumprimento dos labores como Valedora e por amosar un sectarismo ideolóxico inadmisíbel no seu cargo"

Non recoñecemento da Valedora

Pola súa banda, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, explicou que “esta persoa está indo moito máis aló da actuación doutras entidades e administracións volcando as súas fobias contra o galego cando a súa obriga é facer respectar a lei e contribuír a normalizar o seu uso en todos os contextos sociais”. “Facemos un chamamento a todos os colectivos que se están vendo desatendidos por esta persoa para unírmonos e anunciamos que a partir de agora non a recoñeceremos como Valedora”. Neste sentido, avanzou que a Mesa lle seguirá enviando queixas e denuncias a esta institución pero xa non irán remitidas ao nome de Milagros Otero Parga por terse demostrado incompetente para facer valer o seu cargo.

 

Volver