A Consellería ignora un ano máis o Consello Galego de FP ao non negociar a oferta educativa de formación profesional

Como vén sendo habitual a administración emprega este órgano para informar das súas intencións de cara ao vindeiro curso pero sen tomar en consideración as achegas da representación do profesorado.

A Xunta anunciou que o ano que vén se incrementa a oferta educativa nun 1,4% pero é un dato enganoso porque se trata fundamentalmente das ensinanzas de FP básica, que apenas supoñen investimento orzamentario para a administración.

A Consellería de Educación chegou un ano máis á reunión do Consello Galego de FP coa proposta de oferta formativa pechada para o vindeiro curso e limitouse a informar dos cambios existentes con respecto a este ano e desprezando a función negociadora que debe ter este órgano. Os representantes da administración non teñen en conta nin a opinión do profesorado nin a da comunidade educativa ao respecto do mantemento ou da implantación de novos ciclos en Galiza. En moitas ocasións semella incluso que xoga cos centros de ensino a unha especie de “ensaio/erro”, quitando e trasladando ensinanzas dun centro a outro sen facer unha avaliación seria e ordenada da oferta e da demanda existente por familias profesionais e por comarcas. 

Atopámonos, por exemplo, con familias profesionais que non están sendo potenciadas pola administración, e que mesmo están a sufrir o recorte de ciclos, cando, por outra banda, nos centros está habendo dificultades para atender á demanda de emprego e de realización das prácticas, como é o caso da familia profesional de Edificación e Obra Civil. Na oferta presentada onte no Consello a administración volve esquecer o rural, privando de ciclos formativos e asfixiando pouco a pouco as zonas do interior e menos poboadas. Esta estratexia afondará na despoboación xuvenil e no seu éxodo cara as cidades ao reducir as posibilidades da xente moza de formarse nas súas localidades de orixe. 

Con respecto ao borrador presentado os responsábeis de FP da Xunta explicaron que malia que para o vindeiro curso aparecía a implantación dun novo Ciclo Superior de Acondicionamento Físico en cinco centros finalmente este non se vai poñer en marcha ao estar paralizado no Ministerio por existir un conflito coa Universidade. Desde a CIG-Ensino agardamos que se solucione canto antes esta situación para coñecer se finalmente este título se pode ofertar mediante as ensinanzas de FP. 

Anuncios fume e aposta pola privatización coa FP dual 

A Consellaría vendeu que o vindeiro ano se aumenta a oferta formativa nun 1,4%, pero podemos ver que o incremento se produce sobre todo na FP Básica, unha formación que está moi subvencionada polo Fondo Social Europeo, o que significa que o investimento que se realiza neste ámbito é moi escaso por parte da administración. Ademais, con aumentar este tipo de oferta non se solucionan os distintos problemas que están a xurdir nos centros, sobre todo naqueles nos que se comparten estas ensinanzas e nos que existen dificultades de coordinación entre o profesorado, as titorías, os horarios e o seguimento e tutela do alumnado. 

En canto á FP Dual a Consellaría segue un camiño de continuidade e de ampliación en detrimento doutro tipo de formación. En concreto, atopamos casos de centros que solicitan ciclos formativos ou FP Básica, e non llos conceden porque xa teñen FP dual desa familia profesional nesa ou noutra localidade. É o caso, por exemplo, do Ciclo Superior da familia de Madeira, Moble e cortiza que non se oferta en Lugo porque xa se vai impartir a través dunha empresa con FP Dual ou na familia profesional de Hostalaría e Turismo que tamén vai ter esta modalidade formativa con Paradores na zona da Coruña e, polo tanto, xa non se amplían ciclos noutras áreas do país. Neste sentido, temos que denunciar que a administración segue coa teima de implantar o segundo curso de FP Dual, a pesar de que o Ministerio aínda non aprobou o novo Real Decreto que garanta que esta nova modalidade vaia ser válida. 

A FP con perspectiva de xénero 

A CIG-Ensino solicitou na reunión que se aborde a oferta formativa e sobre todo a orientación previa que se realiza nos centros educativos cara a estas ensinanzas desde unha perspectiva de xénero. Sería desexábel que a Consellaría abordara a realización dunha campaña informativa na que se poña de manifesto que as profesións non teñen xénero e que son necesarios profesionais de ambos dous xéneros en todos os ámbitos e familias profesionais.

CIG Informa sobre a reunión do Consello Galego de FP o 18 de xuño de 2018

Documento


Volver