A mellora da convivencia nas aulas pasa pola redución das ratios e carga lectiva así como polo reforzo da formación

A Consellaría presentou un informe sobre convivencia nunha reunión do Consello Galego no que o goberno volve amosar a súa desconsideración pola comunidade educativa.

Tal e como se desprende dos resultados da enquisa levada a cabo pola Consellaría de Educación (Informe de diagnose 2019), os principais problemas relacionados coa convivencia nos centros educativos situaríanse no desenvolvemento das clases e no intercambio das mesmas; tamén nos recreos co profesorado.

Estes resultados veñen indicar, unha vez máis, como levamos denunciando desde a CIG-Ensino após a aplicación dos recortes no ensino público, que as ratios, o horario do profesorado, a súa formación en temas de convivencia, igualdade e atención á diversidade son fundamentais así como o tratamento destes temas no currículo dun xeito transversal.

Se os principais problemas de convivencia se producen dentro das aulas só pode ser debido a dous factores: primeiro, unha ratio elevada que provoca a imposibilidade dunha atención individualizada e o tratamento de problemas persoais e de colectivos e,  en segundo termo, a una carga lectiva excesiva que tamén imposibilita esa mesma atención individualizada e grupal. Hai moito alumnado dentro das aulas que está a quedar descolgado, debido a múltiples factores persoais, sociais, familiares, etc…, e que polo tanto esa imposibilidade de seguir o grupo vai provocar con certeza un problema de convivencia.

Está claro que nos atopamos nun momento no que o noso alumnado é cada vez máis diverso e cambiante, os seus problemas son hoxe diferentes pero tamén os seus intereses e necesidades e, se o sistema educativo non atende a estes cambios, lévanos a situacións de frustración que desembocan en conflito.

O tema da convivencia nos centros educativos é un tema fundamental que só pode abordarse desde a formación tanto do profesorado como do alumnado e con medios e recursos suficientes: redución das ratios, horas de titoría que permitan o tratamento dos problemas dende una perspectiva global e de mediación e non desde o castigo e a sanción.

Un Consello Galego de Convivencia na vía morta 

O desenvolvemento do Pleno do Consello Galego de Convivencia evidenciou de novo a alerxia patolóxica da Consellaría de Educación aos órganos de participación actualmente existentes. Un ano despois da última reunión deste Consello (só se reuniu tres veces na actual lexislatura) a acta non se enviou até a véspera da reunión, un ano despois da reunión! 

O informe presentado foi entregado na mesma reunión en papel, sen previo envío aos membros do Consello e unha vez que xa se lle remitira aos medios de comunicación previamente ao inicio do pleno e se colgou na web da Consellaría. A CIG-Ensino criticou este xeito de actuar, coa que se nos nega a posibilidade de facer ningún tipo de achegas nin a revisar con profundidade o documento ao non ter coñecemento previo del.

Volver