A Consellaría segue sen desenvolver a Lei pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI no ensino público

No Día do Orgullo LGTBI, a CIG-Ensino lembra que 4 anos despois de aprobarse esta lei, a Consellaría comeza a introducir timidamente nos plans de estudo contidos para divulgar a realidade deste colectivo nos centros educativos.

O sindicato defende que todo o relacionado coa coeducación e coa eliminación das discriminacións na sociedade ten que abordarse de forma transversal en todos os niveis educativos e por iso vén de promover unha unidade didáctica baixo o título "Normal é un programa da lavadora" para abordar esta cuestión nas aulas de Primaria e de Secundaria.

A realidade das persoas LGTBI segue a ser ignorada no sistema educativo galego. A Consellaría actúa con total desleixo ante un tema que non foi nunca prioridade na súa actividade política. Como en tantas ocasións, o traballo de moitos e moitas profesoras vai moi por diante da desidia que amosa decotío a administración. É así como xa hai centros que teñen aprobados e desenvolvidos plans de igualdade ou realizan actividades de visibilidade e respecto da diversidade afectivo-sexual. Mais isto non pode facer que esquezamos que é obriga da Consellaría desenvolver a propia Lei 2/2014 pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza , co obxectivo de loitar contra o acoso escolar por razón de orientación sexual ou identidade de xénero e de promover dunha maneira efectiva unha formación docente que garanta que o profesorado teña todas as ferramentas precisas para apoiar a igualdade de xénero. Só mediante o desenvolvemento de forma transversal se poderá promover que os nosos centros sexan realmente coeducativos e respectuosos coa diversidade afectivo-sexual, de xénero e familiar; libres por tanto de prexuízos, sexismos ou homofobias.  

Desde a CIG-Ensino apostamos por promover un ensino laico e de calidade que integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais e a diversidade familiar, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais e didácticas que inclúan a realidade LGTBI para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade. 

Co ánimo de suplir, na medida do posíbel, a inacción da Consellaría neste eido, a CIG-Ensino distribuíu a principios deste mes entre os centros educativos a Unidade Didáctica Normal é un programa da lavadora para traballar tanto nas aulas de Primaria como de Secundaria a diversidade de orientación sexual de cara á conmemoración do 28 de xuño, un material que tivo grande aceptación por parte do profesorado. 

Anuncios de cara á galería 

A Consellaría vén de anunciar por fin dúas materias de libre configuración no Bacharelato relacionadas coa Sociedade Inclusiva e a Coeducación para o século XXI pero que, de momento, non se sabe sequera se se van poder implantar o vindeiro curso ao non estar aínda publicado o seu currículo no DOG. De feito, algún centro xa manifestou o seu malestar por non poder planificar a inclusión dalgunha destas materias na oferta educativa do vindeiro curso antes da apertura do prazo de matrícula. 

En calquera caso, desde o sindicato defendemos a impartición dunha materia sobre sexualidade desde unha perspectiva de igualdade e xénero en todos os centros educativos, abordar de forma transversal a coeducación en todas actividades formativas de profesorado e levar a cabo traballos de divulgación sobre a realidade do colectivo LGTBI entre as ANPAS. Tan só deste xeito se podería chegar a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) e non quedármonos só nos anuncios de cara á galería que unha vez ao ano fai a Xunta nun centro de ensino a respecto de materias que non se sabe sequera se se van impartir o vindeiro curso.

Volver