A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca unha concentración para o mércores diante do Parlamento en contra das reválidas e da LOMCE

Coincidindo co inicio destas probas externas o día 23 de maio en 3º de Primaria, a Plataforma concentrarase baixo o lema “Tirar abaixo a LOMCE. Boicotear as reválidas” e anima as familias a non enviar o alumnado eses días ao centro ou a negarse a facelas.

En anos anteriores este boicot foi seguido polo 80% da comunidade educativa. Desde a CIG-Ensino, como integrante desta Plataforma, “consideramos moi importante manter o nivel de rexeitamento a unha lei educativa que supedita os intereses do ensino público ao neoliberalismo económico, tamén a través destas probas avaliadoras”.

A próxima semana está previsto que comecen as coñecidas como reválidas en todos os centros de Galiza nos que se imparte 3º de Primaria, en concreto os días 23 e 24. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP), que agrupa a colectivos de nais e pais, estudantes e profesorado, entre outros, ten previsto concentrarse o mércores a partir das 11:15 diante do Parlamento de Galiza para amosar o seu rexeitamento a estas probas e por extensión a todo o que supón a aplicación da LOMCE. 

Ao igual que o que acontece coas chamadas probas PISA, que tamén se levarán a cabo este curso en determinados centros galegos, aínda que a Consellaría non desvelou en cales, as reválidas responden aos intereses de organizacións como a OCDE, de grandes empresas privadas educativas e dos principais lobbys editoriais. Á marxe de que non teñen ningún valor académico, grazas á presión exercida pola comunidade educativa na súa loita contra a LOMCE, estas probas supoñen un elemento de tensión innecesaria para o estudantado, xerarquizan as materias e os contidos en base a criterios puramente economicistas e supoñen un desprezo ao labor docente, á súa autonomía e liberdade de cátedra, así como ao valor que ten a avaliación continua dentro do proceso de ensino-aprendizaxe. 

Por estes motivos, as familias levan varios anos rexeitando estas probas e arredor dun 80% dos rapaces e das rapazas dos distintos niveis nos que estaba prevista a súa execución non participaron nelas. O sindicato CIG-Ensino volveu facer un chamamento ao boicot e a manter este rexeitamento para conseguir derrogar definitivamente esta lei, que nestes intres semella estar en punto morto, pero que está plenamente vixente e que o goberno do PP está aplicar a falta dunha oposición política contundente que o obrigue a paralizala por completo.

O sindicato vén de dirixirse, ademais de ás familias, tamén ao profesorado e aos equipos directivos para que faciliten que o alumnado, que por problemas de conciliación non poida quedar na súa casa durante os días de celebración das probas, poida estar no centro pero sen asistir ás reválidas. 

O resto das probas están previstas para os días 29 e 30 de maio e atinxirán a 6º de Primaria e 4º da ESO pero neste caso só se escollerá unha mostraxe de centros que aínda non se coñecen. A Consellaría de Educación segue a actuar con escurantismo tanto neste proceso como no das famosas probas PISA. 

A necesaria avaliación do sistema educativo en Galiza comeza pola Consellaría 

Fronte ao modelo descontextualizado, alleo á propia realidade dos centros, do profesorado, do alumnado ou das familias, a Plataforma Galega defendeu a necesidade de avaliar o funcionamento do propio sistema educativo, comezando polo papel da administración educativa, co diñeiro e recurso destinados á educación no marco dos orzamentos da Xunta, cos cadros de persoal co que dota os centros públicos, cos profesionais destinados a atención a diversidade, coa obriga de impartir materias afíns, co agrupamento de alumnado de diferentes idades, coa regresión na política de axudas para libros de texto e material escolar, na xestión do transporte escolar ou no pago polo uso do comedor escolar.

Volver