A Consellaría segue sen tomarse en serio a coeducación e obriga aos centros a crear Plans de igualdade con disparidade de recursos e apoio

A comezos deste curso as direccións dos centros de ensino recibiron unhas instrucións para que leven a cabo actividades en materia de coeducación sen proporcionar formación específica nin redución horaria para a súa realización.

Mentres que para os CIFP´s está a destinar partidas orzamentarias que nalgúns casos chegan aos 35.000 euros e unha guía de actividades a desenvolver, no resto de centros o orzamento, dependendo do número de alumnado, rolda os 1.000 euros, e esíxenlles a elaboración dun Plan de igualdade nun breve prazo de tempo.

Despois de recibir as queixas por parte dos centros educativos a respecto da última esixencia da Consellaría para que realicen a comezos deste curso traballo sobre coeducación pero sen garantir nin formación para o profesorado nin redución horaria, a CIG-Ensino comprobou que, unha vez máis, á administración só lle interesa “cumprir de cara á galería”. Ademais, neste caso está a abordar esta nova esixencia de forma dispar en canto a recursos e apoio fornecidos aos centros. Mentres que para os Centros Integrados de FP a Dirección Xeral de FP envioulles un texto cunha batería ou proposta de posíbeis actividades a realizar ao que se acompañaba unha dotación orzamentaria que nalgúns casos chegou aos 35.000€, para o resto de centros as instrucións limitábanse á obrigatoriedade de elaborar un Plan de Igualdade, alén de recibir un orzamento que, dependendo do número de alumnado, roldaba os 1.000€. 

Polo que puidemos comprobar desde a CIG-Ensino, nalgúns casos dada a intensidade de traballo que se vive nestes momentos nos centros nin se puido comezar a realizalo e noutros estase intentando levar a cabo de maneira atropelada e para “saír do paso” un Plan de Coeducación. En certos CIFP´s tomáronse medidas tan sorprendentes como subcontratar a empresas privadas para que executen este traballo por 30.000€. 

Ademais de que a comezos de curso non é a época máis idónea para acometer unha tarefa tan difícil como imprescindíbel, a administración segue sen fornecer un plan de formación que consiga unha sensibilización, unha implicación e un dominio de coñecementos do profesorado que lle permita traballar a coeducación co alumnado dun xeito didáctico e eficaz. Así mesmo, tal e como demandamos desde o sindicato, o persoal docente precisa traballar en condicións dignas para que a tarefa titánica de coeducar non siga recaendo no voluntarismo dunhas cantas docentes, nun traballo feito rápido e mal ou nunha subcontratación a unha empresa privada. 

Toda esta situación é unha mostra evidente de que a Consellería de Educación despreza un tema que é piar do propio sistema educativo e busca a forma de despachalo de xeito “trapalleiro e irresponsable”. Se realmente tomase en serio a coeducación, a administración poría os medios necesarios para que estas instrucións tivesen unhas medidas de acompañamento e elaboraría unha Orde ou Decreto que as respalde como de feito xa existen noutras comunidades autónomas. 

A cuestión horaria tamén afecta ao traballo sobre coeducación 

Desde a CIG-Ensino queremos enmarcar este problema nas actuais reivindicacións que estamos levando a cabo respecto á recuperación dun horario lectivo que nos foi usurpado. Se temos un horario lectivo de 20 horas (secundaria) e de 25 horas (primaria), fronte ao de 18 e 21 que tiñamos respectivamente hai uns anos, estamos aforrando miles de docentes cos seus correspondentes soldos. Á Consellería sáelle máis barato provocar que os fracos e cargados cadros de persoal sexan “axudados” por empresas privadas alleas aos centros. É isto o que realmente lle interesa a coeducación á Consellaría? Unicamente achega cartos para poder dicir que investiu neste campo aínda que sabe a nula incidencia que pode ter un traballo traído de fóra dos propios centros de ensino, de costas á sensibilización e á implicación da totalidade do profesorado neste aspecto. Non sería mellor que houbese redución horaria para o profesorado que puidese dedicarse a esta tarefa de maneira que se implicase e implicara ao conxunto do centro? 

Material da CIG-Ensino para suplir estas carencias 

Alén desta denuncia necesaria, desde a CIG-Ensino, conscientes da falla de materiais que existe neste contido transversal, queremos ofrecer ao profesorado o traballo “Materiais para a coeducación 2. A elaboración dun plan de igualdade nun centro educativo” da autoría de Marian Moreno Llaneza que se pode consultar na nosa web. Tamén achegamos os contidos do caderno “Materiais para a coeducación 1: Claves para a elaboración dun plan de coeducación nun centro de ensino”. Editamos tamén outro material relacionado que se pode consultar na sección de recursos da nosa web

Desde a CIG-Ensino facemos un chamada de atención porque pensamos que a coeducación apréndese, ensínase e crese nela; non se compra nin se esixe como parece entender a Consellería de Educación.

Volver