A publicación de corrección de erros unha semana antes das oposicións reflicte a falta de planificación da Consellaría

A CIG-Ensino considera que a actuación da Consellaría neste tema non é seria.

O sindicato critica a improvisación do departamento que dirixe Román Rodríguez, que presenta un borrador da convocatoria de oposicións na Mesa Sectorial sen estar completamente perfilado e tarda en subsanar os erros existentes introducindo elementos de incertidume para o persoal opositor.

Hoxe publicouse no DOG outra corrección de erros que emenda o texto da convocatoria de oposicións, cando falta unha semana para que se celebren as probas. A CIG-Ensino considera que a actuación da Consellaría neste tema non é seria. En primeiro lugar porque o borrador presentado na Mesa Sectorial da Orde que regula o procedemento selectivo de acceso aos corpos docentes foi xa enmendado en varias ocasións, o que demostra que non se perfilou completamente o seu contido antes de traelo para o seu debate na mesa de negociación.

Porén, e tendo en conta que é previsíbel que se produzan erros, a administración ten que subsanalos canto antes e publicar as oportunas correccións pero sen deixalo para unha semana antes das probas. Hai que ter en conta que algunha das cuestións que se corrixen poden ter incidencia na preparación da proba práctica por parte do persoal aspirante. En concreto, na corrección publicada hoxe estabelécense dúas aclaracións con respecto a esta parte do proceso para as especialidades de Bioloxía e Xeoloxía e de Procedementos de Diagnóstico Clínico e Ortoprotésico, causando certa inseguridade entre os e as aspirantes das mesmas. 

Polo demais, e co ánimo de despexar todas as dúbidas que se lle poidan presentar aos opositores e opositoras nestes momentos, a Consellaría debería darlles instrucións aos tribunais para que se publique con anterioridade ao día da presentación todo o material, recursos ou especifidades que deben ter en conta de cara á realización da proba práctica da oposición. 

Volver