A Conselleira utiliza o parlamento para facer pública unha oferta de emprego público non negociada coa representación do profesorado

A CIG-Ensino denuncia filtracións interesadas das especialidades a convocar que son difundidas sen a menor crítica nin contraste

Carmen Pomar, Conselleira de Educación da Xunta de Galiza segue os pasos do seu predecesor no cargo e usa o Parlamento de Galiza como altofalante publicitario dunha oferta de emprego público que non se negociou, tal e como é preceptivo, coa representación do profesorado na Mesa Sectorial.

Desde a CIG-Ensino esiximos un estudo serio sobre as xubilacións en cada unha das especialidades así como sobre os postos de traballo ocupados polo persoal interino, previo a unhas negociacións reais coas organizacións sindicais, para decidir en que especialidades teñen que ser convocadas as oposicións.

Unhas oposicións convocadas sen ese estudo previo, e en ausencia dun acordo de estabilidade faría perigar seriamente o posto de traballo de moito do persoal funcionario interino que está traballando para a Consellaría nos centros educativos.

A CIG-Ensino lamenta que haxa organizacións sindicais que se fagan eco de filtracións interesadas sen achegar nin sequera unha mínima crítica polo feito de que non se negocien previamente coa lexítima representación do profesorado galego.

Volver